Reflexión
- Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén
consegue chamar a nosa atención; neste mundo tan saturado de coñecementos e
noticias no que prima o pragmatismo; neste mundo tan falto de esperanza e de
boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que? Velaí a pregunta do
millón que ten varias posibles respostas: a xente non quere compromisos, a
xente non conecta con el, a xente non o considera unha boa nova, a xente non
está disposta a cumprir as súas esixencias.... e, se cadra, tamén é posible que
nós ensinemos coma os letrados e coma os rabinos, e non coma Xesús. Eles
ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos
maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas,
administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu
maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra;
pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de
aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. Porén, Xesús ensinaba con
autoridade. No fondo está, onte coma hoxe, o conflito entre dúas concepcións
relixiosas: unha, a dos letrados, que privilexia como acceso a Deus as
esixencias rituais da pureza; outra, a de Xesús, que privilexia o compromiso
coa xente. Así, na sinagoga interprétase con rigor e precisión a lei, pero o
endemoñado continúa dominado pola súa enfermidade e esmagado pola mesma
sensación de desamparo e dependencia. Ata que chega Xesús. A súa práctica
revoluciona o ambiente. Os letrados calan, pero a xente sabe discernir: Xesús
libera e sanda, ensina con autoridade, non coma os letrados. Iso é bo, é unha
boa nova, e provoca asombro no pobo. Pero os que se senten desenmascarados e
desposuídos do seu poder pola súa práctica, calan ou berran, evádense da
conversión. E non aceptan os sinais do Reino. E hoxe, non nos estará pasando o
mesmo a moitos cristiáns que seguen a esgazarse as vestiduras mesmo diante
dalgunhas palabras do Papa Francisco que son milimetricamente analizadas e
cuestionadas?. Como diría Hélder Cámara: “Se lle dou de comer aos pobres, din
que son un santo. Pero se pregunto por que hai pobres, din que son comunista”.
- Porén, Xesús
atraía multitudes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que
facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar
autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós,
que somos a súa Igrexa, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito
de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis
ben a intereses ocultos dalgúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo
deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o
centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.
- A Palabra
invítanos a mirar ao noso redor e preguntarnos: onde están os profetas hoxe?,
quen son os que anuncian, sen necesidade de facer cousas extravagantes e raras,
a Xesucristo?. Ao mellor non nos facemos estas preguntas; tamén pode pasar que
escoitemos a Palabra e a deixemos esvarar por nós, sen tentar de remoela e
levala á vida de cada día. Pois inda que nos pareza estraño, El segue
suscitando nas persoas actitudes de compromiso, loita e traballo a prol das
cousas do mundo, para cambialas e facer delas lugares e ámbitos da súa
presenza. Seguen xurdindo homes e mulleres que, deixándose levar pola forza da
Palabra, son no medio do mundo ollos, boca e mans do mandado de Deus: amádevos.
Porque cando un é coherente con aquilo que cre, reza e vive.... iso é
autoridade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario