O pobo está a pasar por unha
tremenda crise económica, o paro multiplícase de día en día, a necesidade é
angustiosa en moitas familias.... Non só experimentamos a fame dunha vida máis
feliz, senón tamén, coma a multitude que acompañaba a Xesús, a fame e a
indixencia material. En todo o que poida facerse para solucionar esta
situación, os cristiáns e as cristiás temos que estar presentes, loitando contra
das desigualdades e os egoísmos, contra das excesivas diferenzas de salarios,
contra do emprego precario, contra da fuga de capitais, contra dos cartos
negros.... É verdade que non temos a solución, pero debemos infundir no noso
mundo un novo xeito que renove os sistemas económicos e faga posible o milagre
da multiplicación dos bens mediante un reparto máis xusto.
Hoxe a Palabra pon diante de nós dúas opcións radicais e
sinxelas: a dos que botan balóns fóra e a dos que saben compartir o que teñen e
o que son. Cantas veces nos temos escudado en infantís non sei, non podo, non
vallo, se de min dependera....... Pois claro que depende de nós!!!. De quen
senón? O Señor chámanos a endereitar o noso rumbo. Nós buscamos que nos vexan,
que nos aplaudan, que nos gaben... pero El insiste en que só desde a sinxeleza,
a humildade, o respecto e a valoración dos demais (Paulo) seremos capaces de
facer crible a súa mensaxe e seremos verdadeiras testemuñas no noso mundo. E
así, cunha actitude realista e positiva, soñando utopías posibles, seremos quen
de descubrir ao noso redor tantas milagres que nos pasan desapercibidas, entre
elas a de SER: persoa, irmán, amigo, consolo, man, sorriso.... A que esperamos?
No hay comentarios:
Publicar un comentario