domingo, 27 de abril de 2014

LECTURAS

  DOMINGO II DE PASCUA  CICLO A

Primeira Lectura    Feit 2, 42-47
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común
 
            Os irmáns eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais.
            Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme as necesidades de cada un.
            Todos a unha asistían diariamente ao templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; loaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo.
            Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ao grupo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 117, 2-4. 13-15. 22-24
R/. (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou:  Aleluia.

Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.

Empurraban e empurraban para tirarme,
pero o Señor axudoume.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
El é a miña salvación.
Hai un clamor de gozo e de vitoria
nas tendas dos xustos:
a destra do Señor fixo proezas.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.


Segunda Lectura    1 Pe 1, 3-9
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Rexeneróusenos a esperanza viva pola resurrección de Xesús Cristo de entre os mortos
 
            Loado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón, resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza, a unha herdanza que non se corrompe nin  afea, nin murcha, predestinada por Deus para vós;  grazas á fe que vós tedes, estades protexidos polo poder de Deus con vistas á salvación que está para se manifestar, no intre final.
            Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas. Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía có ouro que, a pesar de ser pasadío, aquilata no lume e considérase merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. A quen amades sen o ter visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.


Evanxeo    Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús
 
            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles e díxolles:
            Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
            Dicíanlle entón os outros discípulos:
             Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
            Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
            Paz convosco.
            Despois díxolle a Tomé:
            Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus, e, crendo, teñades vida nel.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

CREDO DA PASCUA

Creo que na túa resurrección
alcanza sentido o meu vivir,
o meu camiñar e o meu morrer.

Creo que na túa resurrección
a miña fe atopou o seu apoio
na luz, na forza e na paz.

Creo que na túa resurrección
foi vencida a miña covardía
e desafiado o meu vello temor.

Creo que na túa resurrección
eu fun espertado a unha vida
sen praias nin fronteiras.

Creo que na túa resurrección
perden peso os rancores
e apoio as turbias trampas dos homes.

Creo que na túa resurrección
a miña carne recibiu as arras
dunha inmortalidade máis aló da morte.

Creo que na túa resurrección
os nosos mortos alcanzan a paz
e a luz da túa presenza.

Creo que na túa resurrección
a nosa fe adquiriu categoría
de consistencia e de contacto.

Creo que na túa resurrección
a nosa esperanza deixou de confundirse
co optimismo e a utopía.

Creo que na túa resurrección
o noso amor renace en proximidade
aos que nada son e nada contan.

Creo que na túa resurrección
a historia dos homes e mulleres
achou o seu centro e o seu sentido.

Creo que na túa resurrección
o mundo deixou de ser escenario
para converterse en compañeiro do home.

Creo que na túa resurrección
as cousas desta terra recobraron
a súa limpa luz recentemente nada.

Creo que na túa resurrección
foron bendicidos o traballo e o progreso,
o amor e a amizade.

Creo que na túa resurrección
aos pobres do mundo anúnciaselles
a definitiva e feliz liberación.

Amén. Aleluia.

 José-Román Flecha Andrés

REFLEXIÓN


* Aqueles primeiros cristiáns tiñan algo que a nós, se nos miramos á cara cando participamos nas celebracións, nos falta: ilusión. Ilusión por reunirse, ilusión por coñecer, ilusión por aprender, ilusión por dar testemuño coa súa vida daquela boa nova que non querían gardar para eles, senón comunicarlla aos demais. E esta ilusión ía facéndoos persoas que puñan sempre as metas, os obxectivos, mesmo os logros, -inda que fosen pequenos-, por riba dos atrancos e dificultades. Somos nós tamén así, persoas claras, sinceras, gozosas de compartir e buscar a unión?. Eles eran testemuñas porque a súa confianza e a súa convicción facían que non tiveran medo. E nós?. Eles escoitábanse uns aos outros, botábanse unha man cando era preciso, corrixíanse sen que isto supuxera unha ofensa para quen recibía a corrección... Podemos preguntarnos: que nos queda de todo isto?. Que facemos para non deixar esmorecer a frescura dunha fe renovada na Pascua e chamada a ser xermolo de esperanza nunha sociedade cansada, abúlica, triste e con pouca esperanza?. Dámonos conta desta responsabilidade, ou xa temos tan adaptada á nosa comenencia a fe que todo isto nos esvara?.

* A insistencia neste tempo de Pascua en lembrarnos o importante que é ser sinxelos e afastar de nós a tentación do orgullo, da soberbia e da superioridade ten que levarnos a ir dando pasos para que a nosa vida cambie e non se mova continuamente na rutina do de sempre se ten feito así e na que tantas veces insistimos. Quen se cre mellor e máis importante cós demais non é consciente de que precisa dar grazas, de recoñecer o que outros fan para que nós poidamos estar mellor e ser máis felices. Non é só de ben nacidos ser agradecidos; senón que no agradecemento, os que nos chamamos seguidores de Xesús, estamo sa mostrar o que é un alicerce da nosa fe: recoñecer ao outro como un igual, non como un inimigo que me odia e quere o peor para min, senón coma aquel que me acolle, me escoita e se preocupa de min e do que fago; non para fiscalizarme, senón para axudarme e facerme a vida máis doada. E esta invitación a facer do agradecemento non unha rutina, senón un valor a potenciar cada día, fainos nacer de novo á esperanza. Fai que recuperemos -a pesar de que moitas veces os feitos, as novas e as decisións que tomamos parezan dicir o contrario-, a alegría e a confianza nas persoas. Porque ao lado dos que saen nas noticias por facer barrabasadas hai moitas outras persoas -millóns, deberiamos dicir-, que sen ser famosas nin ter unha cámara diante, fan da súa vida un canto de entrega e xenerosidade cara aos demais. Ese é o algo novo que trae a resurrección de Xesús, e que nós, ao mellor nin o sabemos nin o queremos saber, porque implicaría que teriamos que ser tamén nós brisa de solidariedade, acollida e axuda para quen nos necesite... inda que non supoña iso o minuto de gloria no telexornal, nin nos faga famosos; pero si plenamente satisfeitos e realizados como seguidores do Mestre. A este nacer é do que nos fala Pedro, e ao que nos chama.

* Por iso, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos chega hoxe Xesús a nós para dicirnos: paz convosco. Que aproveitemos o tempo da nosa vida, das nosas relacións, do noso facer e tecer comunitario para ser portadores e potenciadores desa paz alí onde esteamos. E non dubidemos nin teñamos medo: Xesús sempre chega. El non se vai. Somos nós os que nos esquecemos e lle damos as costas. Recuperemos a súa paz e camiñemos desde a súa alegría.