O ano
litúrxico vainos levando, pouco a pouco, polas diversas experiencias cristiás
da nosa fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que
moito máis pobremente, no Nadal. Na Coresma preparabámonos para sentirmos con Xesús
as súas tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa
nova a tódalas persoas, de maneira especial ós máis necesitados e marxinados.
E, agora, nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a
morte de Xesús.
Mais tamén sabiamos que tras este
aparente fracaso da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía
acontecer un novo rexurdimento. Un aparecer de Xesús resucitado, que non
morrerá xa máis. Xesús converteuse así nun sol radiante, que non volverá ter
máis solpores. Xoán cóntanos hoxe no evanxeo que a Magdalena foi ó sepulcro moi
cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que podemos entender tamén
simbolicamente. A Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á
Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos todos como bolboretas
inquedas que, sen podérense resistir, voan cara á luz nunha noite escura.
Non hai
cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto querémolo, ademais, para
sempre, sen que endexamais rematen. Deus puxo esta querenza no noso corazón e
coa resurrección do seu Fillo e irmán noso, esta nosa fonda querenza atopa
xustamente o que busca. A luz e a vida aquí e agora e máis alá da morte están
así en boas e seguras mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en “Señor” de
todo.
Este é o
significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos
destinados, máis alá das nosas particulares mortes, a vivirmos para sempre.
Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar nunca máis angustias
mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir para
sempre. De modo que a vida nunca rompe consigo, pois sucederase a si mesma,
aínda que dunha forma incomparabelmente máis viva. Por iso, os primeiros cristiáns
loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, cantando “aleluia”, como tamén
fixemos nós despois da Primeira Lectura. Pois “aleluia” quere dicir xustamente
iso: “loado sexa Deus”.
“Loado
sexa Deus” pola súa incomparábel grandeza, polos seus grandes plans sobre nós.
Deus sempre fai as cousas á súa gran maneira. Porque os pequenos ou grandes
padecementos da nosa vida son en definitiva pouca cousa en comparanza co
grandioso destino que nos espera.
Por iso
debería ser a alegría o sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe.
Desta nosa fe, que ten os seus alicerces principais no acontecemento pascual da
Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é o modelo do que copian
tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir, como ben
sabemos, o día do “Señor”, é dicir, do que “domina” sobre todo. “Señor” en
latín dise “Dominus”. Coa súa resurrección converteuse, polo tanto, Xesús en
“Señor” de toda a creación, de todo canto existiu, existe e existirá.
En Xesús,
o “Señor”, ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso poderoso irmán
maior. Desta súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría. Como repite a
liturxia pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos
nel”. Da súa resurrección derívase a nosa resurrección. E esta é tamén, en
último termo, a razón do dito popular de estar alegre “como unhas pascuas”...
Agora ben,
se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá
que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Trátase dunha fe que, pola súa
parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles.
Pero, pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos
nós gozado daquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en cambio
sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a todos
nós: “Benia os que creron sen veren!”.
É
importante tamén ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola
resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que cada un
deles en certo modo gardaría para si mesmo, para o seu propio consolo
individual. Non. Era unha alegría comunitaria, compartida. Da mesma maneira que
Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os
demais, facéndonos partícipes incluso da súa resurrección, os seus discípulos
non podían proceder doutra forma. En consecuencia, estaban intensamente
pendentes dos problemas e das necesidades dos demais. Pois a todos viña
dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, xunto con el, fillos
dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da nosa existencia particular,
a unha resurrección definitiva.
Agora ben,
todo isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos confesamos
cristiáns, senón á humanidade toda, porque en Xesús resucitado quixo e decidiu
Deus Pai dar vida para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos
así chamados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de
Xesús.
Isto é o
que fixeron cantos tiveron a experiencia inmediata de Xesús resucitado. En
primeiro lugar as mulleres, que foron moi cedo a visitar o sepulcro do Señor.
Volven axiña para anunciarlles ós apóstolos a resurrección do Señor. O mesmo
fan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as diversas
aparicións ou experiencias que van tendo de Xesús resucitado.
Ó longo
dos tempos e dos séculos, fomos nós recibindo tamén, a través do anuncio do
evanxeo, esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente,
da resurrección que nos espera tamén a todos nós.
Por iso os
que recibimos esta grande nova temos que anunciala coa nosa palabra e co noso
comportamento a cantos non oíron falar dela ou quizais incluso non son capaces
de crer nela por ser precisamente a resurrección algo tan incríbel e
marabilloso. Pois a resurrección ten que ser necesariamente algo moi grandioso
precisamente por provir directamente do infinito poder e amor de Deus. E Deus é
sempre meirande ca canto poidamos imaxinar del.