A capacidade do ser humano por facer cousas é grande; pero
non ilimitada. Estando aberta a novos retos, non sempre os acada, e mesmo se
así fose, habería outros moitos aínda por conseguir. Por iso podemos dicir que
as persoas somos para o futuro, para as novas oportunidades, para cambios e
proxectos que poidan ir chegando á nosa vida. Isto supón deixar atrás a
tentación -na que tantas veces caemos- de laiarnos e considerarnos que non
valemos nada nin somos quen de facer esta ou aqueloutra cousa. Diante deste
pesimismo, derrotista e anticristián, a lectura do libro da Xénese que acabamos
de escoitar pon diante nosa que a pesar do noso pecado, da nosa limitación ou
da incapacidade para acertar sempre, está Deus para non deixar que caiamos no
desespero. Fronte o que puidese parecer desde unha lectura superficial e pouco
centrada deste relato mítico e exemplarizante do libro da Xénese, está a
presenza de Deus que non nos deixa solos, senón que, aínda que nos axuda a caer
na conta de que non sempre facemos as cousas ben, vainos ofrecendo horizontes
novos e cheos de posibilidades e capacidade para seguir avanzando no camiño de
ofrecerlle ás persoas máis achegadas a nós, e mesmo á sociedade, experiencias,
logros e actuacións que nos van facendo a vida máis doada e feliz...cousa que
non podería ser así se fosemos só e sempre para o pecado. A graza do proxecto
de salvación que Deus nos ofrece, non só terma de nós, senón que nos abre
vieiros de futuro en forma de cambio, progreso, desenvolvemento, igualdade,
xustiza e humanización. A salvación sen reducirse nin afogarse nos
comportamentos éticos, si os esixe e necesita, para que as persoas crezamos e
maduremos de xeito harmónico e acompasado. E do mesmo xeito que dicimos que sen
xustiza non pode haber paz; temos que dicir que sen comportamento, actitudes,
éticas, non pode haber salvación...porque esta sendo sempre para todos
ofrecida, ha ser acollida desde a realidade do que e como facemos as cousas
cada día. De aí que a forza da fe e o sentido deste tempo de Coresma, non está
na desobediencia de Adan e Eva, senón na oferta que Deus lles/nos fai, e da
nosa dispoñibilidade a acollela. Por iso dicimos que non somos para o pecado,
senón para a graza e a esperanza. A misericordia que pedimos do Señor, non se
reduce a quedar nesta queixa de ter sido pecadores, senón na forza de quen
recoñecéndose así, pon todo da súa parte para superar esta situación e renovar
comportamentos e actitudes. A isto, e non a outras cousas vellas, sen sentido e
que facemos por costume, nos chama e invita este tempo de Coresma.
Rachar co anterior, non vivir de mirar sempre ao pasado e
esforzarse por construír desde o hoxe, e mirando sempre cara ao mañá, é unha
oportunidade que nos brinda sempre a Coresma. Os textos da palabra que se irán
proclamando ao longo de toda ela, as oracións das diferentes celebracións e os
cantos non son máis que tres axudas para facer deste tempo unha experiencia
verdadeiramente renovadora, gozosa e positiva neste tempo que agora estamos a
comezar. Que nós, seguindo a Paulo poidamos tamén expresar coa frase de que alí
“onde creceu o pecado, rebordou a graza”; que nada está perdido, somos fillos
das decisións libres e de nós vai depender abrirlle ou non a porta a esta
chamada de renovación que Deus, desde a liturxia, nos invita a realizar.
E todo iso non se fai só de boas intencións, senón que
necesitamos decisións concretas e comportamentos reais que nos leven a expresar
este desexo de non continuar nas nosas rutinas e nas canseiras que en vez de
ilusionarnos nos van agoniando. Son moitas as cousas que nos tentan e chaman a
abandonar, a non facer caso, a afastarnos da fe, porque nun mundo no que todo
se move e mide por economía e rendibilidade, as cuestións de fe non cotizan nin
aportan rendementos na nosa conta do banco. Pero a pouco que o pensemos, si que
nos daremos conta que nos ofrecen outras vivencias e outro sentido moito máis
enriquecedor: o sentido do que facemos e a capacidade de non sentírmonos
endexamais derrotados. E isto está moi lonxe do que prima ou está de moda no
mundo de hoxe. A tentación non está logo fóra de nós, senón en nós mesmos ao
non ser capaz de ser e actuar con criterios de verdadeira liberdade, e con
esixencias de responsabilidade. Non reduzamos entón a Coresma a deixar de comer
carne –cantos tristemente hoxe non poden comela nin na Coresma nin tampouco ao
longo do ano!– cumprir o precepto ou vivir na tristura dunha fe que amarga; e
comecemos a facer o verdadeiro xaxún, o xaxún ao que nos invita Xesús, de
crecer en misericordia e non deixarnos tentar por impoñer aos demais cangas
pesadas... que tampouco nos gustarían que nos puxesen a nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario