sábado, 18 de mayo de 2013

Reflexión


Hoxe, domingo de Pentecoste, remata o tempo de Pascua. Ao longo dos cincuenta últimos días fomos acompañados polos textos da Escritura que nos narraban todo canto foran experimentando os Apóstolos logo da resurrección de Xesús: o paso da incredulidade, a incerteza, o desconcerto e desconfianza á confianza, á ilusión, ao sentido de descubrirse comunidade, á alegría de ir tomando conciencia de que Xesús seguía entre eles, que a morte non fora o seu final; que todo aquilo que lle foran escoitando e foran vendo no seu actuar seguía presente entre eles. Nunha palabra, que o fracaso non entraba nas súas vidas. E toda esta pluralidade de situacións anímicas e vivencias, descubriran tamén que era necesario dalas a coñecer, compartilas, comunicalas, para que outras persoas puideran sentir a mesma alegría e o gozo deles. É esta segunda experiencia a que tamén fomos seguindo ao longo do tempo de Pascua coa lectura dos textos do libro dos Feitos dos Apóstolos: as dificultades, problemas, inseguridades; a necesidade de estar xuntos, de colaborar de preocuparse uns polos outros... foron vivencias e situacións que a Palabra de Deus foi achegándonos.
Hoxe remata este camiño coa festa de Pentecostes. Alí os apóstolos perderon e medo e descubriron a importancia de dar a coñecer canto crían e vivían. Que tamén nós saibamos testemuñar con alegría esta experiencia de fe que temos recibido, e que cada domingo compartimos.

LECTURAS



DOMINGO DE PENTECOSTE - C



Primeira Lectura     Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar

            Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.
            Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.
            Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:
            "Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34
R/. (30): Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.

Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
Cantas son, Señor, as túas obras,
A terra está chea das túas criaturas.

Retiras o teu alento, e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e son creados
e renovas a cara da terra.

Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor.


Segunda Lectura      1 Cor 12, 3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo

            Irmáns:
            Ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.
            Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizo s, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
            A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.
            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SECUENCIA               

Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.

Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.

Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.

Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.

Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.


Evanxeo       Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós: recibide o Espírito Santo

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
            El díxolles outra vez:
            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
            Recibide o Espírito Santo: a quen
lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

VIAL LUCIS. 5ª PARTE

Como rezar o Via Lucis - 5ª parte


9ª ESTACIÓN:

XESÚS FORTALECE A FE DE TOMÉ.

Tomé non estaba cos demais apóstolos no primeiro encontro con Xesús resucitado. Eles contáronlle a súa experiencia gozosa, pero non se deixou convencer. Por iso o Señor, agora diríxese a el para confirmar a súa fe.

Do Evanxeo segundo San Xoán 20, 26-29
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
¡Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!

Comentario
Tomás non se deixa convencer polas palabras, polo testemuño dos demais apóstolos, e busca os feitos: ver e tocar. Xesús, que coñece tan intimamente o noso corazón, busca recuperar esa confianza que parece perdida. A fe é unha graza de Deus que nos leva recoñecelo como Señor, que move o noso corazón cara a El, que nos abre os ollos do espírito. A fe supera as nosas capacidades pero non é irracional, nin algo que se impoña contra a nosa liberdade: é máis ben unha luz que ilumina a nosa existencia e axúdanos e fortalece para recoñecer a verdade e aprender a amala.

Que importante é estar pegados a Cristo, aínda que non o sintamos preto, aínda que non o toquemos, aínda que non o vexamos!

Oración
Señor Xesús, auméntanos a fe, a esperanza e o amor.
Dános unha fe forte e firme, chea de confianza.
Pedímosche a humildade de crer sen ver,
de esperar contra toda esperanza
e de amar sen medida, cun corazón grande.
Como dixeches ao apóstolo Tomé,
queremos, aínda sen ver, render o noso xuízo
e abrazarnos con firmeza á túa palabra
e ao maxisterio da Igrexa que has instituido,
para que o teu Pobo permaneza na verdade que libera.


10ª ESTACIÓN:

XESÚS RESUCITADO NO LAGO DE GALILEA

Os apóstolos volveron ao seu traballo: á pesca. Durante toda a noite esforzáronse, sen conseguir nada. Desde a beira Xesús convídalles a empezar de novo. E a obediencia outórgalles un xentío de peces.

Do Evanxeo segundo San Xoán 21, 1-6a
Máis adiante aparecéuselles outra vez Xesús ós seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
Vou pescar.
Eles contestaron:
Imos nós contigo tamén.
Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de rompe-lo día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
Rapaces, ¿tedes algo que comer?
Eles responderon:
Non.
Díxolles entón:
Largade o aparello por estribor e atoparedes.

Comentario
Nos momentos de incerteza, os apóstolos únense no traballo con Pedro. A barca de Pedro, o pescador de Galilea, é imaxe da Igrexa, cuxos membros, ao longo da historia están chamados a pór por obra o mandato do Señor: 'seredes pescadores de homes'. Pero non vale unicamente o esforzo humano, hai que contar co Señor, fiándonos da súa palabra, e botar as redes.

Nas circunstancias difíciles, cando parece que humanamente se puxo todo pola nosa banda, é o momento da confianza en Deus, da fidelidade á  Igrexa, á súa doutrina. O apostolado, a extensión do Reino, é froito da graza de Deus e do esforzo e docilidade do home. Pero hai que saber descubrir a Xesús na beira, con esa mirada que afina o amor. E El premiaranos con froitos abundantes.

Oración
Señor Xesús,
fai que nos sintamos orgullosos de estar subidos
na barca de Pedro, na Igrexa.
Que aprendamos a amala e respectala como nai.
Ensínanos, Señor,
a apoiarnos non só en nós mesmos e na nosa actividade,
senón sobre todo en Ti.
Que nunca che perdamos de vista,
e sigamos sempre as túas indicacións,
aínda que nos parezan difíciles ou absurdas,
porque só así recolleremos froitos abundantes
que serán teus, non nosos.


11ª ESTACIÓN.

XESÚS CONFIRMA A PEDRO NO AMOR

Xesús colleu aparte a Pedro porque quere preguntarlle polo seu amor. Quere polo á fronte da nacente Igrexa. Pedro, pescador de Galilea, vai converterse no Pastor dos que seguen ao Señor.

Do Evanxeo segundo San Xoán 21, 15-19.
Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
Simón de Xoán ¿ámasme máis ca estes?
El contestoulle:
Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
Apacenta os meus años.
E de novo preguntoulle por segunda vez:
Simón de Xoán, ¿ámasme?
El respondeulle:
Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
Apacenta as miñas ovellas.
E preguntoulle por terceira vez:
Simón de Xoán, ¿quéresme?
Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez  "¿quéresme?", e respondeulle:
Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús díxolle:
Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estendera-las túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.
Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
Sígueme.

Comentario
Pedro, o impulsivo, o fogoso, queda a soas co Señor. Séntese avergoñado porque lle fallou cando máis o necesitaba. Pero Xesús non lle reprocha a súa covardía: o amor é máis grande que todas as nosas miserias. Lévalle polo camiño de renovar o amor, de recomenzar, porque nunca hai nada perdido. O tres preguntas de Xesús son a mellor proba de que El si é fiel ás súas promesas, de que nunca abandona aos seus: sempre está aberta, de pao a pao, a porta da esperanza para quen sabe amar.

A resposta de Cristo, Bo Pastor, é porlle a el e aos seus Sucesores á fronte da nacente Igrexa, para pastorear ao Pobo de Deus coa solicitude dun pai, dun mestre, dun irmán, dun servidor. Así, Pedro, o primeiro Papa, e logo os seus sucesores son 'o Servo dos servos de Deus'.

Oración
Señor Xesús,
que saibamos reaccionar antes os nosos pecados,
que son traizóns á túa amizade,
e volvamos a Ti respondendo o amor con amor.
Axúdanos a estar moi unidos ao sucesor de Pedro,
ao Santo Pai, o Papa, co apoio eficaz que dá a obediencia,
porque é garantía da unidade da Igrexa e da fidelidade ao Evanxeo.