domingo, 11 de diciembre de 2016

LECTIO

DOMINGO III DE ADVENTO (GAUDETE)
 (Ano A: 11 Nadal 2016)

            O tempo de Advento ten, como ben sabedes, unha certa ambigüidade en canto que por un lado podemos dicir que principalmente se refire á espera da festa de Nadal, do nacemento do Señor, mais por outro banda faise tamén alusión á derradeira vinda do Señor á fin dos tempos, cando o Cristo glorioso restaure definitivamente tódalas cousas.
            Por iso, é dicir, por esta que chamo “ambigüidade” do tempo de Advento, a actitude de espera e de esperanza na vinda de Xesús en Nadal vén sendo tamén unha especie de aprendizaxe da actitude que debemos ter sempre, durante todo o ano, durante toda a nosa vida, ata o noso definitivo encontro co Señor.
      Temos que ter, polo tanto, actitudes de espera, de esperanza, de alegría e de paciencia sempre, durante toda a nosa vida. Trátase dunha especie de cóctel de actitudes aparentemente difíciles de harmonizar, pero que constitúen de feito a sustancia mesma da nosa vida. Proclámao para todos, tamén para nós, o profeta Isaías cando nos di cousas como as que acabamos de escoitar na primeira Lectura: “Ponde firmes os xeonllos que tremen”. “Collede ánimo, non temades”. “Velaí chega o voso Deus, El mesmo,  e salvaravos”. “Os rescatados do Señor ... conseguirán ledicia e felicidade, pois o sufrimento e o pranto fuxirán”.
            Para un cristián que cre na mensaxe de Xesús coa forza que nos dá a súa graza, a vida enteira é coma un día no que hai de todo, chuvia, nubes brancas e negras, sol que nos amosa ás veces claramente a súa face, quenturas e friaxes. Días que teñen tamén as súas noites, mais noites que esperan a chegada do rei sol, que indefectiblemente chegará para que alume o novo día. Esta comparanza reflicte algo do que nos quere ensinar o tempo de Advento.
            Algo semellante nos vén anunciar a carta de Santiago da segunda Lectura. Estamos todos envoltos nun proceso que non remata e ó que deberiamos a cotío estar abertos. É un proceso semellante ó que se ten que someter toda semente que queira frutificar e sobrevivir máis alá de si mesma, mais manténdose ela mesma dunha forma nova, superior, como planta vizosa e produtora de novas sementes. Este é o misterio da vida, de toda vida, que leva consigo procesos difíciles e complicados como o mesmo morrer, aínda que o proceso real non remate aí. Proceso que require paciencia, esforzo, confianza, esperanza. Santiago dínolo na súa carta desta fermosa maneira: “Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará”.
            O tempo de Advento convídanos, pois, a sermos “sementes”. Pero sementes conscientes do que nos pasa en canto sementes que somos, conscientes dos cambios e procesos que ocorren en nós e que nos han levar a unha vida máis plena, máis verdadeira. Un gran de millo ou de trigo non sabe o que lle pasa cando se converte en semente, cando cae na terra, na escuridade, na humidade, nas chuvias, neves ou fríos da invernía que lle veñen enriba. Un gran de trigo ou de millo non pode saber nin crer, non pode sufrir, nin esperar. Nós, en cambio, podemos saber e sentir todo iso. Esa é a nosa diferenza e a nosa grandeza. Ese é o noso misterio, que nos asemella a Xesús na súa vida, nos seus padecementos, morte e resurrección.
            Este Xesús, guieiro e modelo noso, é o que nos pon hoxe diante dos ollos o evanxeo de Mateo. Dísenos nel que Xoán Bautista é loado por Xesús en canto “preparador” da súa Boa Nova. Pero só, e nada máis, en canto “preparador” ou iniciador do novo camiño de Xesús. Sabemos ben que o Bautista se centrou no labor de achanzar en certo modo o terreo para poderen os seu oíntes escoitar con proveito a mensaxe de Xesús. A linguaxe do Bautista era unha linguaxe de penitencia, de conversión, de temor ó xuízo de Deus. Un Deus concibido aínda sobre todo como castigador ou vingador. Xesús amósase, polo contrario, como “alegre anunciador” da Boa Nova, da alegre noticia. Como aquel que se presenta a si mesmo como “liberador” de todo mal, de toda limitación, como destrutor da morte, pois a resposta de Xesús ós discípulos do Bautista é esta: contádelle a Xoán que “os mortos resucitan”. Mais tamén teñen que lle informar a Xoán Bautista -segundo lles encarga Xesús- que el, Xesús, toma partido polos pobres, polos necesitados e marxinados da sociedade. Contádelle que “ós pobres se lles está a anunciar a Boa Nova”. É dicir, Xesús preséntase a si mesmo ante os discípulos de Xoán para que llo comuniquen a el, como o que, a diferenza de Xoán, vén amosarnos un Deus que nel, en Xesús, está aí non para condenar, senón para salvar, para amar e dar a súa vida por todos, para proclamar e construír esperanza, para sufrir cos que sofren e aledarse cos que se aledan.   
            Comprenderedes ben así por que o papa Francisco, na súa primeira encíclica ou Exhortación de hai só tres anos, nos falaba tanto da “alegría”, da alegría  que todo cristián ha de ter. O mesmo título dela o anunciaba: “Evangelii Gaudium”, é dicir, a alegría do Evanxeo. Este escrito do papa comeza así: “A alegría do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo sempre nace e renace a alegría. Nesta Exhortación quero dirixirme ós fieis cristiáns para convidalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa alegría”.
            O papa dinos que se trata dunha “nova” etapa de evanxelización, aínda que estea de feito, polo que antes comentei, en perfecta continuidade coa presentación de si mesmo que lles fai Xesús ós discípulos de Xoán Bautista para que lle leven a el a resposta de Xesús. Aquí está tamén a razón pola que Xesús, aínda que fai unha gran loanza do Bautista ó dicir del que é “moito máis ca un profeta” e que “ningún nado de muller fora meirande ca el”, engada a continuación que, malia dicir iso do Bautista, “o máis pequeno no reino dos ceos é meirande ca el”, co Bautista.
            Convertámonos, pois, a esta “alegre” e liberadora esperanza da “nova” Boa Nova de Xesús.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Na nosa oración comunitaria de hoxe dicimos: Ven, Señor Xesús.
Todos: Ven, Señor Xesús.
-          Ven á túa Igrexa, Señor, para que nos enchamos
do teu Espírito, da túa Boa Nova, e sexamos así xeradores de esperanza e alegría para os demais:
Todos: Ven, Señor Xesús.
-          Ven, Señor, ó noso mundo dividido, no que se asoballa a persoas e pobos, para que o teu Reino lle dea esperanza á humanidade:
Todos: Ven, Señor Xesús.
-          Ven, Señor, á nosa vida para que, iluminados pola luz do próximo Nadal, sexamos tamén luz e abeiro de paz e consolo para os que sofren.
Todos: Ven, Señor Xesús.
                                                                         
  Manuel Cabada Castro

viernes, 9 de diciembre de 2016

O Papa Francisco á Inmaculada.-

Ás catro da tarde, Francisco realizou a tradicional visita do Papa ao monumento á Purísima situado na Praza de España, un dos lugares emblemáticos da cidade de Roma.
Segundo informa Zenit, o santo pai Francisco visitou hoxe pola tarde en Roma, Praza de España, onde está a famosa columna coa imaxe de María Inmaculada, para o tradicional acto de veneración. Ese ano ademais da cesta de flores, foi posto un cesto con pans, para lembrar o recentemente concluído Xubileu da Misericordia e a quen ten dificultade para o sustentamento cotián. 
Superando importantes medidas de seguridade, miles de persoas esperábanlle alí, onde chegou o Santo Pai, mentres o coro da Capela Sixtina cantaba as ladaíñas en honra de María e o Tota Pulcra est Maria.
Aos pés da imaxe de María, o Papa recitou esta oración:

Oh María, nosa Nai Inmaculada,
no día da túa festa veño a ti,
e non veño só: traio comigo
a todos aqueles que o teu Fillo confioume,
nesta cidade de Roma e no mundo enteiro,
para que ti os bendigas e os salves dos perigos.

Tráioche Nai, aos nenos,
especialmente a aqueles sós, abandonados,
e que por este motivo son enganados e explotados.

Tráioche Nai, ás familias,
que levan adiante a vida e a sociedade
co seu empeño cotián e escondido;
de maneira particular ás familias que fan máis esforzo
debido a tantos problemas internos e externos.

Tráioche Nai, a todos os traballadores, homes e mulleres,
e confíoche especialmente a quen por necesidade,
esfórzase para realizar un traballo indigno
e a quen perdeu o traballo e non logra atopalo.

Temos necesidade da túa mirada inmaculada,
para atopar a capacidade de mirar ás persoas
ou as cousas con respecto e recoñecemento,
sen intereses egoístas ou hipocrisías.

Necesitamos do teu corazón inmaculado,
para amar de maneira gratuíta,
sen segundas intencións senón buscando o ben do outro,
con simplicidade e sinceridade,
renunciando a máscaras e maquillaxes.

Necesitamos as túas mans inmaculadas,
para acariñar con tenrura, para tocar a carne de Jesús
nos irmáns pobres, enfermos desprezados,
para levantar a quen caeu e dar apoio a quen vacila.

Temos necesidade dos teus pés inmaculados,
para ir cara a quen non sabe dar o primeiro paso,
para camiñar polos carreiros de quen está perdido,
para ir atopar ás persoas soas.

Agradecémosche, oh nai, porque mostrándoche
a nós libre de toda mancha de pecado,
ti lémbrasnos que antes de todo está a graza de Deus,
está o amor de Xesucristo que deu a vida por nós,
está a forza dl Espírito Santo que renova todo.

Feixe que non cedamos ao desánimo,
senón que confiando na túa constante axuda
empeñámonos a fondo para renovarnos nós
a esta cidade e ao mundo enteiro.
Reza por nós, Santa Nai de Deus.

Concluída a oración o Santo Pai saudou a diversos enfermos en cadeira de rodas que se atopaban presentes.
Os bombeiros teñen a honra de levar a coroa de flores cada ano, en particular quen está por retirarse. Fixérono pola mañá cedo. A coroa de flores foi levada a 28 metros de altura e alí debidamente suxeitada ao brazo da imaxe. Un pouco máis abaixo, na plataforma situada a 23 metros de altura serán levados outros ramos de flores. Roma está moi ligado á imaxe da Inmaculada pois foi inaugurada en 1857 grazas ao traballo de 220 bombeiros.
A praza de España toma o nome da embaixada de España ante a Santa Sé, que alí ten a súa sede e diante da cal se celebra a cerimonia. 

O papa Francisco, despois de render homenaxe á Nai de Jesús na Praza de España, dirixiuse á basílica de Santa María a Maior, deténdose en oración diante do ícono da Virxe que leva a invocación de Salus Populi Romani.

sábado, 3 de diciembre de 2016

LECTIO

DOMINGO II DE ADVENTO
(Ano A: 4 de decembro 2016)

            Estamos no segundo chanzo (2º domingo de Advento) desta escaleira que nos vai achegando, con humildade e abraio, ó berce de Nadal: alí onde está o Xesús Neno no presebe de Belén.
            Hoxe, a liturxia, as lecturas que acabamos de escoitar, póñennos diante dun cadro, dunhas imaxes, que nos tempos que corren semellan pura utopía.
            Mais Isaías é profeta e non un escritor de novelas. Eses escritos -as novelas- nos que nos mergullamos cando dispoñemos dun pouco de lecer, con ilusión e secreto contento, para así refuxiármonos dalgunha maneira da dura realidade que a vida tantas veces nos impón.
            Pero non. Isaías, movido e acendido no seu interior pola experiencia do espírito de Deus, fálanos dun futuro que terá que ocorrer, pois Deus quéreo. Fálanos dunha aparición neste mundo noso, no vello tronco da historia humana, dun xermolo humano-divino que se constituirá nun novo reino, nunha nova maneira de relacionármonos os humanos entre nós e co noso Deus. Un reino que, como sabemos, será un “reino de xustiza, de amor e de paz”.
            Oiamos e ollemos de novo as imaxes coas que nos describe Isaías eses novos tempos, anunciados por el. Na súa fermosura, non teñen desperdicio e compréndese así moito mellor con elas o que el nos quere anunciar ca con moitas ideas e conceptos ben precisos e aquilatados, que á fin e ó cabo non deixan de ser sempre algo abstracto:
            “O lobo habitará co carneiro e o leopardo deitarse co cabrito; o becerro e o leonciño pacerán xuntos: un meniño pequeno sacaraos ó pasto. A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías; o león, o mesmo có boi, comerá palla. Un meniño de leite xogará no tobo da cobra, e un neno destetado collerá a víbora coa súa man. Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo: o país estará cheo de coñecemento do Señor, o mesmo que as augas enchen o mar”.
            Ou sexa. O Deus que se nos amosará liturxicamente dentro de só tres semanas, nas festas de Nadal, é un Deus que quere implantar e implantará un mundo de convivencia harmoniosa na humanidade toda e en toda a fermosa creación, saída das mans e do corazón de Deus. Un mundo, un cosmos inmenso e variado, no que non haberá xa nin inimigos ou agresores, nin agredidos, senón só convivencia fraternal e pacífica e mutua colaboración.
            Claro que todo isto non ocorrerá sen nós, é dicir, sen a nosa propia acción e sen o noso compromiso coa paz, co amor, coa convivencia, coa igualdade entre todos, recoñecéndonos dese modo como fillos dun mesmo Pai e irmáns entre nós.
            Porque se Deus se nos amosa en Xesús coma un Deus pacífico e familiar, tampouco quererá el impoñerse ditatorialmente a si mesmo no mundo. Se tal cousa ocorrese, deixaría automaticamente de ser el o Deus libre e dador de liberdade e destruiría ó tempo en nós calquera pegada de liberdade para relacionármonos libremente con el, cos demais e coa creación que nos sostén e amorosamente arrodea.
            Por iso, nun moi fondo sentido, dependemos nós de Deus e el depende tamén de nós. Foi el quen quixo que as cousas fosen así. E por iso é moi sabio e de moi vastas consecuencias aquel dito ou consello de Santo Ignacio de Loiola que soa así: “Fai todo coma se todo dependese de ti e confíalle a Deus o resultado a Deus coma se todo dependese del”. Deus e mais nós, nós e mais el. “Entre” os dous somos quen de cambiar o mundo.
            Entenderemos ben así tamén por qué outro profeta, Xoán Bautista, algo máis achegado a nós ca Isaías, teña que incitar ós seus contemporáneo á “conversión” para dese modo estaren en condicións de aceptar a mensaxe de Xesús, que anda xa entre eles, é dicir, entre nós. O clamor do Bautista diríxese a todos, a grandes e cativos, a pecadores e a oficialmente “relixiosos”, servíndose das palabras de Isaías: “Preparade os camiños do Señor, endereitade os seus vieiros”.
            Somos, pois, nós –non Deus- os que temos que cambiar, os que temos que nos converter ós grandiosos e case incríbeis proxectos seus sobre nós. Proxectos que só buscan en definitiva a nosa plenitude e felicidade.
            O Bautista formula esta proclama súa desde o exemplo da súa propia vida persoal de renuncia a comodidades e seguridades, a todo iso que a meirande parte da xente do seu tempo e tamén do noso busca e anceia para si. O Bautista é parco no comer, no vestir e nas cousas das que fai uso. Renunciara tamén á cómoda e envexábel función de exercer o oficio sacerdotal no templo de Xerusalén, como sería normal se continuase a súa tradición familiar, sendo como era el o único fillo do sacerdote Zacarías.
            Por todo isto, o Bautista ten suficiente autoridade moral para chamarlles na cara “raza de víboras” tanto a fariseos coma a saduceos, ou sexa, ós representantes sociais e relixiosos mellor situados entre os demais. Porque os seus feitos non se correspondían co seu status social e relixioso. Non eran, polo tanto, tal como eles fachendeaban, verdadeiros e consecuentes “fillos de Abrahán”.
            Pola súa parte, Xoán, o “Bautista”, é dicir, o “bautizador”, sinálalles co seu dedo á xente e a través dos séculos tamén a nós, Xesús como o verdadeiro e auténtico bautizador, porque –segundo nos indica o mesmo Xoán e á diferenza del- Xesús nos bautizará a nós co “Espírito Santo”.
            Neste segundo domingo de Advento teremos, pois, que lle pedir ó Espírito Santo que descenda sobre nós, como descendeu sobre Xesús ó ser humildemente bautizado por Xoán. Dese modo seremos bautizados tamén nós coa forza e o poder do Espírito do Pai e do Fillo. É el quen nos dará graza e ímpeto para preparármonos para esta vinda en carne mortal de Xesús no Nadal e sermos así capaces de construír entre todos ese reino de paz e harmonía universal anunciado polo profeta Isaías.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Invocamos como fillos a Deus Pai para que atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a preparármonos coa túa graza para recibirmos con ledicia e agradecemento o teu fillo Xesús no Nadal.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Ilumina, Pai, coa forza do Espírito que vén de ti, a nosa mente e fortalece o noso corazón para loitarmos contra os atrancos que se opoñen á implantación neste mundo do teu reino de xustiza, fraternidade e harmoniosa convivencia entre todos.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Suscita, Pai, nos gobernos das nacións espírito solidario para que teñen sempre presente nas súas políticas as necesidades e problemas dos máis desfavorecidos.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                                   
           Manuel Cabada Castro

viernes, 2 de diciembre de 2016

PREGÓN DE ADVENTO

Alzade a vista, restregade os ollos,
oteade o horizonte e dádevos conta do momento.
Abride todos os sentidos, aguzade o oído.
Captade os berros e susurros, o vento e a vida...

Empezamos Advento,
e unha vez máis renace a esperanza no horizonte.
Ao fondo, clareando xa, o Nadal.
Un Nadal sosegado, íntima, pacífica,
fraternal, solidario, encarnado;
tamén superficial, desgarrado, violento...
mais sempre desposado coa esperanza.

É Advento esa nena esperanza
que todos levamos, sen saber como, nas entrañas;
unha chama temblorosa, imposible de apagar,
que atravesa o espesor dos tempos;
un camiño de solidariedade ben percorrido;
a alegría contida en cada traxecto;
unhas pegadas que non enganan;
unha xestación chea de vida;
anuncio contido de boa nova;
unha tenrura que se desborda...

Cheo de esperanza grita Isaías:
“Camiñemos á luz do Señor”.
Con esperanza pregoa Xoán Bautista:
“Convertédevos, porque xa chega o reino de Deus”.
Con sorpresa inaudita
acolle Xosé ao seu fillo e Mesías.
Coa esperanza de todos os pobres
rumorea María a súa palabra de acollida:
“Fágase en min segundo a túa palabra”.

Alegrádevos, saltade de xúbilo.
Póndevos voso mellor traxe.
Perfumádevos con perfumes caros.
Que se note! Vén Deus..
Preparade o camiño.
Xa chega o noso Salvador.
Espertade á vida!



Florentino Ulibarri

A NOSA SALVACIÓN ESTÁ XA MÁIS CERCA

VÉN, SEÑOR, XESÚS!

Que cando chegues e chames á miña porta
atopes a miña mente esperta,
o meu corazón inclinado totalmente a ti,
os meus pés sen desviarse do teu camiño
e as miñas mans envorcadas de cheo na realización do teu Reino.
Que non me durma, Señor,
e que, na noite da miña vida,
manteña acendida a lámpada da miña fe,
aberta a xanela das miñas primeiras ilusións
confiado na voz profética que me chega puntualmente en cada Advento.

VÉN, SEÑOR, XESÚS!

Son moitos os que desexan verme adormentado.
Son moitos os que me contan que non virás.
Son moitos, mesmo dos meus, os que se cansaron de esperar.
Axúdame, Señor, a ser persoa de esperanza,
a esperar coa ilusión dun neno
o escintileo da estrela dun novo mañá,
a noite máxica dun Nadal luminoso,
o misterio que asombra os meus ollos e o meu corazón
ao ver a túa humanidade e divindade xuntas,
como garantía da miña propia humanidade engrandecida.

VÉN, SEÑOR, XESÚS!

Que me manteña esperto, Señor,
para seguir mirando o horizonte da miña vida
sabendo que ao longo do Advento da miña historia chegarás,
porque estou convencido de que cumpres sempre as túas promesas.
E porque xa estás para sempre no meu corazón
desde o momento en que empecei a desexar que chegases?
E diso, Señor, fai xa moito tempo.

VÉN, SEÑOR, XESÚS!
Amén.




Isidro Lozano

sábado, 2 de julio de 2016

PORTADORES DO EVANXEO

 Lucas recolle no seu evanxeo un importante discurso de Xesús, dirixido non aos Doce senón a outro grupo numeroso de discípulos aos que envía para que colaboren con el no seu proxecto do reino de Deus. As palabras de Xesús constitúen unha especie de carta fundacional onde os seus seguidores han alimentar a súa tarefa evanxelizadora. Subliño algunhas liñas mestras.
«Poñédevos a camiño»
Aínda que o esquecemos unha e outra vez, a Igrexa está marcada polo envío de Xesús. Por iso é perigoso concibila como unha institución fundada para coidar e desenvolver a súa propia relixión. Responde mellor ao desexo orixinal de Xesús, a imaxe dun movemento profético que camiña pola historia segundo a lóxica do envío: saíndo de si mesma, pensando nos demais, servindo ao mundo a Boa Noticia de Deus. «A Igrexa non está aí para ela mesma, senón para a humanidade» (Benedicto XVI).
Por iso é hoxe tan perigosa a tentación de repregármonos sobre os nosos propios intereses, o noso pasado, as nosas adquisicións doutrinais, as nosas prácticas e costumes. Máis aínda, facémolo endurecendo a nosa relación co mundo. Que é unha Igrexa ríxida, anquilosada, encerrada en si mesma, sen profetas de Xesús nin portadores do Evanxeo?
«Cando entredes nun pobo… curade aos enfermos e dicide: está preto de vós o reino de Deus»
Esta é a grande noticia: Deus está preto de nós animándonos a facermos máis humana a vida. Pero non basta con afirmarmos unha verdade para que sexa atractiva e desexábel. É necesario revisarmos a nosa actuación: que é o que pode levar hoxe ás persoas cara ao Evanxeo?, como poden captar a Deus como algo novo e bo?
Seguramente, nos falta amor ao mundo actual e non sabemos chegar ao corazón do home e a muller de hoxe. Non basta predicar sermóns desde o altar. Temos de aprendermos a escoitar máis, acoller, curar a vida dos que sofren… só así atoparemos palabras humildes e boas que acheguen a ese Xesús cuxa tenrura insondábel nos pon en contacto con Deus, o Pai Bo de todos.
«Cando entredes nunha casa, dicide primeiro: Paz a esta casa»
A Boa Noticia de Xesús comunícase con respecto total, desde unha actitude amistosa e fraterna, contaxiando paz. É un erro pretender impoñela desde a superioridade, a ameaza ou o resentimento. É antievanxélico tratar sen amor ás persoas só porque non aceptan a nosa mensaxe. Pero, como o aceptarán se non se senten comprendidos por quen nos presentamos en nome de Xesús?

José Antonio PagolaTradutor: Xaquin Campo Freire

domingo, 26 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XIII (T. O.)
(Ano C: 26 de xuño de 2016)

            No domingo anterior falabamos, utilizando unha expresión seguramente demasiado abstracta ou subida,  sobre Deus como “futuro absoluto” (unhas palabras que procedían do gran teólogo Karl Rahner). É dicir, Deus como alguén que está sempre alén dos nosos limitados conceptos ou das nosas máis atrevidas previsións por moi grandiosas que estas sexan.
            Agora ben, precisamente por ser Deus tan grande, tan infinito, atráenos moi poderosamente, á maneira dunha estrela descomunal que fai orbitar arredor dela, en continuo movemento, outros corpos celestes máis pequenos ca ela. Estes corpos celestes somos en certo modo nós.
            Seguindo a comparanza astronómica, Xesús vén sendo para nós a manifestación humana máis perfecta deste Deus infinito, que nos supera totalmente e ó mesmo tempo nos atrae desde o máis íntimo dos nosos corazóns. Xesús é atraído infinitamente por seu Pai Deus é, ó tempo, atráenos fortemente a todos nós, en canto que nel se fai presente Deus mesmo de maneira única.
            Ser cristiáns quere dicir deixármonos atraer por Xesús para desa maneira podermos encontrar a Deus. Nós somos e queremos ser seguidores de Xesús, porque el vai sempre diante, da mesma maneira que o futuro está sempre diante do presente e do pasado. Neste sentido un cristián ten que ser necesariamente un “progresista”, é dicir, un que mira cara ó futuro e que avanza cara ó que espera. Porque o que imos ser e o que estamos a construír é, falando á maneira bíblica, un “Reino de Deus”, que está por vir, que aínda non está entre nós a non ser de maneira só moi incipiente. Por iso a nosa fe está estreitamente unida á nosa esperanza: dúas actitudes fundamentais de todo cristián que xunto coa caridade ou o amor constitúen as tres chamadas “virtudes teologais”.
            A que vén todo isto que vos estou a comentar? Pois simplemente porque me parece que o que nos conta hoxe Lucas vai bastante por aquí. Xesús era un home aberto e decididamente lanzado cara ó futuro. Para entendérmonos, Xesús era un verdadeiro e auténtico “progresista”, no sentido máis literal de ir cara a adiante, un sentido que vai moito máis alá (claro!) dos clixés políticos ós que estamos acostumados. As cousas vellas e tradicionais non lle ían a el nin lle servían en canto se constituían en rémoras para a construción do seu Reino: un reino de xustiza, de amor e de paz. As continuas polémicas dos seus contemporáneos, tanto políticos como sobre todo relixiosos, contra el baseábanse nisto. Pois a relixión do seu tempo en boa parte ficara parada, detida, inmóbil, ancorada en normas, preceptos e sacrificios exteriores, que non lles deixaban ás persoas nin liberdade nin capacidade de poder avanzar e progresar.
            Ollo! Ben o sabemos. O progresismo humano e relixioso de Xesús non é un progresismo barato, abstracto, aéreo, senón ben encarnado nos problemas, nas ameazas e nos sufrimentos polos que habería de pasar. Tanto el coma quen queira ser humilde seguidor seu.
            Desde o punto de vista desta actitude de Xesús na súa vida e como confirmación dela, non está mal escoitar de novo o que nos comentaba Lucas no evanxeo de hoxe. Xesús –dísenos alí- “decidiu en firme ir a Xerusalén”. É dicir, decidiu avanzar, coma quen di, cara á boca do lobo. Porque é alí, en Xerusalén, no centro da política e da relixión do seu tempo, onde terá que dar claro testemuño da súa mensaxe.
            Non o deterá nos seus plans, camiño de Xerusalén, o feito de que os samaritanos non o vexan a el con bos ollos nin lle vaian conceder pousada entre eles. En calquera caso, dada a claridade de ideas que tiña desde o seu discurso inaugural en Nazaret sobre as liñas fundamentais da súa boa nova, Xesús non se deixará aconsellar polo violento ardor relixioso dos seus discípulos, que desexaban que un raio partise polo medio os samaritanos. Non. Non é así, con castigos ou vinganzas, como se constrúe o seu reino, tal como pensaban aínda os profetas do Antigo Testamento.
            Preséntanselle nesta camiñada posibles seguidores, candidatos que se lle ofrecen para acompañalo na tarefa de realización do seu reino. Mais advírtelles claramente que o seu camiño ten poucos acougos e escasas seguridades humanas. O camiño é esforzo continuado e non leito para nel se deitar. “As raposas –acláralles Xesús- teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; pero eu [‘o Fillo do Home’] non teño onde pousar a cabeza”.
            Na construción do seu reino, do “Reino de Deus”, non se debe tampouco perder o tempo en lamentacións sobre o pasado ou en ritos apazugadores: “Deixa que os mortos enterren os seus mortos”. “Quen, despois de pór a man no arado, mira para atrás non é apto para o Reino de Deus”. O pasado –ben o estades a ver- pasado está.
            O que decide e importa, na construción do Reino de Deus, é polo tanto ollar cara a adiante, cara ó futuro que só se encontrará connosco tras o noso esforzo persoal e a imprescindíbel axuda do Espírito, que como o vento inchará as velas das nosas lanchas. Tal como lles escribe Paulo ós Gálatas na segunda Lectura de hoxe, o noso guieiro ha ser o Espírito. Ese Espírito que nos libera da “lei” opresora e escravizadora e nos orienta cara a Cristo, que é quen verdadeiramente nos libera de todo temor ou angustia. Lembrade o que escribe Paulo nesta carta: “Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo... A vós chamáronvos á liberdade”. E trátase dunha liberdade que se realiza no amor, tal como engade aquí mesmo Paulo. Porque a lei en Paulo era só preparación para a nova actitude cristiá. Agora é no amor, que non se pode entender sen a liberdade, onde desemboca e se realiza a lei. “Toda a lei –di Paulo- está completa neste precepto: ‘Amarás o teu próximo coma a ti mesmo’”.
            Polo tanto, a vivencia ou a actitude cristiá ten que ser esencialmente dinámica, aberta ó futuro, realizadora do ben e do amor. Sen ollar cara a atrás, nin para fachendear das cousas ben feitas nin tampouco para angustiármonos indefinidamente por aquelas nas que non estivemos á debida altura. A nosa tarefa consiste en seguirmos o paso de Xesús, que vai sempre diante nosa, aprendéndonos co seu exemplo a aturar con paciencia e amor as dificultades coas que nos atoparemos inevitabelmente na vida. O que non resulta axeitado é ficar parados, estáticos, inoperantes ou sometidos á desesperanza, porque a vida é sempre camiño e ilusión, aínda que estea sempre entrecruzada pola dor e o sufrimento. Tal como foi a vida e o camiñar deste Xesús que vai sempre diante nosa, dándonos azos, alento e esperanza.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús Cristo, para que nos mova cara ó futuro de seu Reino, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, fe e esperanza no Reino ó que nos chamas, un reino de xustiza, de amor e de paz.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Fortalece e aumenta, Pai, os nosos ánimos para seguirmos a Xesús no seu camiño cara á construción dun mundo onde tódolos pobos e culturas gocen de paz, fraternidade e prosperidade.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a non deixármonos vencer por ameazas, medos ou sufrimentos nos nosos comúns esforzos pola vinda do teu Reino.
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.



                                                                                              Manuel Cabada Castro

martes, 21 de junio de 2016

FÓISENOS TUCHO

O pasado domingo pasou á casa do señor unha das grandes persoas da parroquia, do cal queremos facer mención e honra ao mesmo tempo. Trátase de Tucho, ou señor Antonio, ou o cuñado do cura, un home que levaba con nós máis de corenta anos, acompañando e servindo de forma exemplar á súa familia, e á parroquia.

Creo que ninguén pode dicir que tivera algo que rexeitar do pasado de Tucho, nel sempre había unha intención de servicio e cordialidade, e de positividade ao mesmo tempo, que facía que cando falabas con el te sentiras invadido desa bondade e paz que levaba dentro. Humilde e desprendido, serio e traballador.., cariñoso e atento... Era un modelo de home, de persoa, de pai, de marido, e de fregués (sen ser da parroquia). A súa fe e piedade eran tamén un exemplo para nós, transmitíanlle esa forza que o impulsaba a permanecer activo sempre..tirando pa diante, con empeño..
Esta xente cando se vai, deixa un baleiro moi grande, vai parte da nosa vida con eles, por iso queda unha ferida que tarda moito tempo en cicatrizar.
Tardou pouco en acompañar á súa dona, apenas tres meses despois de Siña Aida, a irmá de Don Manuel. Os tres xuntos conformaban o referente de sagrada familia da parroquia. Quédanos Don Manuel, o noso cura e de moitos máis.. castigado polo traballo a causa da falta de vocacións.. consecuencia desta sociedade tan decadente..; Pedímoslle a Deus que lle dé saúde e forza para levar a cabo esa dura tarefa de pastor..
Este tipo de xente é a que fai falta para construir unha sociedade agradable, tolerante, sen egoísmos nen maldade, con entrega e servicio aos demais, sen nada a cambio... o que leva á felicidade plena... algo insólito entre tanta corrosión social..

Pregámoslle ao señor que teña na gloria a Tucho, a nós xa nos deixou parte dela. Ata sempre...

sábado, 18 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XII T. O.
(Ano C: 19 xuño 2016)

            Segue a liturxia e seguimos nós tamén neste domingo co evanxeo de Lucas. Xa desde o comezo aparécenos algo típico del, que o distingue bastante doutros evanxelistas. A Lucas gústalle recordarnos que Xesús oraba moito, que reservaba momentos importantes do seu quefacer diario para falar e conversar confiada e agarimosamente co seu paiciño Deus. Xesús dicíalle cousas ó seu Pai, consultáballas e escoitábao. Todo isto realizado co máximo agarimo e amor que pensar podemos.
            A escena ou, máis ben, o diálogo entre Xesús e os seus discípulos que hoxe nos presenta Lucas xorde así deste anterior diálogo de Xesús co seu Pai Deus na oración. Pois Lucas sitúa este diálogo nun momento en que, como el di, Xesús estaba “en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos”. Deus Pai íalle dando a coñecer así, día tras día ou noite tras noite, ó seu “fillo benquerido” quen era el (o seu Pai Deus) e de quen el mesmo, Xesús, viña sendo (como adoitamos expresarnos os galegos). O misterio desta persoa tan singular que foi Xesús, que se sentía querido dunha maneira moi especial por Deus, percibíndose a si mesmo como moi “de Deus”, é algo que supera totalmente a nosa capacidade de pensar e de imaxinar. Pois inimaxinábel debeu de ser a conciencia que foi acadando Xesús de quen era el mesmo, de cal era a súa identidade.
            Hoxe en día (quizais máis que noutras épocas) preocúpanos chegar a coñecermos quen somos, cal é a nosa propia identidade, a persoal de cada un e tamén a do país ou lugar no que nacemos ou vivimos. Algo disto lle pasaría tamén a Xesús cando, trala súa fonda e íntima conversa con seu Pai Deus, se achega ós seus discípulos para lles preguntar a eles quen era el, ou, polo menos, que é o que nun sitio ou noutro se comenta sobre el. “¿Quen di a xente que son eu?”, dinos Lucas que lles preguntou Xesús ós seus discípulos.
            Non se trata de que Xesús estivese desinformado sobre o que a xente pensaba sobre el. É só un modo, unha moi pedagóxica estratexia, de intentar comunicarlles ós seus discípulos quen é el verdadeiramente. O resultado final, tras esta especie de enquisa que realiza Xesús cos seus discípulos, é algo sen dúbida inesperado para eles e tamén, en consecuencia, para cantos nos achegamos á súa mensaxe. Pois Xesús aparecerá, unha vez máis, como algo desconcertante, como algo que non está en continuidade cos esquemas normais e habituais de pensar da xente.
            Podemos dicir, de xeito algo xeral, que os modos de pensar da xente, das culturas tradicionais ás que se dedican por exemplo os antropólogos, están moi ancoradas no pasado, en acontecementos míticos pasados ou supostos fundadores do concreto grupo social. Pensade por exemplo, no noso caso, en Breogán. Para case tódolos pobos, o bo está sempre no tempo pasado. O que hai que facer é, polo tanto, que os grandes feitos ou personaxes do pasado volvan rexurdir. Por iso, cando os discípulos lle responden a Xesús sobre o que a xente pensa sobre el, acoden sen máis ó pasado. Xesús viría sendo coma un personaxe pasado redivivo. Máis próximo, no caso de que fose un Xoán Bautista volto á vida, ou máis lonxano no caso de que fose Elías ou algún outro profeta redivivo.
            O que marca a diferenza con este modo tradicional de pensar da xente é Simón Pedro. Para algo estaba a facer desde había algún tempo, digámolo así, cursos intensivos, aínda que fose a trancas e barrancas, no coñecemento da persoa de Xesús, vivindo ó seu lado. Para Pedro, Xesús é –di el- “o Mesías de Deus”. Como vedes, Pedro apunta, referíndose ó Mesías, cara ó que vai vir, cara ó esperado, cara ó futuro, non cara ó pasado, por grandes que fosen os tempos ou os personaxes pasados. Comenteivos algunha vez, se a lembranza non me falla, o que o gran teólogo Karl Rahner, profesor que foi meu durante bastantes anos en Austria e Alemaña, dicía sobre Deus. Sostiña el que Deus é “o futuro absoluto”. É dicir, non o futuro previsíbel ou imaxinábel, senón o futuro “absoluto” sen máis, é dicir, totalmente inimaxinábel e imprevisíbel para nós.
            Pois ben, se nós confesamos que Xesús é fillo de Deus, e polo tanto imaxe e semellanza perfectísima de Deus, tamén el terá que aparecer ante nós como algo que está máis alá dos nosos pensamentos pasados ou presentes. Terá que ser el tamén, dalgún modo, futuro absoluto, inimaxinábel e tamén desconcertante. Desconcertante tamén para Pedro, quen, despois de confesar el mesmo que Xesús é “o Mesías de Deus”, intentará darlle pola súa conta algunhas leccións ou bos consellos a Xesús ante o anuncio del de que vai ter que padecer aínda moito, ata incluso ser executado polos sumos sacerdotes e letrados. Advírtese aquí que Lucas respecta e trata con consideración a Pedro, porque á diferenza do que din sobre esta escena os evanxelistas Marcos e Mateo, Lucas non comenta coma eles que Pedro tomara moi a mal o que dixera Xesús de que, a pesar de ser o Mesías, tería que sufrir e morrer de maneira escandalosa.
            O anuncio de Xesús de que despois de todo iso resucitaría non lle consolaba moito a Pedro e, por iso, “rifándolle”, teima Pedro por convencelo de que non permitise tal cousa. Porfía de Pedro que só parou cando Xesús lle recriminou que se estaba a comportar con el coma se fose “Satanás”, é dicir, como un adversario e non como un amigo.
            Xesús maniféstase, pois, ós seus apóstolos como alguén que non vai  ir agora nin nunca polos camiños do pasado aténdose dese xeito ós modos tradicionais, “politicamente correctos”, de ser e de se comportar. Xesús non foxe da dor da vida, do sufrimento e da morte, que serán consecuencia do seu modo de proclamar e defender a xustiza e a misericordia en relación sobre todo coas persoas máis discriminadas e marxinadas.
            Mais como Xesús non é, como digo, “pasado”, senón que é sobre todo “futuro”, aí está o seu anuncio da resurrección non só del senón tamén de cantos cren na súa persoa, na súa palabra. Apelando el, tal como fai noutras ocasións, a algo que ocorre xa na natureza. A semente, toda semente, é portadora de futuro. Se a semente non cae na terra e morre, non sería portadora de futuro, quedaría privada dunha vida que se renova e multiplica na nova planta e nos novos froitos. Se a semente foxe deste proceso, queda entón privada de futuro. E entón si que morre verdadeiramente e totalmente. Dínolo hoxe Xesús doutra forma: “O que queira  poñer a salvo a súa vida, perderaa; mais quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo”.
            Deámoslle, pois, grazas a Deus por nos conceder gratuitamente en Xesús un futuro que desde nós mesmos non poderiamos sequera maxinar.

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, coñecemento de ti e do teu fillo benquerido Xesús para dese modo coñecérmonos tamén a nós mesmos e o destino ó que ti nos chamas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á seguirmos animosos e agradecidos polos camiños do teu fillo Xesús que levan á vida e á resurrección.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, de espírito evanxélico para anunciarmos a tódalas persoas a boa nova de Xesús. TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


viernes, 10 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XI DO T. O.
(Ano C: 12 xuño 2016)

            No evanxeo de hoxe segue a contarnos Lucas cousas importantes sobre Xesús. Continúa a presentarnos, coma no anterior domingo, un Xesús que nos amosa, no seu comportamento, un Deus (seu Pai, a quen ben coñece) como compasivo e liberador, non castigador ou condenador. Segue así Lucas a darnos mostras do programa aquel liberador que Xesús anunciara na súa aldea de Nazaret ó comezo da súa vida pública. Un programa que escandalizou os veciños de Xesús, que se puxeron en contra del, porque a eles non lles parecía moi correcto ou ortodoxo falar sobre Deus desa maneira. Porque Xesús, ó ler na sinagoga diante dos seus veciños un texto de Isaías, fora modificando antigas palabras de condena e vinganza de Deus proclamadas por Isaías por novas palabras de liberación. Dicía así Xesús ante os seus abraiados e escandalizados conveciños: “Mandoume (o Espírito do Señor) para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”.
            O episodio que nos conta hoxe Lucas sobre a “muller pecadora” é para algún comentarista “un dos episodios máis importantes do evanxeo de Lucas”. Seguramente é así, porque se respira nel moi claramente esa atmosfera libre, liberadora, chea de agarimo e de compaixón, en perfecta consonancia co proclamado por Xesús no seu discurso na sinagoga de Nazaret.
            O contrapunto aquí, coma sempre, son os aferrados ás antigas tradicións das normas, ritos e preceptos, que é preciso cumprir e ós que un se ha someter. Así lles pasa ó fariseo Simón, que convidou a Xesús a xantar, e mais ós outros comensais. Eles seguramente eran xente ben, oficialmente ben vista e de boa posición social. Mais Xesús quere darlles a eles unha lección práctica de por onde vai a súa mensaxe liberadora, non opresora ou ordenancista.
            Nesta lección é protagonista unha “muller pecadora” (tal como a denomina Lucas). Oficialmente, pois, mal vista. Simón, o anfitrión, dáo ben a entender cando ante a actitude amorosa da muller, lavando e perfumando entre choros de humildade e arrepentimento os pés de Xesús, dubida incluso do poder profético de Xesús que se deixa tocar por unha tal “caste de muller”, tal como comenta Lucas que Simón está a pensar nos seus adentros.
            Porque, claro, no contexto cultural das vellas normas do Antigo Testamento, o pecado, é dicir, os pecadores e pecadoras, contaxiaban en certo modo a cantos se relacionaban con eles. E Xesús no fai intento algún de fuxir dos humildosos agarimos desta muller, senón que se deixa lavar e perfumar os pés por ela, non condenándoa nin arrepoñéndose en contra do seu comportamento. Xesús olla sempre os corazóns e non os clixés sociais que circulan sobre as persoas.
            Son dous mundos moi diferentes e incompatíbeis entre si. O ámbito do amor, por un lado, que xera e crea liberdade, comprensión e agradecemento e, por outro, o ámbito da lei, da norma, do deber, que en canto tales tenden a nos converter en dogmáticos e escravos. Se queremos ser seguidores de Xesús, está ben claro que temos que mergullarnos ben a fondo no ámbito primeiro: o do amor e da liberdade. Non debe ser doada esta tarefa, tendo en conta o moito que nos custa, tanto a nivel persoal coma social, camiñar nesa dirección.
            Cústanos perdoar. Cústanos mirar con bos ollos cara ós que non se comportan como cremos nós que se deberían comportar. A dificultade ou o problema radica en que para sermos amorosos, comprensivos, compasivos, etc., precisamos de experiencias fondas de como son as cousas, sobre todo de como é ese Deus do que todos procedemos. Xesús tiña unha fonda e moi íntima experiencia do seu Pai Deus, para quen Xesús era o seu “Fillo benquerido”. Xesús sabíase fillo especialísimo de Deus e irmán ó mesmo tempo de todos e de todas. Esa experiencia capacitaba a Xesús para se comportar da maneira como sempre se comportou. Xesús creaba ámbitos de amor e de liberdade. A “muller pecadora”, que nos presenta Lucas, respirara xa esta atmosfera amorosa de Xesús antes do seu encontro con el na casa de Simón. Sabía quen era el e como se comportaba. Estaba segura de que Xesús non rexeitaría o que ela ía facer con el. E acertou. Porque o amor sempre acerta. O amor e a confianza que espallaba Xesús, por onde queira que ía, fixeron que esta muller tivese así unha fonda experiencia de Deus. Por iso se sentía ela perdoada, antes incluso de que Xesús lle dixese formalmente que os seus pecados lle estaban perdoados. Por que? Porque ela amaba xa en Xesús a Deus. Coméntallo ben claro Xesús a Simón, cando loa en presenza dela o seu amor e critica ó tempo indirectamente o pouco amor do seu anfitrión: “Moitos pecados se lle perdoaron a ela cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra”.
            O amor crea amor, posibilita liberdade, fai xurdir fillos e fillas, non servos ou escravos. En cambio, a lei, as normas, sen o necesario ingrediente do amor, só poden crear espírito servil, angustiado, temeroso. A lei non fai fillos ou fillas senón mecanos ou robots, non persoas. E Deus Pai quere ter fillos adoptivos, á semellanza do seu único Fillo benquerido, Xesús. Na carta ós Gálatas dínolo Paulo ben claro: “sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo”.
            Esta fe en Cristo -engado agora xa eu- significa fe no amor, na compaixón, na liberdade que Xesús nos anuncia a todos, como efecto e resultado da súa experiencia e da súa intimidade co seu Pai Deus. Esta fe concreta no Deus de Xesús é a que redime e libera tamén a “muller pecadora”. Unha fe que fai desaparecer os pecados, á maneira como a calor do sol fai derreter a neve. Tal como lle di Xesús: “Salvoute a túa fe, vai en paz”. O apóstolo Pedro facíase tamén eco deste comportamento de Xesús cando escribía na súa primeira Carta: “o amor cubre a multitude dos pecados”.
            Como vedes, no evanxeo (é dicir, na boa nova) o amor ocupa sempre o primeiro lugar. O pecado queda sometido a el e desaparece automaticamente ante a súa presenza. Xesús convértese así verdadeiramente en  saudábel e reconfortante “
camiño, verdade e vida” para nós, para todos.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, espírito de confianza en Ti, dador de todo ben, para non deixármonos someter a servilismos e angustias de ningún xénero.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á crer e confiar no amor a ti e ós nosos irmáns en canto forza que destrúe todo pecado.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, do teu espírito de misericordia con calquera persoa que se achegue a nós solicitando axuda, comprensión ou perdón.
TODOS: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.



                                                                                              Manuel Cabada Castro

domingo, 29 de mayo de 2016

CORPUS CHRISTI

SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO
(29 maio 2016: Ano C)

            No pasado domingo celebramos a festa da Santísima Trindade, na que reflexionabamos sobre o significado desta festa como revelación de Deus a nós do que El mesmo é: un Deus que, desde sempre, é un e trino, unido e diferente en si mesmo. Un Deus que quere comunicarse a todos nós e facer de nós, en comuñón con El, algo semellante ó que El mesmo é: unha soa e incomparábel familia. Unha familia, na que esteamos todos unidos entre nós e con El polo amor, manténdonos todos e cada un autónomos e libres, é dicir, diferentes.

            Ó celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer este contexto xeral grandioso do que Deus mesmo é. Como sabemos, a meirande expresión da relación de Deus con nós é o feito de que El se fixo humano en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.
            Pois ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús e tamén polo tanto de como Deus é. Os que viñemos ó mundo despois deles, temos tamén a posibilidade de relacionármonos de maneira especial con Xesús e,  a través del e nel, co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.
            Porque na eucaristía entramos en contacto especial con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras fundamentais:
                    A primeira é cando escoitamos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o agradábel que nos resulta a todos cando alguén nos dirixe amigabelmente a palabra. E tamén como nos doe cando algún coñecido noso pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais. Pois ben, Deus diríxenos a súa palabra amorosa de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos que recibimos dos demais, a través da palabra súa que se nos fai presente nos relatos evanxélicos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos alimenta e nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos fai vivir con plenitude.
            A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros semanais na igrexa é a comuñón eucarística. Cando facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, somos conscientes de que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un incríbel impulso vital e vitalizador. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”.  “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
            Concretamente, na segunda Lectura de hoxe lémbranos Paulo na súa carta ós Corintios os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Trátase dun corpo e dun sangue que, tal como lles di Xesús, “se entregan por vós”. Nas nosas eucaristías é iso o que comunitariamente intentamos facer: “lembrármonos”, como nos pide o mesmo Xesús, desta súa entrega total a nós para que pola nosa parte fagamos nós o mesmo con todos. Esa era tamén a intención, convertida en pedra, da escultura da “Derradeira Cea” que temos aquí diante, realizada por Xoán Piñeiro Nogueira, nado preto de aquí, en Cangas, ó outro lado desta nosa fermosa ría de Vigo: facernos artisticamente presente a derradeira mensaxe de Xesús.
            Esta festividade ten que ser, pois, para nós unha nova e especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se entrega a nós e se deixa comer por nós para que así poidamos participar nós da súa forza e da súa vida.
            Hoxe en día instrúennos de cando en vez os especialistas e os medios de comunicación sobre os alimentos que cómpre comer ou deixar de comer para mantérmonos en forma e para alongar o máis posíbel a nosa vida ou, como se di, a nosa calidade de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles fagamos a esas recomendacións, o problema principal, a posibilidade de vivirmos sempre,  non nola resolven.
            En calquera caso e en canto cristiáns temos que saber proclamar e ofrecer tamén os nosos produtos, a nosa propia dietética. Que consiste, en definitiva, en anunciarmos e vivirmos ó tempo en nós mesmos a Cristo como “Vida”, como dador de vida, dunha vida sen data de caducidade, porque é eterna.
                     Unha forte crenza na vida, por outra parte, que ten que se amosar no noso interese pola vida de todos, de maneira especial pola daqueles cos que convivimos e que poden precisar da nosa axuda. Axuda material e espiritual, proporcionando amor, acompañamento humano e tamén os medios materiais que lles poidamos ofrecer. Por iso, esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo social e comunitaria. Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós algo polo menos da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais.
                     Todo isto é o que está tamén no fondo da mensaxe da “multiplicación dos pans e dos peixes” do evanxeo de Lucas. Tivo que se tratar dun acontecemento bastante especial ou rechamante para que os catro evanxelistas falen del (Mateo e Marcos falan del incluso dúas veces). Da escena da multiplicación dos pans e dos peixes podemos deducir que Xesús quere e busca de verdade a nosa felicidade, material e espiritual. Unha felicidade total e compartida. Non pode ser que só uns poucos vivan felices e contentos mentres que os demais teñan que pasalo moi mal para acadaren o que precisan tanto eles mesmos coma os que teñen ó seu coidado.
            Todo isto temos que telo en conta cando celebramos a festa do Corpo e do Sangue de Cristo. Porque “corpo de Cristo” son tamén, e de maneira moi especial, os pobres e necesitados. De maneira que comulguemos así non só co corpo eucarístico de Xesús, senón tamén cos corpos famentos e necesitados que existen en tantas partes da terra, que nos fan neles presente a ese Xesús, fillo benquerido de Deus, que decidiu identificarse con eles.
            Por iso a esta festividade do Corpo de Cristo está tradicionalmente asociado o Día da caridade, que é tamén hoxe. Queiramos ós demais como o Deus de Xesús quere a todos e de maneira especial ós seus fillos e irmáns nosos máis necesitados.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Pidámoslle a Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
- Pola Igrexa, para que reparta o pan e a palabra de Cristo de xeito que chegue a todos cantos teñen fame e sede de xustiza, de paz, de Deus.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Polos pobres e excluídos do mundo para que atopen na sociedade e na Igrexa canles e recursos que alivien os seus problemas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Por todos nós, para que ó alimentarnos do corpo e do sangue de Cristo fagamos eucarística a nosa vida no servizo ós demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

PEDÍMOSCHO, PAI, POLO TEU FILLO XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.




                                                                                                      Manuel Cabada Castro

domingo, 22 de mayo de 2016

A SANTÍSIMA TRINDADE

            Teriamos que converter a festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos teoricamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos aquilo de que Deus é unha esencia en tres persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de abstraccións, non pouco distante da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.
            En realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas parece sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e operativo.
       Temos que partir, en calquera caso,  do presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que el se nos teña revelado como Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza segue e seguirá a ser un misterio, por moi grande e fermosa que poida ser esta revelación. Por iso falamos do gran “misterio” da Santísima Trindade.
            Aínda así, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos ten que revelar na súa Trindade cando el nola quixo manifestar. E maniféstanola non con palabras abstractas, senón coa súa mesma actuación ante nós.
            Poderiamos dicir, de maneira moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente como é. Mais no Novo Testamento, coa súa manifestación no mundo en Xesús, aprendemos a ver como é concretamente a súa paternidade. Xesús maniféstanos o seu Pai como Pai seu especialísimo que o quere infinitamente.
            Mais como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que, ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, se nos manifesta ó tempo que el, Xesús, é o noso irmán maior e que, polo tanto, somos tamén todos nós fillos de Deus; pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo único e benquerido de Deus. Así nolo anuncia Paulo cando nos di que recibimos de Deus Pai “un espírito de fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ¡‘Abbá’: Pai!!”.
            Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é alomenos “dúas” persoas, Pai e Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que entendelo en simple continuidade co que somos nós como “persoas” humanas, finitas e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación da Trindade de Deus váisenos comunicando tamén a nós que estamos todos chamados a ingresar misteriosamente nesa Trindade.
            A revelación definitiva da Trindade divina ocorre, pois, coa vinda do Espírito Santo onda nós. Isto foi o que celebramos no anterior domingo. Por iso a Igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da vinda onda nós do Espírito Santo.
            Con esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non é dúas persoas, senón “tres”. Deus é un “trío” , un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, con seren tres as persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
            Hai con todo aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós, e alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos todos á Trindade divina.
            Unha Trindade que segue a traballar arreo no medio de nós para nos facer semellantes a ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e ó mesmo tempo escravos dos demais na nosa entrega a eles. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos a participar todos desa misteriosa Trindade divina.
            Neste sentido, deberiamos traballar tamén nós, coa forza e a graza do noso Deus trinitario, a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, á semellanza desta Trindade que hoxe estamos a celebrar.
            Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus nos supera totalmente.
            Mais a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais da realidade sonnos misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo e todos estamos mergullados no misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino que o fixo todo e que está en todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa, fillos ou fillas, irmás ou irmáns. Unidade e diferenza, trindade e unidade. Sen algo desta unidade e variedade non pode existir o que chamamos familia. Así somos porque Deus, o Deus trinitario, é a nosa orixe, o noso modelo.
            Dada esta fondura do misterio da Santísima Trindade, non é nada estraño que a Igrexa nos pida que neste día nos lembremos de xeito especial daquelas e daqueles que se dedican intensamente a “orar”, a rezar, é dicir, daquelas mulleres e homes que nos mosteiros de vida contemplativa, comunicándose co noso Deus trinitario, lle presentan tamén a El as nosas necesidades e as preocupacións todas do mundo. É o día “pro orantibus”. Oremos, pois, nós tamén polos que “oran” xa por nós.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Pidámoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e en unión co Espírito Santo, que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
-Pola Igrexa, para que saiba presentar e ofrecer ó mundo a imaxe dun Deus que é comuñón de amor e de entrega.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que saibamos descubrir a presenza do Pai, do Fillo e do Espírito Santo na nosa vida familiar, comunitaria e social.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Para que os mosteiros de vida contemplativa poidan encherse de vida e oración coa entrega de persoas xenerosas ó Deus trinitario que é Amor.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

Atende, Pai, a nosa oración e fai realidade en nós o que a través das nosas oracións che pedimos. Por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro