lunes, 9 de abril de 2012

LECTURAS


DOMINGO DE RESURRECCIÓN

PRIMEIRA Feit 10, 34a. 37-43
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS
APÓSTOLOS
Temos comido e bebido con el despois que resucitou de entre os mortos

Naquel tempo tomou Pedro a palabra e dixo:

Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ó terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós que comemos e bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos. E mandounos que predicasemos ó pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos. El é de quen tódolos profetas dan este testemuño: tódolos que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.


SALMO RESP. Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/ : Éste é o día que fixo o Señor;
exultemos e alegrémonos con el.

Ou: Aleluia

 
Louvade o Señor porque é bo,

porque o seu amor é eterno.

Que o diga a casa de Israel:

o seu amor é eterno;


a dereita do Señor é poderosa,

a dereita do Señor é valente.

Non hei morrer, vivirei

e cantarei os feitos do Señor.


A pedra que desbotaron os canteiros

convértese en pedra angular.

Isto é cousa do Señor,

admirable feito á nosa vista.



 
SEGUNDA Col 3, 1-4
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES
Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo
 
Irmáns e irmás:

Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra. Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.


Ou tamén: 1 Cor 5, 6b-8
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN
PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova

Irmáns e irmás:

¿Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ázimos que sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado. Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ázimo de pureza e de verdade.


SECUENCIA
Victimae paschali laudes, p. 449.


ALELUIA 1 Cor 5, 7b-8a:

Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;

así que celebremos festa no Señor


EVANXEO Xn 20, 1-9
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
É necesario que resucite de entre os mortos

O día primeiro da semana María a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:

-Colleron do sepulcro ó Señor, e non sabemos onde o puxeron.

Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro. Corrían os dous á par.
Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro.
Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu.
(Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos). Entón os discípulos voltaron para a casa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario