sábado, 3 de mayo de 2014

Reflexión

A resurrección de Xesús é a maior e mellor de tódalas pegadas que El foi deixando tras de si. Nela invítanos a caer na conta que falar de resurrección é establecer no noso camiño unha meta, a orientación e o rumbo que queremos dar a nosa vida. Non é, polo tanto, nin algo máxico nin tampouco unha lenda ou un conto, como algúns ás veces din, senón un verdadeiro e grandioso xesto de amor que fai que a nosa vida cobre pleno e total sentido. Os camiños e as metas son fundamentais, porque van facendo que a vida se vaia desenvolvendo non ás toas, senón con pleno sentido.

Os crentes en Xesús de Nazaré sabemos que a vida, por difícil e moitas veces, na súa aparencia chea de fracaso, paga a pena vivila e comprometerse desde ela para facerlla máis doada aos demais. Que non todo son éxitos e acertos, tamén Xesús resucita nas incomprensións, nas tristuras, nos enganos nos que podemos caer. É máis, nesas situacións de aparente fracaso e frustración, é onde a resurrección se fai real e concreta; nela ábresenos unha treboada de esperanza que somos invitados a acoller para camiñar tras dela.

E esta invitación abríusenos na noite de pascua. Se lembramos, no pregón eramos invitados a manifestar que Xesús resucitara, que o pasado non vai volver, que hai que deixalo atrás, que agora xurde o novo, e non podemos deixalo pasar por diante nosa como se fose un costume ou unha rutina. Resucitou, si!, e con El sabemos que tamén nós iremos resucitando.
Pero o comezo desa resurrección xa está no aquí: o aquí que nos fai mellores persoas, o aquí que non nos deixa caer no pesimismo, o aquí que nos chama a non vivir a fe nin como costume nin como unha tradición, senón como unha experiencia viva e nova, que vai callando en nós, e nos ofrece un forno cheo de pan quente convertido en actitudes que buscan xustiza, que non calan diante da maldade, que non se volven indiferentes diante dos demais, que non volven a cara diante dos poderosos que oprimen, mandan e manipulan. Si, a resurrección xa comezou para cada un/a de nós, subamos ao carro e fagamos da nosa vida algo distinto.

• E que mellor signo que a reunión da comunidade no domingo para expresalo e vivilo. Coma os de Emaús, tamén nós hoxe somos invitados a recoñecelo neste pan que imos partir e compartir. Un pan que quere ser forza e alimento contra toda desesperanza, individualismo e calquera outra actitude derrotista. Nisto consiste afirmar que cremos que a morte non é o final do camiño. Ela, inda que aparentemente o poida parecer, non manda; é a vida á que se nos abre e á que se nos invita. Acollámola e rebelémonos di ante da indiferenza e a rutina! Porque Cristo resucitou, convencédevos: os malos non van gañar!

No hay comentarios:

Publicar un comentario