domingo, 13 de abril de 2014

LECTURAS

DOMINGO DE RAMOS - PROCESIÓN DAS PALMAS .CICLO A    

Evanxeo  Mt 21, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Bendito o que vén no nome do Señor

            Cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, dicíndolles:
            Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ao Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
            Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:
            Dicídelle á filla de Sión:
Velaí o teu Rei que vén onda ti,
humilde e montado nunha burra,
nun burro, fillo de animal de carga.
            Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron ponlas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:
            Hosanna ao Fillo de David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna  nas alturas!
            E ao entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
            Quen é este?
            A xente respondía:
            Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.

 Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Primeira Lectura     Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
(Terceiro Canto do Servo do Señor)
 
            O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
            El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
            Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
            Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?

Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.

Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.

Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.


Segunda Lectura     Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno

            Irmáns:
            Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
            Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.
          
  Palabra do Señor                 R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO   
Flp 2, 8-9

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.

PAIXON DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEO

Es ti o rei dos xudeus?

            C. Naquel tempo, compareceu Xesús diante o gobernador, que lle preguntou:
            S. Es ti o rei dos xudeus?
            C. Xesús contestou:
            + Ti o dis.
            C. E aos cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato:
            S. Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?
            C. Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.
            Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Barrabás. Pilato dirixiuse ao pobo reunido:
            S. A quen queredes que vos solte, a Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
            C. Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.
            Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:
            S. Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.
            C. Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. O gobernador insistiu:
            S. A quen queredes que vos libere?
            C. Eles dixeron:                   
            S. A Barrabás.
            C. Díxolles Pilato:
            S. E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?
            C. E responderon todos:
            S. Que o crucifiquen!
            C. El replicou:
            S. Pero, que mal fixo?
            C. Pero eles berraban máis forte dicindo:
            S. Que o crucifiquen!
            C. Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
            S. Alá vós, eu non son responsable deste sangue.
            C. Todo o pobo respondeu dicindo:
            S. Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre os nosos fillos.
            C. Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Saúde, rei dos xudeus!

            C. Os soldados do gobernador levaron a Xesús ao Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
            S. Saúde, rei dos xudeus!
            C. Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.

Crucificaron tamén con el dous bandidos

            C. Ao saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús.
            Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, é dicir, lugar da Caveira, a Xesús déronlle de beber viño mesturado con fel; el probouno, pero non o quixo beber. Despois de que o crucificaron, repartiron os seus vestidos botándoos a sorteo e, estando alí sentados, vixiábano.
            Enriba da súa cabeza puxeron escrito o motivo da súa conde­na: "Este é Xesús, o Rei dos Xudeus".
            Crucificaron tamén con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Se es Fillo de Deus, baixa da cruz

            C. Os que pasaban por alí insultábano, abaneando a cabeza e dicindo:
            S. Ti que destrúes o templo e o reconstrúes en tres días, sálvate e ti mesmo; se es Fillo de Deus, baixa da cruz.
            C. Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, cos letrados e cos senadores, burlándose del dicíanlle:
            S. Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo. É rei de Israel; que baixe agora de cruz e creremos nel. Confía en Deus; pois que Deus o salve agora, se tanto lle quere, xa que dixo: "Son Fillo de Deus".
            C. Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.

Elí, Elí, lemá sabactaní?

            C. Desde o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ao redor desta hora, clamou Xesús e, con voz resoante, dixo:
            + Elí, Elí, lemá sabactaní?
            C. Isto é: "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?"
            Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
            S. Ese está chamando por Elías.
            C. Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa, enchoupouna de vinagre, espetouna nunha cana, e dáballe de beber.
            Pero os demais dicían:
            S. Deixa, a ver se vén Elías salvalo.
            C. Logo Xesús, clamando outra vez con voz resoante, entregou o espírito.

(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. Entón o veo do Santuario rachou en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.
            O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
            S. Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.

  Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



QUE OS RAMALLOS NON NOS IMPIDAN VER A REALIDADE


MONICIÓN PARA O COMEZO                                                     
(faise fóra, onde se bendigan os ramos)
Reunidos como comunidade cristiá, comezamos a nosa celebración do domingo de Ramos. Coma Xesús, tamén nós queremos pomos en camiño para ir a Xerusalén. E dicir, queremos vivir, compartir e celebrar os grandes acontecementos da nosa fe, para poder chegar ao final: á pascua, e participar comunitariamente do renacer esperanzado da vida, do abrirnos ao cambio, ao esforzo, ao traballo por facer as cousas máis fáciles a cantos comparten con nós tempo, vida, preocupacións e proxectos. Dispoñámonos a participar de xeito activo e gozoso. e entoemos xuntos o moito me alegrei dos que queremos ir á casa do Señor.

REMUÍÑO
Na celebración de hoxe, a bendición dos Ramos quere ser símbolo da necesaria acollida que debemos prestar a cantos se achegan as nosas comunidades; ou mesmo a nós, buscando ser escoitados
e  axudados. Neste momento podemos ir facendo un esforzo por revisar cáles son as nosas actitudes, e
ver se verdadeiramente estamos a responder ao seguimento de Xesús. El foi capaz de poñerse a disposición de todos, darse e entregarse, e sempre buscando facer moito máis agradable a vida dos demais. Tamén nós hoxe somos invitados a mirar á persoa de Xesús para, como El, sufrir con quen sufra e gozar con quen goza. En palabras de hoxe, Xesús tiña verdadeira empatía cos demais, coñecia o que era poñerse no sitio do outro.

El, que non recuou ao chegar a Xerusalén, ten que ser para nós a luz e a forza para que non nos deixemos levar da tentación de recuar tamén nós cardo teñamos que afrontar situacións difíciles, tanto para nós como para os demais. Estar permanentemente en camiño debera ser un xeito de asumir a vida, de ver e facer as cousas perdendo medos e asumindo causas que poden levar a outros a ser máis felices
a un vivir moito máis humano. Fixémonos Nel e poñámonos a andar dunha vez. Se El quere seguir entrando nas moitas Xerusalén que hoxe hai ao noso redor; Xerusalén nas que tantas persoas, coñecidas ou non, son levadas ao sufrimento e á dor: enfermos, empobrecidos, esquecidos, nenos sen atención por parte dos seus pais, nenos utilizados como se foran "cousas", maiores vivindo en soidade... camiñemos sen présa cara esa Xerusalén que non se queda na morte a na dor, senón que se transforma en experiencia de renovación gozosa e chea de esperanza. Que esta semana que hoxe comeza nos leve a poder, sabéndonos acompañados de Xesús, chegar xuntos e comprometidos con toda causa xusta á Pascua da resurrección e da vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos camiñar cara Xerusalén, non para quedarnos no externo do camiño de Xesús, senón para avanzar na renovación da nosa vida e das nosas actitudes e valores, digamos xuntos:
                      QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, este mundo tan dividido e enfrontado, por non saber abrirnos a escoitar e a acoller a quen pensa distinto a nós. Oremos.
                      QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, a túa Igrexa, para que venza a tentación da influencia e da imposición, para converterse en casa de acollida e fermento de fraternidade. Oremos.
                      QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, as nosas comunidades, para que saibamos vivir o amor, sincero e desinteresado, no compromiso pola xustiza e a solidariedade, especialmente cos pobres, os que sofren, os que son desprazados e silenciados. Oremos.
                      QUE A TÚA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, a cantos hoxe quixemos poñernos en camiño para ir á Xerusalén da entrega xenerosa e desinteresada das nosas vidas a favor dunha maior e mellor comuñón entre todos nós. Oremos.
                      QUE A TÚA BENDICIÓN RENOVE NOSA VIDA
Señor, que saibamos camiñar acompañados pola túa bendición na nosa tarefa de facer do mundo a casa onde ninguén sexa rexeitado. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.


PRESENTACIÓN DOS SIGNOS-OFERTORIO
*   No momento do ofertorio achégase ao altar unha cruz, a poder ser un pouco grande, que poñeremos diante do altar. Adornaremos a cruz con flores —o amor— e ramos de oliveira —a paz-. Con iso quérese expresar que Xesús entra en Xerusalén e é aclamado porque nel recoñécese a Aquel que desde o amor, nos ven traer a paz.
*   Tamén podemos por ao pé do altar un cartel, o suficientemente grande, con imaxes alusivas ás celebracións da Semana Santa que se van realizar na parroquia, xunto aos respectivos horarios.

REFLEXIÓN
A entrada antitriunfal do Mesías en Xerusalén
Xa se chegan ás portas da cidade. É o derradeiro tramo, e Xesús quixo percorrelo montado nunha burra, coma un humilde peregrino que entra en Xerusalén desexando a todos a paz. Neste momento, contaxiados polo aire de festa da Pascua e alporizados pola expectación da pronta chegada do Reino de Deus, no que tanto insistía Xesús, comezan a aclamalo.
Algúns cortan uns poucos ramallos que van crecendo á beira do camiño, outros botan as súas túnicas no chan cando vai pasando. Expresan a súa fe no Reino de Deus e o seu agradecemento a Xesús.
Non é unha recepción solemne organizada para recibir a un persoeiro ilustre e poderoso, é unha homenaxe espontánea dos discípulos e seguidores que veñen con El. Segundo se nos di, os que o aclaman son peregrinos que "ían diante Del" ou que "o seguían" .Probablemente o seu berro debeu ser este: "Hosanna! Bendito o que ven no nome do Señor!".
O xesto de Xesús era seguramente intencionado. A súa entrada en Xerusalén montado nunha burra dicta máis que moitas palabras. Xesús busca un reino de paz e xustiza para todos, non un imperio construido con violencia e opresión.

Montado nunha burra, aparece diante daqueles peregrinos coma un profeta, portador dun orde novo e diferente, oposto ao que impuñan os xerais romanos, montados sobre cabalos de guerra. A súa humilde entrada en Xerusalén convértese en sátira e burla das entradas triunfais que organizaban os romanos para tomar posesión das cidades conquistadas. (José Antonio Pagola, Jesús )

sábado, 5 de abril de 2014

Lecturas

DOMINGO V DE CORESMA  -   CICLO A



Primeira Lectura    Ez 37, 12-14
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Dareivos o meu Espírito e viviredes

            Isto di o Señor Deus:
            Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
            Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
            Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
            Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago
é o Señor quen fala .

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8
R/. (7): Do Señor vén a misericordia, e nel a redención é cumprida.

Desde os abismos clamo a ti, Señor;
Señor, escoita a miña voz.
Ten atentos os oídos
á voz da miña súplica.

Se levas conta dos pecados, Señor,
Señor, quen poderá terse en pé?
Mais en ti está o perdón
para te faceres respectar.

Eu espero no Señor,
a miña alma espera na súa palabra;
a miña alma agarda o Señor,
máis do que os vixías á aurora.

Agarde Israel o Señor,
pois do Señor vén a misericordia
e nel a redención é cumprida.
El é quen redime a Israel
de todos os pecados.


Segunda Lectura    Rm 8, 8-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito de quen resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós

            Irmáns:
            Os que viven conforme a condición carnal, non poden agradar a Deus.
Pero vós non vivides conforme a carne, senón conforme o espírito, se é que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
            Pero se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o espírito é vida por causa da xustiza.
            Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO      Xn 11, 25a. 26

Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;
quen cre en min non morrerá endexamais.
 


Evanxeo    Xn 11, 1-45 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son a resurrección e a vida

            Naquel tempo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta, caera enfermo. María fora a que unxira o Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
            Señor, mira, o que amas está enfermo.
            Ó oílo, dixo Xesús:
            Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
            Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:
            Vaiamos outra vez a Xudea!
            Os discípulos respondéronlle:
            Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus,  e vas ir outra vez alí?
            Xesús replicou:
            Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
            En dicindo isto, proseguiu:
            Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
            Dixéronlle entón os discípulos:
            Señor, se dorme, curará.
            Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:
            Lázaro morreu, e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el!
            Díxolles entón Tomé o chamado Xemelgo aos outros discípulos:
            Vaiamos tamén nós morrer con el!
            Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros; moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
            Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
            Xesús díxolle:
            Teu irmán resucitará.
            Marta respondeulle:
            Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
            Díxolle Xesús:
            Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?
            Ela respondeu:
            Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
            O Mestre está aquí e chámate.
            Ela, ao oílo, ergueuse de contado e foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba Xesús e, ao velo, caeu aos seus pés, dicíndolle:
            Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
            Ó ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
            Onde o puxestes?
            Contestáronlle:
            Señor, ven ver.
            E Xesús botouse a chorar.
            Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!"
            Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?"
            Xesús, estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova e tiña unha pedra por riba.
            Xesús ordenou:
            Arredade a pedra.
            Marta, a irmá do finado, díxolle:
            Señor, xa cheira, que leva catro días.
            Xesús contestoulle:
            Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
            Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
            Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
            Lázaro, ven para fóra!
            Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
            Desenleádeo e deixádeo ir.
            Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Reflexión

Pouco a pouco a coresma vai avanzando cara ao seu remate. Daquela, é hora de que nos preguntemos se neste percorrido que comezabamos o mércores de cinza temos acadado algún obxectivo, ou pola contra todo segue igual. Somos os mesmos aos que lles esvaran os textos da palabra que proclamamos nas celebracións?. Somos os mesmos que non nos temos movido nada respecto das nosas teimas, e seguimos crendo que a razón está en nós, e que isto da fe hai que vivilo cada un como lle peta, esquecendo que Xesús nos marca un camiño que debemos percorrer ilusionados, pero tamén de xeito responsable ao longo da vida?. Porque a salvación, a graza, a esperanza ou a resurrección, palabras que escoitamos moitas veces nas celebracións son medios que desde a vida e persoa de Xesús, imos descubrindo que nos van facendo mellores persoas, que nos axudan a superar prexuízos e van facendo de nós homes e mulleres para os que a fe non é un verniz externo e ritualista, senón unha maneira de vivir e construír relación de irmandade e amizade con aqueles que están ao noso redor. E se aos amigos os utilizamos segundo o noso interese, abusamos da súa confianza, enganámolos buscando a nosa comenencia... dificilmente pode ser crible a afirmación de que temos fe, de que somos crentes ou de que a celebración do domingo é importante e moito máis ca un costume. O profeta Ezequiel deixouno dito con claridade na primeira lectura de hoxe, cando pon na boca de Deus a afirmación de que El, aquilo que di, faino. Non xoga nin coas persoas nin cos seus sentimentos. Vainos narrando -empregando unha linguaxe que podemos todos comprender-, que falar de Deus é querer dicir que nunca estamos abandonados, solos ou ao pairo. Todo o contrario: porque é un Deus que non quere sacrificios baleiros, senón actitudes e comportamentos reais, invítanos a non esquecer que no mesmo xeito que vivamos a nosa amizade e preocupación polos amigos, nesa mesma maneira estará sendo o sentido, a razón e a comprensión que teñamos de Deus. El non é algo que está nas alturas, senón alguén que terma e se preocupa de nós, ao chamarnos a non deixar abandonados aos demais.

-Amizade e misericordia van sempre da man. Non pode darse unha sen a outra. Un non pode chamarse amigo nin de Deus nin dos demais se non é misericordioso; é dicir, se non somos capaces de tomar en serio a quen nos busca, de escoitar –non só oír– a quen nos fala contándonos o seu problema ou os seus medos e inseguridades; de acompañar a quen está vivindo unha situación dura, difícil ou se sente enganado por todos. Se non somos quen de mirar aos ollos a quen temos ao lado, dificilmente poderemos entender que significa a palabra amigo ou amiga e a palabra misericordia. Escoitar, acompañar e sufrir con, son actitudes que nos invitan á misericordia, a poñer o corazón ao lado de quen o precisa. Así o entendeu Xesús, e así o entenderon moitos homes e mulleres que, descubríndoo en Xesús, fixeron da súa vida entrega de gratuidade apaixonada. A misericordia non está no externo, senón que bule dentro do corazón e móstrase no xeito de facer, dicir e vivir as situación da vida ao lado dos outros. A isto se refire Paulo cando di que nós non vivimos segundo a carne, senón segundo o espírito. Porque nel imos atopando sementes de vida, de esperanza, de superación de atrancos; e desde el, e tendo en conta canto vimos de dicir, entendemos que significa a experiencia de resucitar. Botemos fóra a idea de identificala con un revivir corporal, e comecemos a vivir e a entendela como a vivencia máis profunda que fai que as persoas saibamos dicir sempre: todo é posible, porque nada ten final senón en Deus.

ü  E quen é misericordioso acostuma a ser unha persoa con capacidade non de pecharse en si mesma e só nas súas cousas, senón de abrir horizontes para descubrir que ao seu lado hai moitas causas e cousas polas que loitar; moitas persoas capaces de poñer a súa vida a render a prol dos demais, de facer o seu traballo non só de xeito responsable e ben feito, senón de saber agradecelo e compartilo creando unha relación de xenerosidade e colaboración con quen ten ao lado; de non deixar que os máis fortes abusen dos débiles, que os inxustos triúnfen e esmaguen aos máis pequenos, que o fracaso triúnfe sobre a esperanza. Quen descubre a misericordia como actitude fundamental da súa vida, o mesmo que Xesús, sabe chorar nas ledicias e consolar nas tristuras, porque sabe que ante o don da amizade está aquel que non renuncia a ser amigo de todas as persoas: Xesús de Nazaré.

sábado, 29 de marzo de 2014

Lecturas

DOMINGO IV DE CORESMA -  CICLO A

  
Primeira Lectura    1 Sam 16, 1b. 6-7. 10-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL
David é unxido como rei de Israel

            Naqueles días, díxolle o Señor a Samuel:
            Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Iexé, o de Belén, pois escollín entre os seus fillos un rei para min.
            Cando chegou a Belén, viu a Eliab e pensou:
            "De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido".
            Pero o Señor díxolle a Samuel:
            "Non te fixes no seu aspecto, nin na súa moita estatura. Ese téñoo excluído, pois Deus non olla como os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón".
            Iexé fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo:
            "Ningún destes é o escollido do Señor".
            Samuel preguntoulle a Iexé:
            "Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle:
            "Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas".
            Samuel díxolle:
            "Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue". Iexé mandou que o fosen buscar.
            Era louro, de ollos fermosos e de bo parecer.
            O Señor dixo a Samuel:
            "Érguete e únxeo, pois é este".
            Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
 R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
tódolos días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     Ef 5, 8-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Érguete de entre os mortos e hate iluminar Cristo
 
            Irmáns:
            Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, (porque o froito da luz é toda bondade, xustiza e verdade), tendo en conta o que agrada ao Señor.
            E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, evidenciádeas, que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar.
            Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ao descuberto, pois todo o que se manifesta é luz. Por iso di a Escritura:
            Acorda, ti que estás a durmir,
érguete de entre os mortos
e Cristo iluminarate.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Xn 8, 12
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue, terá a luz da vida.


Evanxeo     Xn 9, 1-41 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foise, e lavouse, e volveu vendo
 
            Naquel tempo, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os seus discípulos:
            Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
            Xesús respondeu:
            Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
            Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
            Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado").
            El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
            Non é este o que estaba sentado a pedir?
            Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".
            Entón preguntábanlle:
            Daquela, como se che abriron os ollos?
            El respondeu:
            O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ao que me lavei, comecei a ver.
            Preguntáronlle:
            Onde está ese?
            El contestou:
            Non o sei.
            Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
            Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
            Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
            Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
            A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
            El contestou:
            Que é un profeta.
            Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais e lles preguntaron:
            É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo, como é que agora ve?
            Os pais responderon:
            Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
            (Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo aos xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía como Mesías, botábano da sinagoga. Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").
            Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
            Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
            El entón respondeu:
            Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
            Dixéronlle entón:
            Pero, que foi o que che fixo? Como che deu a vista?
            Respondeulles:
            Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
            Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
            Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
            O home replicoulles:
            Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista aos meus ollos. Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. Endexamais se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: se este non viñese de Deus, non podería facer nada.
            Respondéronlle eles:
            Ti naciches todo metido en pecados, e vasnos ensinar a nós?
            E botárono fóra.
            Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
             Cres ti no Fillo do Home?
            El respondeulle:
            E quen é, Señor, para que crea nel?
            Díxolle Xesús:
            Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
            El dixo:
            Creo, Señor.
            E prostrouse diante del.
            Entón dixo Xesús:
            Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
            Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
            E, logo, nós tamén estamos cegos?
            Xesús contestoulles:
            Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Estar en actitude e disposición de darlle un cambio á nosa vida non é nada fácil. Cústanos a todos, porque supón recoñecer que hai cousas que non nos enchen, comportamentos que camiñan na rutina de non saber por que os facemos e medos que nos paralizan e impiden que afrontemos as situacións con realismo, sinceridade e verdade. E isto pásanos a todos nalgún momento. Pero non chega con recoñecelo, necesitamos facer algo... moito máis ca iso: hai que dar pasos que sexan capaces de que nos decidamos a romper con todas estas situacións que nos van levando como se non tiveramos máis ca superficialidade e baleiro na nosa vida. A primeira lectura que escoitamos hoxe dános unha clave de por onde poderían ir as cousas se de verdade estivésemos dispostos a romper con esta situación que tan insatisfeitos nos deixa. E este cambio está en prestar atención á chamada que Deus sempre nos fai, como fixo con Samuel, a non deixarnos levar das primeiras impresións. Estas non adoitan ser nin as máis realistas nin as que ponderan e valoran tódolos aspectos que hai que ter en conta á hora de tomar unha decisión. Tamén a nós nos vai chamando e invitando a que o sigamos, pero non de calquera xeito, senón de xeito que o que facemos, a nosa maneira de abordar as decisións importantes da vida e as nosas relacións cos demais, saibamos facelas poñendo no centro dese xeito de actuar e decidir á persoa, non as aparencias nin o egoísmo de sacar a mellor tallada da situación. E como nos custa isto!
E para poder actuar deste xeito, non podemos andar sempre na tebra que endurece o corazón e non nos deixa actuar con responsabilidade e liberdade. Andar na tebra é decidir inconscientemente, buscar só o que nos interese sen importarnos o mal que lle podemos facer aos demais; facer as cousas para que nos vexan pero sen sentilas nin ser capaces de actuar como pensamos. Porén, andar na luz supón aprender a renunciar a recoñecementos externos, pero estar a gusto cun mesmo e coas decisións tomadas. Inda que os demais fagan riso de nós e nos menosprecen. E iso é así porque o que nos realiza como persoas e fai que nos aceptemos como somos é a sinceridade, non a aparencia. Por dicilo dun xeito que todos entendemos: o importante non é o papel que vai por fóra do regalo, senón o regalo, é dicir: a intención coa que facemos as cousas, o esforzo por facelas ben...e non a perda de tempo en cousas moi aparentes, pero que no fondo non valen nada. E iso só pode entendelo e actuar en consecuencia quen se toma en serio que temos que camiñar buscando a luz que nos impida perdernos ou enredarnos en encrucilladas que non acaban de axudarnos a tomar a dirección adecuada.

E que mellor dirección que a que nos ofrece Xesús, unha vez máis, no evanxeo!. Namentres os que estaban ao seu redor perdían o tempo discutindo se a cegueira daquel home era culpa do pecado dos seus pais, Xesús non para niso, senón que lle ofrece claves moito máis profundas para entender o sentido da vida. Un non pode pasar a vida eludindo responsabilidades e botándolle a culpa do que nos pasa aos demais: se o destino, se a familia, se os amigos, se a moza/o, se ... como se non foramos libres para tomar decisións e actuar en consecuencia!. A vida vaise construíndo desde as decisións que tomamos respecto a como queremos vivila, asumir as consecuencias das opcións que nos moven e das decisións que desde esas opcións temos que tomar. E só unha ten que emerxer sempre con forza, como guía de todo o demais: queremos ou non que Xesús acompañe a nosa vida? Se de verdade o queremos, temos que estar dispostos a mergullarnos no evanxeo e deixar que a luz da súa palabra vaia iluminado a nosa vida; pero iluminándoa de verdade e camiñando desde a liberdade. Nin os pais, nin os amigos, nin as circunstancias poden decidir por nós. Axudarannos, acompañarannos, alentarannos, pero os que decidimos somos nós, pois somos os únicos que debemos actuar desde a liberdade e orientándonos cara ao que nos fai felices. Non na felicidade aparente, a do papel de regalo, senón a real, a do regalo mesmo. Disto é do que nos fala hoxe Xesús cando nos chama a non botarlle a culpa a ninguén, porque os que decidimos, para ben ou para mal, sempre temos que ser nós.

sábado, 22 de marzo de 2014

Lecturas

DOMINGO III DE CORESMA  -  CICLO A


Primeira Lectura     Ex 17, 3-7
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Dános auga para beber

     Naqueles días, o pobo padecía a sede e murmuraba contra Moisés pola falta de auga:
     Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, aos nosos fillos e á nosa habenza?
      Moisés clamou entón cara ao Señor:
     Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme.
     O Señor respondeulle:
     Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel, leva na man a caxata coa que golpeaches o Nilo e camiña. Eu presentareime diante túa, sobre a rocha, alá no Horeb. Ti golpearás a rocha, e dela sairá auga para que o pobo beba.
     Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel.
     Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israe­litas contenderon co Señor e puxérono a proba, preguntando: "Está o Señor connosco ou non?".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
 R/. (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa Rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos perante o Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.


Segunda Lectura     Rm 5, 1-2. 5-8
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Amor derramouse en nós polo Espírito que se nos deu
 
            Irmáns:
            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos pola esperanza de acadar a gloria de Deus.
            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
            Pois xa cando nós estabamos aínda, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é doado que alguén morra por un home xusto (aínda que por un home bo aínda haxa alguén que estea disposto a morrer); pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda  pecadores, Cristo morreu por nós.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Cf. Xn 4, 42. 15
Señor, verdadeiramente ti es o Salvador do mundo;
dáme auga viva, para que non teña máis sede.


Evanxeo     Xn 4, 5-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Manancial de auga que salta ata a vida eterna

            Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o
pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E Xesús díxolle:
            Dáme de beber.
            (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
            Preguntoulle entón a muller samaritana:
            Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
            Respondeulle Xesús:
            Se coñeceses o don de Deus e quen che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
            Replicoulle a muller:
            Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
            Xesús contestoulle:
            Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
            A muller suplicou:
             Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
            Díxolle Xesús:
            Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
            A muller contestou:
            Non teño marido.
            Xesús díxolle:
            Falaches ben, dicindo "non teño marido"; tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.
            A muller respondeu:
            Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.
            Xesús díxolle:
            Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora e velaí en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
            Respondeu a muller:
            Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.
            Díxolle Xesús:
            Son eu, o que está falando contigo.
            Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"
            Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles aos veciños:
             Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. Non será el o Mesías?
            Eles saíron da vila e viñeron onda el.
            Mentres, os seus discípulos insistíanlle:
            Rabbí, come.
            Mais el díxolles:
             Eu teño para xantar unha comida que vós non matinades.
            Dicíanse entón os discípulos, uns aos outros:
            Traeríalle alguén de comer?
            Xesús díxolles:
            A miña comida é facer a  vontade daquel que me mandou e levar ao remate a súa obra. Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna, de xeito que se alegra tanto quen sementa coma quen sega. Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. Eu mandeivos recoller o que vós non traballastes: outros traballaron e vós recollestes o froito do seu traballo.
            Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen". Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
            Xa non cremos polo que ti nos contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo