viernes, 22 de agosto de 2014

CARLOS OSORO, NOVO ARCEBISPO DE MADRID

Carlos Osoro Sierra será o novo arcebispo de Madrid, substituíndo ao cardeal Rouco Varela o próximo día 28. A Santa Se comunicoulle na tarde de onte a Osoro y ao Goberno español a decisión tomada.
Un dos principais motivos sinalados para a súa designación foi a súa valía ao fronte dos seus cometidos e o apoio maioritario dos bispos españois, quenes en marzo elixírono a el e a Blázquez para estar ao fronte da Conferencia Episcopal.

 Outro motivo que onte sinalaron algúns dos compañeiros de Osoro podería ser a volta do cardeal Antonio Cañizares a Valencia. O seu ciclo "litúrxico" (como presidente da Congregación de Liturxia e Disciplina dos sacramentos) terminou o primeiro día de Francisco ao fronte de la Igrexa.
As mesmas fontes tamén apuntan que Cañizares nunca ocultou o seu desexo de regresar a España. E, de volver, gustaríalle ir á súa casa, Valencia. Así o expresaría aos seus máis achegados desde Roma. Cañizares converterase no segundo cardeal valenciano no século XXI, tralo falecido Agustín García-Gasco.
Osoro estivo onte na praia de Jávea, participando no "festival anuncio", que se leva a cabo en colaboración coas dioceses francesas e españolas. El prelado rezará el rosario en la parroquia de Nosa Señora de Loreto xunto a centos de mozos concentrados. Trala exposición e adoración do Santísimo, celebrou unha eucaristía e conversou cos asistentes.
Apuntan os que o coñecen que Osoro, pese a ser preguntado nos últimos meses pola súa posible designación para relevar a Rouco, nunca quixo entrar en disquisicións sobre nomeamentos, “é moi discreto e fiel aos seus”.
O seu nomeamento é a constatación dun nome que insistentemente soou nos medios eclesiásticos como uno dos mellor valorados polo Papa Francisco para capitanear o que se deu en chamar “a primavera da Igrexa”; é amigo do Papa Francisco e moi querido polos seus compañeiros bispos.
Os seus compañeiros descríbeno como unha “persoa moi valiosa e preparada” sempre achegado aos seus. Antes de instalarse en Valencia, Osoro xa foi bispo de Ourense e arcebispo de Oviedo.
Nace en Castañeda (Cantabria) o 16 de maio de 1945. Cursou estudos de maxisterio, pedagoxía e matemáticas, e exerceu a docencia ata o seu ingreso no Seminario para vocacións tardías no Colexio Maior El Salvador de Salamanca para realizar, na Universidade Pontificia, os estudos en Filosofía e en Teoloxía. Foi ordenado sacerdote o 29 de Xullo de 1973 en Santander.
Xoán Paulo II nomeouno bispo de Ourense o 22 de febreiro de 1997, e o 7 de xaneiro do 2002 designouno arcebispo metropolitano de Oviedo, de cuxa diocese tomou posesión o 23 de febreiro de 2002. Desde o 23 de setembro de 2006 ata o 27 de xullo de 2007 exerceu como administrado apostólico, coas facultades de bispo diocesano, na súa diocese natal de Santander.
En setembro de 2006, convocou un sínodo diocesano para reflexionar sobre os retos da Igrexa en Asturias ante o novo século.
O 8 de xaneiro de 2009 Benedicto XVI designouno arcebispo metropolitano de Valencia, de cuxa se tomou posesión o 18 de abril del mesmo ano.
Na Conferencia Episcopal Española foi presidente de la Comisión Episcopal del Clero de 1999 a 2002 e de 2003 a 2005. Posteriormente pasou a ser membro do Comité Executivo durante os trienios 2005-2008 e 2008-2011.

En 2011 foi elixido presidente da Comisión Episcopal de Apostolado Segrar. O 12 de marzo de 2014, na CIII Asemblea Plenaria, foi elixido vicepresidente da Conferencia Episcopal.

sábado, 16 de agosto de 2014

LECTURAS

DOMINGO XX ORDINARIO  -  CICLO A

  
Primeira Lectura     Is 56, 1. 6-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Ós fillos de estranxeiro traereinos ao meu monte santo
 
            Así fala o Señor:
            Cumpride o dereito e practicade a xustiza,
que a miña salvación está próxima a chegar
e a miña xustiza (está próxima) a mostrarse.
            E aos fillos de estranxeiro que se apegan ao Señor,
servindo e amando o Nome do Señor, sendo os seus servos,
a todo o que garde o sábado sen profanalo
e aos que se manteñan firmes na miña Alianza,
traereinos ao meu monte santo
e alegrareinos na miña casa de oración.
            Os seus holocaustos e os seus sacrificios
servirán de ofrenda de amor sobre o meu altar.

  Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/.  (4):  Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos os pobos.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós.
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todos as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.

Lóente os pobos, oh Deus,
lóente todos os pobos.
Que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.


Segunda Lectura     Rm 11, 13-15. 29-32
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Os dons e a chamada de Deus son irrevogables

            Irmáns:
            Isto dígovolo a vós, os xentís. E, como apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio, por ver se esperto celos nos da miña estirpe e podo así salvar a algúns deles.
            Se o seu rexeitamento serviu de reconciliación para o mundo, que será a súa acollida, senón a vida, que xorde dos mortos?
            Pois os dons e a chamada de Deus son irrevogables. Pois do mesmo xeito que vós fostes noutrora desobedientes a Deus, e agora conseguistes a misericordia pola desobediencia deles, así tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles acaden misericordia.
            Porque Deus encerrou a todos os homes na desobediencia, para se compadecer de todos.

      Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf.  Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,
e curaba todas as enfermidade do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 15, 21-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Oh muller, qué grande é a túa fe!

            Naquel tempo, saíndo de alí, foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:
            Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.
            Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:
            Despídea, que vén berrando detrás de nós.
            El contestoulles:
            Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
            Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:
            Señor, váleme!
            El respondeulle:
            Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
            Pero ela contestou:
            Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
            Entón respondeulle Xesús:
            Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!
            E a súa filla ficou sa naquela hora.
          

    Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

"Cumpride o dereito e practicade a xustiza": A afirmación do profeta Isaías que escoitabamos na primeira lectura invítanos a revisar cales son os eixes sobre os que imos asentando o noso xeito de ver e actuar na realidade na que vivimos. O profeta non nos di que practiquemos o noso dereito nin a nosa xustiza; é dicir, que fagamos o que nos peta ou o que primeiro se nos ocorre. A súa chamada –berro poderiamos dicir- é para que cambiemos o enfoque do noso xeito de ver as cousas. Nós non somos o centro, polo que non é desde o que nós pensamos como temos que actuar e facer as cousas. Se nos deixaramos levar deste principio, caeriamos no desprezo máis absoluto para cos demais, enrocándonos nun individualismo egoísta e insolidario. Pero como este non é o xeito de pensar ao que nos chama e invita Deus, a xustiza vaise vivindo e compartindo desde a fraternidade que nos recoñece irmáns e iguais, a solidariedade que nos leva a repartir o que temos desde o criterio do amor, non da cobiza. Se nos esforzamos por facelo así, iremos descubrindo que somos capaces de entender o que queremos dicir cando falamos de salvación. Non é algo abstracto e incomprensible, senón o gran proxecto que Deus nos ofrece para realizar xunto cos outros, e que desemboca no gran mar do encontro pleno e definitivo con El. Si que podemos salvarnos; pero non a calquera prezo. O prezo pono Deus, e chámase vivir humanamente facendo que os demais humanamente vivan.
Neste gran templo de humanización ao que El nos chama, a desigualdade, a diferenza por mor da cor, a lingua, a cultura ou o xénero non existen. Con El, por El e Nel tod@s somos iguais. E isto que seguro temos repetido tantas veces, resúltanos sempre moi difícil de vivir e concretar. É máis doado, porque esixe menos, construír na desigualdade que construír, aprendendo a renunciar, na igualdade. Resúltanos máis fácil consumir tempo en rezos e promesas, que poñer ese tempo e esas promesas ao servizo de quen non é tratado con dignidade, e a quen a súa humanidade, os que poden e saben facelo, lla van minguando. Hoxe un copago, mañá unha compra de armas, pasado a supresión de axuda humanitaria ou a supresión de comedores comunitarios... a cuestión é facer que se vaia resentindo a humanidade desde a que Deus nos chama a estar no mundo. E deste xeito, será moi difícil que o “templo de Deus” –o mundo no que vivimos- se poida chamar “casa de oración para tódolos pobos”.

Paulo, entendendo moi ben a Xesús, dille aos romanos que Deus non rexeita, senón que acolle, sendo esta unha acollida de reconciliación; unha acollida que non mira atrás para pasar factura, senón que encara o futuro como proxecto e proposta de esperanza. A irrevogabilidade da chamada de Deus lévanos a atoparnos, e chámanos a poñer misericordia onde nós queriamos poñer enfrontamento ou distancia. A compaixón –apaixonarse con– de Deus fainos sentir a nosa cidadanía de homes e mulleres do mundo que non se pechan no seu propio recuncho, senón que nos abre, desde o servizo aos rostros e corazóns que temos máis preto, a apaixonarnos por toda persoa que sufra ou sexa esquecida por parte dos que toman decisións e inflúen na opinión pública. O Deus de Xesús non se encerra só cos seus, ábrese a tod@s –fronte á petición de despedir á muller cananea, Xesús escoita, acolle e actúa– para vivir a paixón co irmán de xeito que non quedemos tranquilos na nosa comodidade de ver as cousas a distancia, e así implicarnos e enredarnos en canto poida facer a vida máis visible, pública e coñecida ás persoas das que, os que poden e dominan, nos pretenden esconder. Se Deus non se agocha, por que as veces nós miramos para outro lado?.

domingo, 10 de agosto de 2014

Lecturas

DOMINGO XIX ORDINARIO  - CICLO A

Primeira Lectura     1 Re 19, 9a. 11-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Mantente no monte diante do Señor

             En chegando Elías ao monte de Deus, o Horeb, abrigouse nunha cova.
            Díxolle o Señor:
            - "Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".
            Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán.
            Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor.
            Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor.
            Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/.  (8):  Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura     Rm 9, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos ROMANOS
Optaría por ser anatema polos meus irmáns
 
            Irmáns:
            Como discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido.
            Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe.
            Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home, que está por riba de todo, e que é Deus bendito polos séculos. Amén.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Sal 129, 5
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Espero no Señor,
espero na súa palabra.
Aleluia.


Evanxeo    Mt 14, 22-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga
 
            Despois de que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el despedía a xente. Así que a despediu, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoite­cida.
            Entrementres, a barca xa se arredara da ribeira moitos estadios e, como tiña o vento en contra, as ondas sacudíana.
            Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar.

            Cando os discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asusta­dos: "é unha pantasma"; e, cheos de medo, empezaron a berrar.
            De seguida faloulles Xesús dicindo:
            Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
            Respondeulle Pedro:
            Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
            El díxolle:
            Ven.
            Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, di­rixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, e cando empezou a afundirse, púxose a berrar:
            Señor, sálvame!
            Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
            Home de pouca fe, por que dubidaches?
            Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na  barca, prostráronse perante el dicindo:
            Realmente ti es Fillo de Deus.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


Reflexión

O medo a quedarnos fóra desta nosa sociedade post-materialista e de usar e tirar, fainos moitas veces renunciar a conviccións que teñen dado sentido e horizonte á nosa vida. A pretensión de aparentar diante dos demais para non pasar pola situación de dar razón do que é importante para nós, lévanos moitas veces a aceptar e permitir que entren na nosa vida xustificacións de comportamentos que sabemos claramente que son unha aberración, un abuso ou un verdadeiro atentado contra a dignidade das persoas. Os silencios cómplices, as xustificacións nerviosas, as miradas desconfiadas... non son máis que mostras de canto estamos a dicir. Elías, no texto que lemos como primeira lectura, afánase por atopar a Deus onde non está. É o que nos ocorre a nós moitas veces ao renunciar a ter a Deus como sentido e referente da vida: unha vez afastados del, coidamos que podemos crear os nosos propios deuses ao noso xeito, para deste modo manipulalos segundo o noso propio interese. Cremos así que El pode estar no balbordo dunha vida sen límites, no renunciar a tomar decisións en conciencia, no poñer en practica a lei do funil –o ancho para min e o estreito para os demais– e noutros moitos xeitos de actuar e xustificar esa actuación. Porén, Deus non está aí, polo que acaba producindo en nós baleiro, angustia e desesperanza. E Deus non está aí porque a El só o poderemos atopar no “murmurio da airexiña”; é dicir, en todo e canto faga que a persoa sexa sempre fin e non medio para ser utilizado como unha cousa. A “airexiña” de Deus é o actuar buscando o ben común, o colaborar uníndose na participación en proxectos para todos, a busca do que une e non do que separa e enfronta, no saberse aceptar a un mesmo coas súas limitación, pero tamén coas súas calidades. Si, nesta airexiña é onde podemos atopar a Deus. Por iso no canto de estar laiándonos constantemente... por que non facemos un esforzo por deixar que a vida pare de xirar ao noso redor e comece a xirar tamén desde a relación sa e sandadora cos demais?.É verdade que non é tarefa doada; pero se non o intentamos, nunca saberemos se o poderemos conseguir e nunca seremos tampouco capaces de romper o círculo vicioso no que nos movemos.

Paulo tiña isto claro, por iso apela á súa conciencia -ámbito de decisión e responsabilidade desde onde as persoas non nos deixamos levar das presións, as modas ou as comenencias- para non degradar nin rexeitar a aqueles cos que ata facía ben pouco compartira raíces e credo. Non os rexeita porque sabe que proveñen da mesma raíz; aínda que se estanquen por non ser capaces de superar os muros que os separan para poder así comezar a construír pontes de diálogo e unión con aqueles primeiros cristiáns. Tamén a nós nos pasa que a dogmatización das ideas e o inmobilismo conservador no que adoitamos movernos –por medo a perder seguridade, non por convencemento– impídennos moitas veces deixar de mirar atrás para comezar a abrir camiños de futuro, camiños de renovación e diálogo con aqueles que, coma nós, posúen tamén a mesma dignidade. Gústanos facer muros, cústanos derrubalos e tender pontes. Pero xa é hora de cambiar. Se queremos ser fieis ao evanxeo; se queremos volver a el, non nos queda outra que mudar o noso xeito de facer e percibir as cousas. Xesús non ten medo, mira cara adiante, non se atrincheira no pasado. Porén, nós somos duros de oído para escoitar a voz de Deus na airexiña do mundo do que formamos parte.


Xesús, que disto sabía moito, non se deixa levar só polas primeiras impresións, senón que busca asentar as súas propostas e os seus feitos na conversa tranquila e sinxela en que converte a súa relación con Deus Pai. Non actúa ás carreiras, senón que pensa e reza. É dicir, pon no seu diálogo con Deus as súas decisións. Busca momentos onde, sen présa, reflexiona as cousas, analiza as situacións e toma decisións, non movido polo medo ou o que dirán, senón polo convencemento de que iso é o que Deus Pai lle está a pedir. Os seus momentos de oración e diálogo fraterno e sinxelo con Deus vanlle axudando a clarificar pensamentos e a actuar co convencemento de que o seu comportamento non é froito dun “arrouto” senón da reflexión. E ben o vemos no texto do evanxeo. A contraposición atopámola en Pedro, home bo pero arroutado que, sendo todo corazón, non pensa nin os pasos que dá nin as consecuencias que supoñen. Fáltalle fe. E nós, con quen nos identificamos, con Pedro ou con Xesús?. Pensémolo con tranquilidade e busquemos dar respostas, porque, ao mellor, a pesar de levar moitos anos con misas, funerais, novenas, promesas... somos arroutados coma Pedro. E o arrouto non nos dá seguridade, senón que nos afunde.

sábado, 9 de agosto de 2014

EDITH STEIN: UNHA SANTA QUE NOS MANIFESTA O SÉCULO XX

Hoxe sábado, día 9, celebramos a festa dunha santa que manifestou na súa vida, dun xeito extraordinario, as grandezas e miserias do século XX, a de Santa Teresa Benedicta de la Cruz, coñecida no mundo co nome de Edith Stein. Filla de xudeus, nada en Centroeuropa, onde a finais do século XIX e principios do XX se forxa o ateísmo que logo invade a cultura europea, e da que ela participa na súa mocidade, incluso sendo profesora de filosofía nunha universidade alemana, ata que se converte ao catolicismo, facéndose máis tarde relixiosa carmelita descalza, e na persecución nazi contra os xudeus, para salvala, as compañeiras relixiosas levárona para un convento carmelita en Holanda, pero coa invasión dos nazis dese pais, a collen e a levan ao famoso campo de concentración Auschwitz, onde o 9 do agosto do 1942, a gasean os nazis..
O día 1 de maio do 1987, no estadio de Colonia, o Papa Xoán Paulo II a beatifica, de quen dixo: “ La Iglesia del siglo XX vive hoy un gran día. Nos inclinamos ante el testimonio de la vida y la muerte de Edith Stein... Una personalidad que reúne en su vida una síntesis dramática de nuestro siglo. La síntesis de una historia llena de heridas profundas que siguen doliendo aún hoy, pero que hombres y mujeres con sentido de responsabilidad se han esforzado y siguen esforzándose por curar; síntesis al mismo tiempo de la verdad plena sobre el hombre, en un corazón que estuvo inquieto e insatisfecho hasta que encontró descanso en Dios.
Nace Edith Stein o día 12 do outubro do ano 1891 en Breslau (entón Prusia; agora é a Broclaw polaca) no seo dun familia xudía, sendo ela a última filla dunha familia numerosa, morréndolle o pai ao pouco de nacer, debido a esta circunstancia foi educada con mimo por parte da súa nai e dos seus irmáns.
Aos 12 anos entra na escola que lle vai abrir horizontes e perspectivas novas; polo que se pode dicir que na infancia de Edith Stein hai que subliñar os elementos que van a configurar o seu futuro: presenza da nai, austeridade de vida, sentido do ben e do mal, intelixencia esperta, cultivo e defensa do mundo interior, independencia no obrar e no pensar e, polo mesmo emprendedora, carácter voluntarioso, prevalencia do racional, un gran autodominio, defensora da dignidade persoal, de nobres ideais, etc..
A pesares da firme fe da súa nai, na que ela tamén vive a practica, ata que aos 15 anos, coa chegada da súa adolescencia, abandona a fe, cando aló polo ano 1906 pasa unha longa temporada en Hamburgo na casa dun cuñado e irmá, chamados Max e Else, e o fai con plena responsabilidade: resúltalle inadmisible aceptar o que non comprende, ou practicar aquilo no que non cre. No 1913, a idade de 21 anos, cambia da universidade da súa cidade nat
al pola de Gotinga, onde se vai a encontrar co mestre Edmund Husserl, xudeu tamén, e quen vai ter un grande influencia na súa vida e educación. A súa inquedanza polo saber lévalle a escoitar a outros mestres e acude a conferencias doutro filósofo xudeo, Max Scheler. Este pensador vai exercer unha influencia decisiva sobre ela.
No 1915 Edith Stein cumple 24 anos. Fai un ano que empezou a Primeira Guerra Mundial, este acontecemento conmociona Centroeuropa. Tamén as universidades se ven afectadas por este acontecemento, os seus compañeiros alístasen no exército, e ela inscribirase na Cruz Vermella Internacional, onde vai exercer de enfermeira, atendendo os feridos con cariño.

Dos  26  ós 30 anos vive unha profunda crise persoal. No verán do 1921, cando Edith cumprira os 30 anos, foi a descansar a unha casa de campo duns amigos. Estes saíran, e cando era o serán, foi a biblioteca e colleu un libro gordo, levaba por titulo “Vida de Santa Teresa”, queda tan prendida del que o lee de cabo a rabo, e lle descubre a verdade que andaba a buscar, era o camiño da súa conversión, que se consuma co seu bautizo no aninovo do 1922. Entra no convento de Carmelitas de Colonia o 15 de abril do 1934 ata que o ambiente en Alemania se volta perigoso, e a superiora a manda para o convento de Echt, en Holanda. O 2 do agosto do 1942 as forzas de ocupación nazis obrígana a abandoar o convento, levarana para o campo de concentración de Auschuwitz, onde o 9 do agosto de 1942 a levaron á cámara de gas.

lunes, 4 de agosto de 2014

VIAXE A TERRA SANTA

Acabo de realizar unha viaxe á Terra de Xesús, unha terra especial, tanto polo que significa, como polo que foi ao longo da historia, e polo que é na actualidade. Terra de  eternos conflitos, terra que a pesares de ser pobre, con grandes partes de deserto é querida e buscada por todos. 
Sorprendeume que cando regresei daquela terra todos me preguntaban pola guerra entre Israel e Hamas, e polos perigos que alí tiveramos, quizais por unha visión distorsionada da realidade. É verdade que Israel e Hamas estaban en guerra, poro iso era na zona de Gaza, que está entre Israel e Exipto fora da zona de Terra Santa, e polo tanto nos non tivemos perigo, nin sentimos en ningún momento presión algunha.
Monte Tabor
Aquela terra ten unha maxia especial, é a Terra das relixións monoteístas, é dicir, do xudaísmo, dos cristiáns e dos musulmáns. Alí percibes a presenza de cristiáns, que son minoría, dos musulmáns, e naturalmente, agora en maioría.. dos xudeus. Observas como o venres é o Día dos musulmáns, cando teñen as súas celebración relixiosas, que por suposto non traballan, e están cerrados os seus comercios, para os demais é un dia normal. O sábado, ou “Shabat”, é o día dos xudeus, non traballan, non hai comercio, non funcionan os autobuses, todo está absolutamente paralizado, excepto, naturalmente os comercios do árabes e dos cristiáns. E o domingo é o día dos cristiáns, nótase menos, por son menos, pero da gusto oír as campás de Xerusalén, que soan como un ningún lado do mundo. Cando dicimos que é a terra de Xesús, é dicir que por alí camiñou Xesús. Chámanlle o quinto evanxeo, porque nos mostra a realidade do Evanxeo, cos seus lugares e a súa discreción, as palabras subía, baixaba, estaba na ribeira do Lago, fanse realidade e o Evanxeo toma vida. Saímos de Tel Aviv para ir a Hoppe, ao Monte Carmelo, e chegar a Tiberiades. Cruzamos o Lago en barco, nunha mañá espléndida, para desembarcar en Cafarnaúm, aquela vila que foi o centro da predicación do Señor nos primeiros tempos en Galilea, e onde chamou a varios dos seus discípulos. Vimos as ruínas da casa de Pedro, a Sinagoga onde Xesús predicou, para logo pasar por Tabga, onde o Señor lle dou o primado a Pedro. Dalí subimos ao Monte das Benaventuranzas, onde Xesús pronunciou o Sermón do Monte. Fomos a Nazaret para ver e celebrar a Eucaristía na magnifica basílica no fogar de Nazaret, onde puidemos contemplar o lugar onde se edificou unha pequena capela, por parte dos bizantinos nos primeiros séculos, sobre a casa de S. Xosé e a Virxe María, para logo ir a Caná onde o Señor fixo o seu primeiro milagre.
Subimos ao Monte Tabor onde celebramos a Eucaristía, e puidemos comtemplar o lugar onde o Señor se Transfigurou para alimentar a esperanza, despois de anunciarlles a Paixón.
Dalí fomos a Xordania. Visitando Amán, e logo o Monte Nevo, desde onde Moisés divisou a Terra de Promisión, para logo ir a Petra, a famosa cidade navatea.
Entramos outra vez en Israel polo porto de Acaba, para ver o mar Rojo, e ir cara o Mar Morto, visitando Qumrán, onde se encontraron os famosos manuscritos de Qumrán. Dalí subimos a Xerusalém, onde votamos tres días intensos, pisando o Monte das Oliveiras, visitando a basílica do Pater Noster, o lugar da Ascensión do Señor, para viaxar cara a cidade, parándonos e celebrando a Eucaristía na igrexa do Dominus Flevit, é dicir onde o Domingo de Ramos, o Señor chorou sobre Xerusalén, logo fomos á Horta das Oliveiras, para visitar a Igrexa da Agonia.
Estivemos dun xeito especial no Calvario, no Santo Sepulcro, onde celebramos a Eucaristía, no Cenáculo, fixemos a Viacrucis pola rúa da Amargura, desde o Palacio de Pilatos ata o Calvario.

En fin, sería largo de contar, e poder explicar as conclusións desta terceira viaxe que fixen a Terra Santa, e as cousas que máis me chamaron a atención.
Manuel Castroagudín

25 ANOS DA JMJ DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

A mediados deste mes fai 25 anos que se celebrou aquel acontecemento extraordinario en Santiago, cal foi a “XORNADA MUNDIAL DA XUVENTUDE”, que marcou un fito nas xornadas da xuventude e que deixou unha fonda pegada na vida da Igrexa no século XX.
Agora miles de xoves de toda España peregrinan a Santiago para revivir aquel acontecemento. A mais dun millar de mozos de Madrid fan o camiño de Santiago para revivir aquel extraordinario evento.
Xoan Paulo II no Monte do Gozo
Di o cardeal arcebispo de Madrid, D. Antonio María Rouco Varela, que naquel momento era arcebispo de Santiago, que o Camiño de Santiago é “meditar nun ti a ti con Aquel que é o Señor da Vida. Agora mesmo, miles de xoves de toda España viven ese ti a ti entre madrugóns, lesións, oración e camiñatas ao sol, rumbo á tumba do Apóstolo Santiago, á que chegarán o vindeiro mércores, 6 de agosto, para celebrar o 25 aniversario da IV Xornada Mundial da Xuventude en Santiago de Compostela, no agosto do 1989.
Son as seis e media da mañá e o camiño aínda esta escuro. Os peregrinos votan a andar e ven como, pouco a pouco, e ceo negro vai deixando paso o azul claro da mañá. “Somos testemuñas do amañecer”, escriben no seu diario de viaxe. Pero son moito máis que iso. Son, como di o lema da peregrinación dos cerca dos mil xoves madrileños que, desde o pasado sábado, camiñan a Santiago, “apóstolo valentes do Señor” que dan testemuña de fe, como fai 25 anos o fixeron máis de 400.000 xoves congregados en torno á Xornada Mundial da Xuventude en Santiago.
Nunha especie de relevo xeneracional, refán o camiño que abriu a mocidade do 89, que, en palabras do entón arcebispo de Santiago e agora de Madrid, cardeal Antonio María Rouco Varela, demostrou que había xoves movidos na súa vida persoal “pola fe en Cristo e non so por unha fe tímida que se oculta”.

Na primeira etapa do camiño, a que vai de Navia a Ribadeo, unha veciña do pobo os mira sorprendida –“que fan estes xoves andando por Asturias tan cedo”- A resposta chega dun mozo peregrino: “rezamos, e ímoslle dar grazas ao Apóstolo Santiago por habernos traído a fe”. Efectivamente a estes peregrinos non lles vai o de ocultarse. Na cabeceira da marcha, xunto a eles, camiña o cardeal Rouco Varela, xa un veterano no camiño do Apóstolo. Os anima a aproveitar cada quilómetro recorrido para encontrarse con Cristo e descubrir o plan de Deus nas súas vidas. E é que, como dicía o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, na súa mensaxe para o Ano Santo 2004, “o Camiño de Santiago é tamén unha peregrinación interior, É A METÁFORA DA VIDA DO HOME E DA IGREXA”. E as estatísticas confirman que esa busca espiritual é o que move a case o 90% dos que recollen a compostelán ao chegar a Santiago. “púxose de releve o que significa o sepulcro do Apóstolo como punto de atracción das almas”, explica Rouco Varela. Quizais os peregrinos- algún tan so de 13 anos- non saiban de estatísticas nin de viaxes interiores, pero si están a experimentar, como reflexa o sacerdote Luis José Tamayo no Diario do Peregrino da Delegación de Madrid, a alegría de ser Igrexa en marcha; “O espírito de alegría e fortaleza acompañounos en todo momento. ¿Qué vitalidade! Son xoves que camiñan cantando, charlando, rezando… Apenas se escoitan queixas e o cansazo foi un motivo para superarnos”. 

sábado, 2 de agosto de 2014

Lecturas

DOMINGO XVIII ORDINARIO  CICLO A
 

Primeira Lectura     Is 55, 1-3
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Comprade comida e comede

            Así fala Señor:
  ¡Oh, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.

      Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
       Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
        Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna,
os beneficios de David que se manteñen firmes.


Palabra do Señor                                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 8-9. 15-16. 17-18
R/. (cf. 16): Abres ti a túa man, Señor, e dásnos fartura.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

Os ollos de todos están postos en ti,
e dáslles o sustento ao seu tempo.
Abres ti a túa man,
e dáslle fartura a todo ser vivo.

O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.


Segunda Lectura     Rm 8, 35. 37-39
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Ningunha criatura nos poderá separar do amor de Deus, que se dá en Cristo

            Irmáns:
            ¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo?: a tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada?
            Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou.
            Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.

Palabra do Señor                                               R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Mt 4, 4b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.
Aleluia.



Evanxeo     Mt 14, 13-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Comeron todos e saciáronse

            Naquel tempo, cando soubo Xesús da morte do Bautista, retirouse de alí nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas. Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
            O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.
            Xesús díxolles:
           Non precisan marchar, dádelles vós de comer.
            Eles responderon:
            Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.
            Pero Xesús replicoulles:
            Pois traédemos aquí.

            E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mailos dous peixes, ergueu a mirada ao ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente.
            E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.



                                   Palabra do Señor                      R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Na cultura xudía, a invitación a comer era sinal de acollida e confianza. Cando un estranxeiro chegaba, o primeiro que se lle ofrecía era o pan e o sal como mostra de que era acollido coma un deles. Este xesto tan expresivo e importante naquela cultura, tamén o foi na nosa durante moito tempo. Porén, agora, estamos a ver a desconfianza, o individualismo, a ruptura do sentido social e comunitario como froitos do que o capitalismo (a base de insistir no ter e posuír fronte ao ser e compartir, e de considerarnos efectos colaterais para conseguir os seus obxectivos, pero non persoas posuidoras da mesma dignidade) ten conseguido que creamos. E estes perniciosos efectos do capitalismo están xa tan metidos no noso subconsciente que falar de compartir, posuír, e mesmo dar vén sendo, para moitos, case coma un pecado que hai que evitar. As consecuencias de todo isto estámolas a ver. Non fai falla ter unha vista moi boa para darnos conta de que persoas que ata hai ben pouco nada botaban en falta, hoxe non teñen moitas veces que levar á boca. Que os avós, aos que non se lles facía moito caso, son agora, por mor da súa pensión, os que dan o que teñen a fillos e netos de xeito agradecido...mesmo sabendo que se a situación fose outra, volverían ser os primeiros esquecidos. A invitación da lectura de Isaías a compartir o pan é valor que se fai hoxe realidade desde a fidelidade aos valores que o Deus cristián vén invitando a poñer en práctica ao longo dos tempos, en situacións sociais e económicas diversas. Porque ese Deus amor e misericordia, unha e outra vez, ten insistido e tennos invitado a abrir a man sen medo non para crear violencia, senón para achegar persoas e corazón, e ofrecer ata saciar os favores do amor. Só un Deus que é amor pode ter uns seguidores que saben facer desa palabra vida e solidariedade. Un amor impregnado de xustiza e que non se conforma co discurso retórico dos que mandan, senón que busca a fraternidade en quen o necesita. Por iso nunca, coma o profeta, cansaremos de dicir: “vinde e comede”. Sen excluír, e sempre agarimando.

E se de verdade tomamos esta palabra en serio e nos esforzamos por traducila á nosa vida en forma de accións  e comportamentos, este amor vai asentándose sobre uns cimentos tan fortes que, por moi forte que sexa o trebón, non os vai derrubar. Como senón entender o esforzo de tantas persoas que arriscan vidas e poñen tempo e ledicia para entregarse aos demais, sen esperar nada material como recompensa?. A resposta atopámola nas palabras que Paulo lle escribía aos romanos: “o amor de Cristo”. Nesta seguridade nada nos vai apartar dese corazón solidario e sempre disposto a expresar a tenrura de Deus cos irmáns. Un amor farturento que non se deixa vencer pola desesperanza; un amor que non xulga nin condena, senón que busca tender mans en proxectos comúns e que benefician a todos; un amor sempre disposto a non conformarse co sometemento e a submisión, senón que busca a liberación das situacións sociais para que as persoas poidamos ser real e autenticamente libres. Nunha palabra, un amor que non se esgota nin nun contacto físico nin tampouco na elocuencia dun discurso ben construído, senón que se expresa e mostra na coherencia dunha vida e na capacidade de mirar aos ollos, sen a mala conciencia de estar xogando coas vidas e a dignidade de quen non o deixan ser protagonista da súa propia vida. E ese amor só provén dunha fonte: o manancial que nos ofrece Xesús.


Desde hai dous mil anos, nós coidamos que toda esta riqueza que nos ofrece o amor de Xesús vaise mostrando na vida da Igrexa a través das súas comunidades, das accións e compromisos dos que nos chamamos crentes. Unha Igrexa que sempre é sinal de contradición, pois diante de moitas iniciativas e proxectos realizados dese amor, aparecen tamén as antíteses producidas polo pecado dos que mesmo se chaman e consideran seguidores do Deus amor, o que fai que a imaxe que deamos como Igrexa sexa todo o contrario á do Evanxeo. Non estaría de máis que nos preguntaramos cal está sendo a nosa actitude, e como imos respondendo, como Igrexa que conformamos, á tarefa de sermos construtores do Reino de Deus alí onde estamos. O “comeron ata fartar” do que nos fala o Evanxeo é tamén para nós unha chamada a que nestes tempos difíciles non deixemos de lado a preocupación polos demais; a  que non esquezamos que a fe cristiá non é unha fe que se reza, senón un seguimento que se vive coas nosas actitudes e as nosas accións. Unhas actitudes que han verse desde os nosos comportamentos. Ser alimento para os outros é ser pan compartido e repartido. Pan físico e material; pero tamén pan de ter a capacidade de escoitar a quen o necesite ou de acompañar a quen nolo pida. E non esquezamos que neste momento non só hai escaseza de pan de trigo..., hai outras moitas escasezas que nós podemos axudar a fartar.

sábado, 26 de julio de 2014

Lecturas

DOMINGO  XVII  ORDINARIO  CICLO A


Primeira Lectura     1 Re 3, 5. 7-12
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Pediches sabedoría para ti
 
            Naqueles días, en Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle:
            "Pídeme o que queiras".
            Salomón respondeulle:
            Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar.
            Concédelle, pois, ao teu servo un corazón sabio, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"
            Ó Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo.
            E díxolle:
            "Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, como non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 118, 57 e 72. 76-77. 127-128. 129-130
 R/.  (97a):  Canto amo, Señor, a túa Lei!

A miña sorte é o Señor:
eu propoño observar a túa palabra.
A lei da túa boca é para min máis prezada
cós milleiros en moedas de ouro e prata.

Que a túa misericordia me console,
conforme o prometiches ao teu servo.
Que a túa compaixón veña a min e vivirei;
a túa lei é a miña alegría.
Eu amo os teus mandamentos,
por riba do ouro máis puro.
Guíome polas túas normas
e aborrezo o camiño da mentira.

Admirable é a túa revelación,
por iso a observa a miña alma.
A túa palabra ao revelarse ilumina,
fai sabios aos ignorantes.


Segunda Lectura     Rm 8, 28-30
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Predestinounos a reproducirmos a imaxe do seu Fillo

             Irmáns:
            Sabemos que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escollidos segundo os seus designios.
            Pois aos que primeiro coñeceu, predestinounos a reproducir a imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns.
            E aos que predestinou, a eses chamou; e aos que chamou, a eses xustificou; e aos que xustificou, a eses glorificou.
                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 44-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vendeu todo canto tiña e comprou o agro aquel
 
            Naquel tempo, díxolle Xesús á multitude:
             O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; o home que o atopou, vólveo agachar e, cheo de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela leira.
            Tamén se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas; en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña, e mercouna.
            Do mesmo xeito, o Reino dos Ceos é semellante a unha rede varredoira largada no mar, que recolleu peixes de todas as castes. Unha vez chea, tiraron por ela para a ribeira e, sentados, xuntaron os bos nas patelas, e tiraron os malos fóra.
            Así será na fin do mundo: Sairán os anxos, e do medio dos xustos arredarán os malos para botalos no forno do lume: Alí haberá pranto e renxer de dentes.
            Entendestes todo isto?
            Eles responderon:
            Entendemos.
            El concluíu:
            Por iso, todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese a un pai de familia que saca do seu tesouro cousas novas e cousas vellas.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Esa dignidade que posuímos todas as persoas non sempre é percibida polos demais, o que leva a que fagamos guerras, nos vaiamos dando morte uns aos outros e mesmo sexamos capaces de enganar, para conseguir medrar e ter recoñecemento social, a base de traizóns e mentiras. Non hai máis que ver como cada día os xulgados e os cárceres se van enchendo de persoas que teñen actuado así. A diferenza do rei Salomón, para todas estas persoas o sentido das súas vidas non está en ter un corazón capaz de escoitar, senón un corazón duro e de pedra que utiliza aos demais para as súas comenencias e busca única e exclusivamente o seu interese. Que lonxe da mensaxe cristiá, inda que vaian á misa ou se pavonen de ser crentes, mesmo dos que máis e mellor cumpren os ritos e gardan normas e dogmas!. A diferenza deste xeito de actuar, o camiño que se nos abre desde a palabra que hoxe temos escoitado non pasa por pedir para nós, senón por saír ao encontro dos demais. A fe ofrécenos -non impón- un camiño de comportamento ético que encerra un final de plenitude e salvación. O reinado de Deus ao que constantemente invitaba Xesús terá o seu cume na salvación –proximidade de Deus– da que gozaremos no remate do camiño. E a ela non se pode chegar máis que a través dunha vida impregnada de humanización e capacidade de descubrir ao outro coma un igual. Non vai chegar, inda que quen o diga berre ou use o seu poder para impoñelo, polo cumprimento das normas da ortodoxia ou da persecución dos que pensan distinto e buscan outras maneiras de facer presente a Deus nas súas vidas. A dignidade e a xustiza han ir xuntas para poder gozar do corazón que escoita, que Salomón, e con el todos nós, lle pedimos a Deus.

Xustificados nunha mesma dignidade, esta non está para ser contemplada ou para poñela nunha vitrina a fin de que a miren os demais e nos loen e aplaudan. A dignidade que recibimos de Deus, e pola que Xesús deu o mellor de si, é a mesma que nos fai entender por que é posible que recemos xuntos, inda que pertenzamos a credos distintos; é a mesma que posibilita que unamos esforzos para sacar proxectos nos que as persoas -non as ideas- sexan o primeiro; é a mesma pola que no canto de ser partidarios exaltados da nosa relixión, chámasenos a ser dialogantes e capaces de escoitar outras visións ou perspectivas que nos poden enriquecer humana e espiritualmente. E isto é así porque a raíz da que partimos é a mesma: Deus créanos por amor e ponnos no mundo para que fagamos dese amor sentido e guieiro da nosa vida. O que pasa é que moitas veces esquecemos isto, o que nos leva a pensar que cadaquén ten a verdade, que esta é única, e, xa sexa polas boas ou polas malas, como é a nosa e é única, non cabe máis que impoñerlla aos demais. Que lonxe do que Paulo lles dicía aos romanos!. Á verdade pódese chegar por varios camiños, o importante é que cheguemos, sen que ninguén se arrogue a exclusiva da viaxe. O Papa Francisco insiste coas súas palabras, cos seus escritos e o que é máis importante, cos seus xestos constantemente, para saber tender pontes de relación é unión desde os que facer do noso traballo cotián unha esperanza de dignificación do ser humano.Só deste xeito seremos capaces de atopar o tesouro do que hoxe nos fala o evanxeo: o Reino dos ceos. E coma todo tesouro, non se debe agochar, senón, inda que moitos non o queiran entender, coidar e compartir. Quen coida o que considera un gran ben e sabe poñelo ao servizo dos demais atopa unha ledicia interior que ninguén lle pode quitar. Iso debéranos pasar a nós os cristiáns. O tesouro é o evanxeo; un evanxeo que debemos coidar e mostrar aos demais a través da nosa vida. Porque se o tesouro non loce, para que o queremos?. Por moito que esteamos bautizados, vaiamos á misa, fagamos moitas promesas e novenas… se logo non somos capaces de ser sensibles á dor dos demais, non nos preocupamos polo que pasa ao noso redor ou nos desentendemos do esforzo por ser xustos, solidarios e dispoñibles a botar unha man a quen nolo pida, dificilmente poderemos falar con sinceridade e convicción do gran tesouro que é o evanxeo. A diferenza dos tesouros ao uso, que se esconden e hai medo a que os demais os coñezan, o tesouro do evanxeo é alegría, é paz, é xustiza, é igualdade para todos/as. E  iso non se pode agochar, senón que hai que dalo a coñecer para poder ser compartido. Aquí está o alicerce da proposta de Xesús. Traballemos día a día para vivila e comunicala.

domingo, 20 de julio de 2014

LECTURAS

DOMINGO  XVI  ORDINARIO  -  CICLO A
  

Primeira Lectura         Sab 12, 13. 16-19
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Impós penitencia sobre os pecados
 
            Non hai, fóra de ti, un Deus que coide de todas as cousas,
a quen teñas que xustificar que non xulgas inxustamente;
            Xa que o teu poder é a fonte da xustiza,
e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.
            Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder, confundindo a audacia dos que o coñecen;
así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio
gobernándonos con toda consideración,
pois na man tes o poderío cando queres.
            Con feitos semellantes ensinaches ao teu pobo
que ao xusto lle cómpre ser humano;
e a teus fillos décheslles a ditosa esperanza
de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 85, 5-6. 9-10. 15-16a
R/.  (5a):  Ti, Señor, es agarimoso e indulxente.

Ti, Señor, es agarimoso e indulxente,
cheo de misericordia para os que te invocan.
Escoita, Señor, a miña súplica,
atende a miña pregaria.

Os pobos todos que ti creaches
virán, Señor, adorarte,
virán honrar o teu nome.
Ti es grande e fas prodixios,
ti es o único Deus.

Pero ti, Señor, Deus compasivo e clemente,
tardo á ira, cheo de misericordia e leal,
mira por min, apiádate.


Segunda Lectura     Rm 8, 26-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras
 
            Irmáns:
            O Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Pois nós non sabemos o que debemos pedir como cómpre; pero o mesmo Espírito intercede por nós con laios inefables.
            E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 24-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Deixade que as dúas medren ata a seitura


            Naquel tempo, contoulles Xesús outra parábola:
            Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
            Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
            Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
            E contoulles outra parábola:
            O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
            Díxolles outra parábola:
            O Reino dos Ceos é semellante ao fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:
            Abrirei a miña boca para dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
            Entón, deixando a xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
            Explícanos a parábola do xoio na leira.
            El respondeu:
             O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos.
            E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes.
            Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Utilizamos moito o substantivo xustiza, o que non está tan claro é que o utilicemos do xeito adecuado. Porque a xustiza non é aplicar na vida -na nosa ou na dos demais-, os nosos criterios, ou o que nos parece mellor;  senón que a xustiza supón e esixe recoñecer/nos primeiro como persoas con dignidade e merecedores de respecto, independentemente de que teñan criterios parecidos aos nosos, pertenzan a outras crenzas ou a súa visión da realidade sexa moi distinta da nosa. A clave para entender isto que estamos a dicir dánola a frase á que faciamos referencia ao comezo da celebración e que atopamos na primeira lectura, do libro da Sabedoría. E dános a  clave para entender a xustiza  porque pon esta en relación cun actuar humano, co actuar humanizador. É dicir, co xeito de facer as cousas no que a persoa ocupe o primeiro lugar da escada de valores e principios desde os que nos movamos. Sendo importantes outras moitas cousas para poder vivir e facernos a vida moito máis doada, é necesario distinguir ben unha cousa da outra, para non caer na esquizofrenia de quen xa non distingue e o confunde todo. Algo disto está a pasar neste mundo no que vivimos e que, entre  todos  imos construíndo. Nel, moitas veces, xa non distinguimos que e núcleo e que é casca. Ou o que é o mesmo, non  diferenciamos o fundamental do accesorio, o que nos está a traer confusións e dor. Non hai máis que ver un telexornal, escoitar un informativo ou ler unha nova no xornal. Para lavarnos a conciencia acostumamos a dicir que a xente está tola ou preguntarnos onde imos parar con estes comportamentos....Pero poucas veces nos preguntamos: e eu, que fago, alí onde estou: familia, traballo, barrio, parroquia… para evitar esta confusión e desconcerto? Laiarse é doado, pero coller  o touro polos  cornos e non ter medo a expresar, e tamén explicar, que non todo vale nin é o mesmo sabendo argumentar con razóns e reflexións a quen o confunde todo, esixe perder  a vergoña e non ter complexo de inferioridade. Por iso non sempre é doado dar razón do que pensamos que debe ordenar a vida para que esta camiñe no binomio xustiza–humanidade. Sendo verdade que Deus coida de nós, non é menos verdade que nós tamén debemos coidar de canto Deus foi creando, e de entre todo, o máis importante, e isto non ten rebaixa, é o ser humano, ao que nos dotou de dignidade e capacidade de pensar, sentir e compartir. Deixemos logo que a sabedoría de Deus enchoupe o noso quefacer cotián!
  
Para poder ir desenvolvendo este proxecto de Deus  artellado  no binomio xustiza/humanidade, é necesario sentirse forte, ou polo menos, con capacidade de afrontalo sen medo nin vergoña pola nosa parte, cousa que non sempre somos capaces de levar a cabo. De aí que necesitemos un “plus” de forza que tamén nos ofrece ese Deus que é comuñón para cantos cremos nel. A  isto se refire Paulo cando lles  escribe aos cristiáns de Roma, e lles di que na debilidade, cando parece que todo se derruba, que nada vai quedando en pé –pensamento/tentación na que caemos cando nos deixamos levar da desesperanza-, o Espírito acode na nosa axuda. É esta unha fermosa imaxe que Paulo nos presenta de Deus como aquel que terma, acompaña, agarima e coida, con grande tenrura de nós. Non é logo que Deus se afaste de nós, ou faga oídos xordos á nosa oración –“ata cando Señor …”  dicimos no salmo-, máis ben, somos nós os que endurecemos o oído para non prestarlle atención á invitación que nos fai de seguilo. Falar entón do Espírito é falar da forza que recibimos para afrontar retos, superar dificultades, manter proxectos ou xerar ilusións. O Espírito, como forza e estada, sempre acode na nosa axuda e na nosa debilidade para termar de nós. Na confesión de fe que rezamos cada domingo dicimos que cremos no Espírito Santo. Poñamos en valor esta afirmación deixándonos enchoupar da súa presenza e da lóxica da comuñón á que nos chama e invita. Facer comunidade, crecer como comunidade e actuar no nome da comunidade, non sería posible, e se o fose, dificilmente aguantaría os avatares e a dureza da proba, se o Espírito non fose o compañeiro nesta andaina que imos construíndo de facer do mundo reinado de Deus. 


Dispostos sempre a deixarnos agarimar por esta presenza, ben seguro que atoparemos os folgos necesarios e suficientes para ir sabendo distinguir o xoio do trigo. É dicir, como diciamos antes, que non todo é o mesmo, que necesitamos organizar e aprender a descubrir que é o importante, e que cousa non o é, inda que estea moi de moda, o fagan todos, ou sexa “trending topic” nas tan afamadas hoxe, redes sociais. Por iso é tan fundamental buscar momentos onde poidamos formarnos, reflexionar e compartir as nosas dúbidas e preocupacións, para ir aprendendo a construír sobre bos alicerces, ou sobre terreo ben abonado. Distinguir o que humaniza daquilo que nos fai escravos e sometidos, non sempre é fácil, por iso é tan importante formarnos, coñecer e diferenciar, para non confundirnos nin deixarnos ir como arrastrados por quen berra máis, manipula mellor ou aparece máis veces na TV. Non porque unha cousa se diga, se vexa ou repita moitas veces se converte en boa se non o é. Na vida, xoio e trigo van camiñando tan á  xunta que moitas veces, se non poñemos a atención debida, poden confundirse, e para evitar esa confusión, son necesarios os criterios. Fronte ao xoio, necesitamos a mostaza. Ela, sendo unha semente pequena, vai pouco a pouco crecendo ata converterse nunha grande árbore. Así ha ser tamén a nosa vida:  pequenos pasos que imos sementando desde a xustiza e a humanidade, para que un día poidan dar moito froito, e fagamos de verdade reinado de Deus.