martes, 2 de octubre de 2012
domingo, 30 de septiembre de 2012
Comentario
- Porque o Espírito sopra por onde quere, é dicir de xeito aberto, plural e innovador, non temos dereito a secuestralo e poñelo a dispor da nosa comenencia e do noso único interese. E inda que isto, por pouco que o pensemos, vémolo claro e lóxico, logo, na nosa vida e na relación con Deus, non acabamos de entendelo. De aí que nos vaiamos facendo unha vida de fe á nosa imaxe e semellanza, modulando e facendo de Deus o que nos gusta e convén en cada momento, coma se fose un monicreque que movemos coas mans e lle facemos dicir o que nós queremos. E isto pásalle tanto aos que confunden goberno con poder e autoritarismo dentro da Igrexa, como aos que pensan que eles son os únicos que están e teñen a verdade, e quen non se identifique con eles está fóra da Igrexa, e se non está, hai que botalo. E se sempre foi así –tampouco imos agora rachar as vestiduras por iso-, dun tempo a esta parte a cousas parece que vai collendo máis forza. Parece que volve o medo no canto da liberdade, e a imposición en vez da proposta. Isto leva a que a imaxe de Deus como quen escoita, anima, quere e invita á confianza e ao amor, se torne de novo no ollo acusador que castiga e condena, coma se foramos nenos pequenos cheos de medo e inseguridade. Diante disto, é necesario volver ás fontes, e a mellor, por non dicir a única, é a Palabra de Deus. Nela imos vendo como non é o “todos en fila e a formar” o que a move e alenta, senón o sopro do Espírito que dá lugar á pluralidade de formas, maneiras e concrecións múltiples do facer dos cristiáns no medio do noso mundo. Un facer que debe partir da reflexión e da capacidade que cada un de nós temos para, de xeito autónomo, maduro e responsable, sen necesidade de “carabinas que nos vixíen” dar resposta á nosa tarefa de ser testemuñas da presenza de Deus no medio do mundo. E isto non se pode facer máis que na confianza e no diálogo, especialmente neste momento de tanta dificultade e no que tantas persoas perden traballo, dereitos e mesmo recoñecemento da súa dignidade por mor dun liberalismo egoísta e insolidario que só busca o ben dos poderosos e esquece a dignidade dos empobrecidos. Non son logo os celos, senón a confianza o que Deus nos ofrece e invita a vivir. Ninguén ten o monopolio da verdade.
- As palabras de Santiago volven insistir en que se as persoas, imaxe e semellanza de Deus, non son razón e tarefa do noso actuar, todo canto fagamos non é máis que abuso, manipulación e mentira. Cando esquecemos que a dignidade do outro faino igual a min, canto fagamos vólvese contra nós e empórcanos as mans e o pensamento, pois o que facemos é para o noso propio interese e desde o egoísmo máis radical. De aí que Santiago nos lembre onde teñen que estar os centros non só das nosas convicións, senón do noso actuar e da razón que nos leva a facelo. Que actualidade teñen estas palabras neste momento!. E Santiago non fai política, senón que se limita a aplicar á realidade as palabras de Xesús en defensa dos que son maltratados e utilizados como cousas e non como persoas. Acaso hoxe non se pagan xornais de miseria, se recortan dereitos, se minte para os que xa gañan máis sigan facéndoo a custa dos explotados ou se xustifican, se pechan empresas ou se recortan plantillas só por non gañar tanto coma hai ben pouco?. Logo non vemos como, no nome de non sabemos moi ben que, se suprimen axudas e servizos aos maiores, medios para a sanidade ou para a educación?. Vemos logo que inda que pasaron vinteún séculos, a cobiza do ser humano é a mesma, polo que as palabras da carta que hoxe lemos como segunda lectura, non só seguen a ter actualidade e vixencia, senón que, se cabe, hoxe téñenma máis ca nunca. E por que pasa isto?. O mesmo Santiago nolo di ao final do texto: porque as persoas esquecemos o que somos, e cebamos os nosos corazóns nos praceres para o día da matanza, condenando ao xusto, e aproveitándonos del no nome do progreso e dos beneficios.
Se queremos estar non contra Xesús senón con El, xa é tempo de que nos
paremos a pensar se o noso actuar, que dicimos de cristiáns, responde a esta
palabra que sempre quere estimular e alentar a nosa vida. E se somos pedra de
escándalo pola nosa maneira de facer as cousas, non nos queda outra que virar o
rumbo e encarar canto facemos e dicimos coa claridade e fondura que nos ofrece
o evanxeo, sabendo que se queremos estar con El, e sen ser doado o camiño,
temos que poñernos a camiñar xa.
Lecturas
26º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO-CICLO B
Primeira Lectura
Núm 11, 25-29
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor
fosen profetas!
Naqueles
días, descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do
espírito que había nel e infundíullelo aos setenta anciáns. En canto o espírito
repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer.
Quedaran
no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito
repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non
saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. Un rapaz correu a
comunicarllo a Moisés, dicindo: ‑Eldad e
Medad profetizan no campamento! Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés,
escolleito por el, díxolle:
- "Meu
Señor, Moisés, prohíbellelo!"
Mais
Moisés respondeulle:
"Tes
celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor
lles dese o seu espírito!"
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 18, 8. 10. 12-13. 14
R/. (9a): Os mandatos do Señor son rectos: aledan o
corazón.
A lei do Señor é perfecta:
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.
A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.
Aínda que o teu servo os quere cumprir
e pon coidado en gardalos,
quen se decata dos erros?
Límpame ti de canto se me esquece.
Preserva o teu servo da soberbia,
para que non me domine.
Entón serei perfecto,
limpo de pecados graves.
Segunda Lectura
Sant 5, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
As vosas riquezas podreceron
E vós, os
ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. A vosa
riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata,
enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for
lume, comerá as vosas carnes. Estades atesourando na fin dos tempos!
Atención!
O xornal que non lles pagastes aos obreiros que vos fixeron a seitura está
clamando e o seu berro chega aos oídos do Señor dos Exércitos.
Vivistes
na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día
da matanza.
Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 17,
17b. a
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
A túa palabra, Señor, é verdade;
santifícanos na verdade.
Aleluia.
Evanxeo Mc 9,
38-43. 45. 47-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel
tempo, díxolle Xoán a Xesús:
- Vimos un
que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
Xesús
contestoulle:
‑ Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome
fala despois mal de min. O que non está contra nós, está connosco.
Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de
Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.
E a quen
escandalice a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle
colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ao mar.
E se a túa
man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas
dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga. E se o teu pé te fai caer,
córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no
inferno. E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no
Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non
morre nin o lume se apaga.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
viernes, 28 de septiembre de 2012
Festividade de San Miguel, San Rafael e San Gabriel arcanxos
A Igrexa honra con culto litúrxico a tres figuras de anxos,
ós que na Sagrada Escritura chámaselles cun nome.
San Rafael Arcanxo, "Rafa-El" significa: "Deus
cura". El fíxose coñecer pola historia de Tobías no Antigo Testamento (Cf.
Tob. 12, 50.20, etc.), tan significativa no feito de confiar aos anxos os
pequenos fillos de Deus, sempre necesitados de custodia, coidado e protección.


Oh! poderoso Príncipe da gloria, San Rafael,
chamado menciña de Deus,
saúde dos enfermos,
luz dos cegos, guía de camiñantes,
protector da esmola,
do xaxún e da oración:
por aquela caridade
con que acompañaches
ao mozo Tobías, pídoche,
oh! glorioso protector meu,
me líbres de todos
os males e perigos
e me acompáñes na peregrinación
desta vida mortal,
para chegar felizmente
ao porto de salvación na eterna.
Amén.
San Gabriel Arcanxo,
figura vinculada sobre todo ao misterio da Encarnación do Fillo de Deus (Cf.
Lc. 1, 19.26). O seu nome significa: "O meu poder é Deus" ou
"Forza de Deus", como para dicir que no culme da creación, a
Encarnación, é o signo supremo do Pai omnipotente.
Oh! Glorioso Arcanxo San Gabriel,
chamado fortaleza de Deus,
príncipe excelentísimo
entre os espíritos anxélicos,
embaixador do Altísimo,
que mereciches ser escollido
para anunciar á Santísima Virxe
a Encarnación do Divino Verbo
nas súas purísimas entrañas:
eu suplícoche teñas a ben
rogar a Deus por min,
miserable pecador,
para que coñecendo
e adorando este
inefable misterio,
logre gozar o
froito
da divina
redención
na gloria
celestial.
Amén.
San Miguel Arcanxo (Cf. Dan. 10, 13.20; Ap. 12, 7; Jdt. 9).
O seu nome expresa sintéticamente a actitude esencial dos espíritos bos:
"Mica-El" significa, en efecto: “Quen como Deus?” Neste nome está
expresada, a elección salvífica grazas á cal os anxos "ven a face do
Pai" que está nos ceos.
San
Miguel Arcanxo,
deféndenos na batalla.
Se o noso amparo contra a perversidade
e as asexanzas do demo.
Reprímao Deus, pedimos suplicantes,
e ti, príncipe da milicia celestial,
arroxa ao inferno co divino poder
a satanás e aos outros espíritos malignos
que andan dispersos polo mundo
para a perdición das almas.
Amén.
Cada unha destas tres figuras (Mica-El, Gabri-El, Rafa-El), reflicten de modo particular a verdade contida na pregunta exposta polo autor da Carta aos Hebreos:
"Non son todos eles espíritos administradores, enviados
para servizo en favor dos que han de herdar a salvación?" (Hb. 1,
14)".
Xoán Paulo II
Catequese de Agosto 6 de 1986, número 8
viernes, 21 de septiembre de 2012
Comentario
A primeira lectura, do libro da Sabedoría, fálanos do
difícil que é camiñar polo carreiro da xustiza. Si, porque ilustra moi ben dúas
actitudes na vida e diante da vida: a dos xustos, é dicir, a das persoas que
viven e queren vivir nunha sociedade de dereito, xusta, en paz, solidaria e
respectuosa; e a das persoas para as que o fin sempre xustifica os medios
(chantaxe, traizón, crítica despiada....), aquelas que non teñen escrúpulos,
que burlan a lei, que buscan prebendas, que pisotean dereitos... Sóanos o
conto?. Porque tod@s nós, en maior ou menor medida, en certos aspectos da vida,
somos das persoas que nadamos entre dúas augas, arrimándonos ao sol que máis
quenta. Na nosa vida, tamén na nosa vida de fe, ás veces somos coma botellas de
refresco con gas: ao comezo, cando quitamos a cortiza, todo é forza,
vitalidade, entusiasmo.... Pero, co tempo, na posta en práctica dos compromisos
bautismais, nas decisións que debemos tomar, nas opcións que temos que
sopesar.... chega un momento de proba: críticas ao redor, camiño diferente ao
da meirande parte da sociedade, @s amig@s cada vez enténdennos menos, perdemos
a tranquilidade..... e chega a sensación de fracaso, a apatía, mesmo o baleiro.
Xurde entón a idea de que non pagou a pena ter dedicado tempo, esforzo,
ilusións.... Perdemos o gas e deixámonos ir polo de sempre, polo que fan todos,
polo que se leva.... esquecendo dúas cousiñas importantes. Por unha banda o
feito de que cando unha sociedade vai mal (como está ocorrendo agora mesmo),
fai falla un cambio desde a raíz, cómpre volver comezar, porque non se pode
aprender xustiza nunha sociedade inxusta; non se pode aprender a ser solidarios
nunha sociedade que explota; non se pode amar a paz nun mundo cheo de violencia
física e verbal; non se pode aprender a ser persoa nun mundo inhumano.... xa
que aprendemos do que vemos e vivimos e cando o que se di está en contradición
co que se fai, aprendemos tamén a mentir e a enganar, a explotar e a matar.
Doutra banda, non menos importante, esquecemos que Deus non nos deixa sol@s,
senón que vai pondo no noso camiño persoas que nos tenden a man e que nos
axudan a erguernos demostrándonos que nos queren, que se preocupan por nós, que
non nos abandonan... o que fai que a pesares das dificultades e das cruces da
vida non deberiamos nunca perder o norte: Deus. El invítanos a ver a realidade
con outros ollos e danos forza e alento para volver comezar de novo.
Un recomezar sempre desde a tolerancia, o respecto e o
diálogo. Moitas veces non somos capaces de entender e asumir que os cristiáns e
as cristiás somos un grupo dentro da sociedade, dentro dunha sociedade plural e
democrática chamada a construírse desde o respecto dos Dereitos Humanos, e iso
fainos caer na tentación da imposición e da intolerancia, que levan a
enfrontamentos, descualificacións e a crear un clima de crispación que non é bo
para ninguén, e menos para as persoas que nos consideramos seguidoras de Xesús
de Nazaré, que deberamos ter como compromiso facer do mundo a casa de tod@s.
Parapetados na nosa verdade, autosuficientes, non estamos dispostos a escoitar,
e moito menos aceptar a quen pensa, reza, opina, ama ou actúa dun xeito
distinto ao noso. En definitiva, pásanos o mesmo que lles ocorría a aqueles aos
que lle escribía Santiago: tod@s queremos ser “machos dominantes da manada” e,
desde esta perspectiva, comezamos a ver o resto do mundo coma un obstáculo a eliminar
ou coma alfombra sobre a que pisar. Xorden entón as divisións, as loitas, os
ciumes..... Hoxe é un bo día para recomezar desde a óptica de que “o froito da
paz é a xustiza” e que acoller o Reino é acoller á persoa de Xesús. Se non
conseguimos entender isto estaremos sempre na disputa, na tensión, no
enfrontamento e na división que tanto dano fan.
Só así aprenderemos, tamén nós, a responder á pregunta que
Xesús lle fai aos seus discípulos: de que falabades polo camiño?. Certamente
non era de servizo, de entrega ou de compromiso. Non, tristemente eles tamén se
deixaran embaucar, tamén se deixaran ir e falaban de prestixio, poder,
importancia.... Que pouco cambiou o conto despois de dous mil anos de
historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! Non entenderan nada... Non entendemos nada. E
Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen queira ser primeiro, que
se faga último e servidor”. Estamos tan afeitos a escoitar esta frase que é
pouca a impresión que nos causa, a pesares de que non entendemos moi ben que para
ser primeiros teñamos que ser últimos. E non o entendemos porque nos falta fe,
porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso preferimos ter os nosos
propios medios, os nosos propios recursos, as nosas reservas e as nosas
seguridades para non quedar de últimos, porque iso sería unha catástrofe, unha
traxedia....Xesús propón como modelo aos nenos, símbolo das persoas pequenas,
daquelas que o mundo non ten en conta: pobres, parados, marxinados, enfermos,
desposuídos, escravos....e tantas e tantas persoas ás que ignoramos ou miramos
por riba do ombreiro por estar os nosos ollos pousados nos grandes e poderosos.
Nestas palabras de Xesús resoa a parábola do xuízo final. O neno é o famento, o
nu, o que está no cárcere, o marxinado... O que fai grandes non é dominar,
senón servir aos máis pequenos e desprezados. Tod@s nós (xerarquía, relixiosas
e leig@s), que formamos a Igrexa de Xesús debemos seguir con fidelidade as súas
palabras e o seu exemplo se non queremos enredarnos nas formas mundanas de
pensar e actuar. Calquera afán de dominio, de búsqueda de poder ou de
prestixio; calquera afán de manipular ou de sobresaír sobre os demais ocultará
o rostro de Cristo que debemos transparentar. Será un antitestemuño. Cando
aprenderemos?.
Lecturas
25º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO B
Primeira Lectura
Sab 2, 12. 17-20
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Condenémolo a unha morte ignominiosa
Dixeron os
malvados:
Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo
e se opón aos nosos feitos,
botándonos na cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
Examinemos
se son veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
Se o xusto
é fillo de Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
Poñámolo
na proba da aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia ao mal!
Condenémolo a unha morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 53, 3-4. 5. 6 e 8
R/. (6b): O Señor é quen sostén a miña vida.
Oh Deus, polo teu nome sálvame,
co teu poder faime xustiza.
Oh Deus, escoita a miña súplica,
atende as miñas palabras.
Érguense contra min homes soberbios,
homes violentos buscan a miña vida,
sen teren a Deus en conta.
Mais Deus é a miña axuda,
o Señor é quen sostén a miña vida.
Ofrecereiche un sacrificios voluntario,
enxalzarei, Señor, o teu nome que é bo.
Segunda Lectura
Sant 3, 16 -- 4, 3
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
O froito da xustiza seméntase na paz para aqueles que
cultivan a paz
Irmáns
benqueridos:
Onde hai
receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. Pola
contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica,
sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen
finximento. O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.
De onde
veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas,
que loitan no voso interior?
Degoirades
e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa;
combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e,
se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as
vosas cobizas.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tes
2, 14
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Deus chamounos por medio do Evanxeo,
para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 9,
30-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home é entregado... Quen queira ser o primeiro,
ha ser o servidor de todos
Naquel
tempo, Xesús e mais os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen
enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; pois ía informando os
discípulos, dicíndolles:
‑ Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán;
pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
Eles non
entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a
Cafarnaúm, e, cando estaban na casa, preguntoulles:
‑ De que viñades discutindo polo camiño?
Eles
calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante.
Xesús sentou, chamou polos Doce e
díxolles:
‑ O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro entre todos e o
servidor de todos.
Despois
colleu un neno e púxoo no medio deles, abrazouno, e díxolles:
‑ Quen acolla no meu nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me
acolla a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
viernes, 14 de septiembre de 2012
Lecturas
DOMINGO XXIV DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B
PRIMEIRA LECTURA Is 50, 5-9
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Ofrecínlle-lo meu lombo ós que me ferían
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me
arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma
un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
O que defende a miña causa está cerca.
¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?
Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.
O Señor axudarame: ¿quen será o que me declare culpable?
SALMO RESPONSORIAL Sal 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
R/ (9): Camiñarei á vista do Señor na terra da vida.
Ou: Aleluia
Amo ó Señor que escoita
a miña voz suplicante,
e pon cara a min o seu oído
no día en que o chamo.
Cando me envolven lazos de morte
e as redes do abismo me atrapan;
cando me atopo en apreto e aflicción,
invoco o nome do Señor:
¡Ai, Señor, sálvame a vida!
O Señor é xusto e clemente,
o noso Deus é compasivo.
O Señor garda os humildes:
na miña febleza hame socorrer.
Ti libras da morte a miña vida,
os meus ollos das bágoas,
os meus pés da caída.
Camiñarei á vista do Señor
na terra da vida.
SEGUNDA LECTURA Sant 2, 14-18
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Se a fe non fructifica en obras, está morta
Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que
ten fe, se non ten feitos?
¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán ou unha irmá andan
espidos e necesitados
do pan de cada día, e vai un de vós e dilles: "ídevos
en paz, quentádevos e fartádevos",
pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que
proveito levan? Pois o
mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu
cerne.
Pode dicir alguén: "ti te-la fe, eu teño os
feitos". -Móstrame a túa fe sen feitos que eu
polos feitos heiche de mostra-la miña fe.
ALELUIA Gal 6, 14:
Lonxe de min gloriarme senón é na cruz do Señor,
por quen o mundo está crucificado para min e eu para o mundo
EVANXEO Mc 8, 27-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Ti e-lo Cristo...É preciso que o Fillo do home padeza moito
Ia Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de
Filipo, e polo camiño
preguntoulles:
-¿Quen di a xente que son eu?
-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que
algún dos profetas.
El preguntoulles a eles:
-¿E vós, quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
-Ti e-lo Mesías.
E prohibiulles diciren nada a ninguén.
Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de
que era preciso que o Fillo
do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os
Sumos Sacerdotes e mailos
letrados; que o ían matar, e que ós tres días había
resucitar.
Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo
á parte, empezou a rifarlle.
Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:
-¡Arreda de min, Satanás, que ti non te me deixas guiar por
Deus, senón polos homes!
E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a
todos:
-Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue
coa súa cruz, e que me siga.
Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero
quen perda a súa vida pola
miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.
Comentario
Camiñar na presenza do Señor non é sempre doado; é máis,
nunca é doado. E non o é non polas dificultades do camiño, senón pola tendencia
que todos temos á comodidade, a adecuar as esixencias da fe á nosa comenencia,
a facer do feito de crer un “bunker”, un coto, o noso, privado, no que nos sentimos
seguros porque facemos o que queremos, o que nos gusta ou o que menos esforzo
esixe... pero non o que Deus nos propón e invita a desenvolver. Cando actuamos
así, e facémolo todos e moitas veces, estamos a quitarlle á fe o que ten de
proposta nova e enriquecedora para a nosa vida, deixando que o insulso e o
repetitivo, o de sempre, as formas, o externo, o superficial … entren na nosa
vida como se fosen resposta ao que Deus nos pide. Que enganados estamos!.
Camiñar na presenza do Señor é encher a vida de froitos que se volven saborosos
cando poden ser degustados polos demais en forma de xustiza, colaboración,
diálogo, denuncia de todo engano, participación, igualdade, e todo canto leve a
descubrir que seguir a Xesús e ser cristián hoxe non é unha liga que se xoga
nos grandes estadios compostos pola fermosura das nosas igrexas e das nosas
imaxes, senón nos campos que están máis alá das portas das nosas igrexas, e que
fan que nos atopemos con persoas que só poderán descubrir quen é e que
entendemos por Deus grazas ao noso xeito de actuar, ao noso comportamento.
Somos conscientes disto?.
A clave de todo canto vimos dicindo témola hoxe na carta de
Santiago. Cando el escribe o texto está a correr entre os cristiáns un run-run,
ao que moitos facían caso, de que non pagaba a pena ser honestos, ser
responsables, ser xustos, denunciar inxustizas, esforzarse por facer ben as
cousas e pensar sempre nos demais. Que o único e verdadeiro era confesar, crer
en Xesús e esperar a que chegase o final para volver estar con El. E este
run-run ía cada día tan a máis que moitos dos cristiáns acabaran por separar a
súa vida -o que facían e como se comportaban cada día- da súa fe -do que crían
e rezaban-; o que dera lugar non só a un total desconcerto entre as
comunidades, senón a un afastamento da mensaxe que Xesús tanto se esforzara, e
o manifestara coa súa vida, por mostrar, ensinar e vivir. De aí que Santiago se
vexa na obriga de lembrarlles a aqueles cristiáns da primeira hora que se non
son capaces de darlle xeito e forma en comportamento ao que rezaban e crían,
todo acabaría por converterse en ermo e baldío. Algo así parece que nos está
tamén a pasar hoxe a nós. Dá a impresión de que non temos claro que o que
celebramos dentro dos templos e os sacramentos que recibimos se os separamos da
vida acaban por converterse en simple suma de ritos e costumes, sen forza
ningunha na nosa vida. E neste século XXI, os cristiáns ou saímos ás rúas, e co
noso actuar mostramos que nos supón e esixe crer, ou dificilmente as xeracións
máis novas poderán descubrir e entender quen foi e que fixo Xesús de Nazaré.
E a resposta volvemos atopala no Evanxeo que vimos de
proclamar. Tamén a nós se nos pregunta en quen cremos e por que cremos , e
temos que saber responder de xeito sinxelo e claro; pois a resposta ha ser
froito da fondura e da riqueza dunha vida vivida desde o seguimento e a
fidelidade á mensaxe do Reino, non só coa palabra e coas fórmulas dogmáticas,
canónicas e teolóxicas; moitas das veces incomprensibles e moi afastadas da
vida e dos problemas que cada día nos toca vivir, e polo tanto moi fóra do
mundo dos homes e mulleres de hoxe. Que o noso confesar que El é o Mesías,
saibamos expresalo non con seguridades que se escriben nos papeis pero logo non
se cren, entenden nin viven, senón con actitudes, comportamentos e valores que
convencidos van modulando a nosa vida e facendo de nós verdadeiras testemuñas
de Cristo Resucitado.
sábado, 8 de septiembre de 2012
Comentario
Como raiola de esperanza, tamén hoxe as palabras do profeta
Isaías queren converterse en imaxe activa, creadora e gozosa dun Deus que, de
xeitos múltiples e en todo momento, nos vai dando mostras da súa presenza e da
súa preocupación por nós. A través dos sentidos, que nos fan tomar conciencia
da realidade da que formamos parte e da necesidade que temos, no medio desa
realidade, de non illarnos dos problemas e dificultades que día a día van xurdindo.
Dificultades e problemas das que todos somos conscientes na mais abrir os ollos
cada mañá e descubrir, que cada vez son máis as persoas, non números nin
estatísticas anónimas, que van quedando nas beiras dunha sociedade que se
pensou que non tiña nin límites nin fin, e que nos vai mostrando con toda a súa
crueza o equivocados que estabamos. Nesta situación, as palabras do profeta
lévannos a que nos esforcemos por sacar a máscara que ás veces pomos nos ollos
e nos impide ver e oír o grito desesperado de tanta xente á que ata hai ben
pouco nada lle faltaba, e ás que agora tódalas defensas se veñen abaixo e
necesitan non voces de condena e superioridade que lles lembren os seus erros,
senón mans abertas e corazóns dispostos a facer camiño xuntos para, asentados
na forza da solidariedade, dar pasos que afasten do abismo da pobreza e
exclusión social.
● Santiago volve
insistir no mesmo cando escribe que os preferidos de Deus, porque os outros xa
se valen por si mesmos, son os pobres e necesitados. e advírtenos contra a
doada e perigosa tentación de facermos distincións. Que ben lle viría á nosa
Igrexa poñer en práctica esta sinxela recomendación da súa carta: “non xuntedes
a fe no noso Señor Xesucristo coa acepción de persoas”. Cantas veces temos
utilizado a relixión e o nome de Deus en vano para xustificar o noso facer
distingos entre as persoas. Porque desgraciadamente a Igrexa institución segue,
en moitas ocasións, ligada ao poder e aos poderosos, tanto na súa xerarquía
coma nos seus membros leigos e relixiosos. Ou é que moitas veces non tratamos
tamén nós dun xeito diferente a quen ten máis cartos, máis poder, máis
estudios.... que ao resto dos nosos veciños?. E aínda máis, non nos cremos
inferiores a eles?. Porén, non é este o xeito de actuar de Xesús, que foi
perseguido, calumniado e crucificado por non unirse aos intereses dos poderosos
, por denunciar a súa dobre moralidade, por non render acatamento nin permitir
que llo rendesen a El. Ese é o camiño que nós, coma seguidores seus, queremos
andar: o do servizo a prol dos empobrecidos e marxinados da terra.
● Aprendamos logo
a prolongar a caridade, non na palabra e nos xestos aos que se lles da
publicidade, senón no servizo desinteresado e sempre entregado aos pobres e
necesitados. E se ata hai ben pouco todo parecía ir tan ben que non nos
poñiamos límites e construíamos unha vida sobre as areas movedizas do posuír e
consumir; que agora, poñendo sempre os pes no chan, non esquezamos que sen Deus
a vida convértese en sen sentido e fracaso. Que saibamos achegarnos a El con
actitude de escoita para ser, tamén nós, mediación a través da que os xordos e
os mudos do noso tempo; xordos e mudos de comunicación, sinxeleza,
solidariedade, humildade, entrega gratuíta... descubran que ter fe non nos
afasta nin illa do mundo, senón que nos compromete e achega para ser
sementadores de Boa Nova en tempos recios e cheos de dificultade.
Lecturas
DOMINGO XXIII DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B
Primeira Lectura
Is 35, 4-7a
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Abriranse os oídos dos xordos, cantará xubilosa a lingua dos
mudos
Dicídelles
aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a
vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
Entón
abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
Entón o
coxo saltará coma un corzo
e a lingua do mudo
cantará xubilosa.
Si, saen á
luz augas no deserto e ríos na estepa:
a terra reseca convértese nunha lagoa,
e a terra sedenta en mananciais de auga.
Palabra do
Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/. (1): Loa, miña alma, ó Señor.
Ou: Aleluia.
El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos,
o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.
O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.
Segunda Lectura
Sant 2, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
Non é que Deus elixiu os pobres como herdeiros do reino?
Meus
irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben
con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea ‑ é un supoñer ‑ un home
cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con
farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti
acomódate ben aquí", e ao pobre "ti queda de pé aí", ou
"senta no chan aos meus pés", non estades facendo distincións entre
vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?
Escoitádeme ben, meus irmáns
queridiños: seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na
fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu aos que o aman?
Palabra do
Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 4,
23
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 7,
31-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Fixo oír aos xordos e falar aos mudos
Naquel
tempo, Xesús, deixando Tiro, veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a
Decápole. Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as
mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a
lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:
‑ Effatá (ou sexa: "ábrete").
E no
instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. Logo prohibiulles
contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a
xente, totalmente abraiada, comentaba:
‑ Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.
Palabra do
Señor
R/. Loámoste, Cristo
sábado, 1 de septiembre de 2012
ORACIÓN DA SEMENTE
Ser como un gran de trigo,
pequena semente,
que garda no seu interior a posibilidade de ser pan,
para ofrecerse, sinxelo, cotián,
a todo o que o necesite.
Ti nos chamas a ser semente, Señor.
E a semente,
que está chea de vitalidade e potencial,
debe morrer a ser semente
para converterse en planta e crecer.
A túa vida amósanos
que é posible morrer para vivir.
Entregar todo para ser para os demais...
Pura ofrenda e doazón.
Ensínanos, Señor,
a entregar a nosa vida
ao servizo do Evanxeo e da vida dos outros.
Ensínanos a ser semente
para dar froitos en abundancia.
Para crecer,
unha semente necesita
terra boa e auga xenerosa.
Señor, a túa vida amósanos
que a mellor terra
é a realidade de todos os días
e as necesidades dos outros,
chámanos a plantar a nosa semente
nas situacións que vivimos,
na vida que compartimos,
na terra de hoxe, aquí e agora.
Queremos ser semente de cambio e Reino
no mundo que vivimos,
axúdanos Señor!
O teu exemplo ensínanos
que a auga verdadeira
é a que nace da Palabra,
pozo de auga viva ofrecida para todos.
Ensínanos, Señor,
a regar as nosas sementes coa túa Palabra.
Axúdanos a coñecela,
amósanos como saborear a súa mensaxe,
para que impregne a nosa existencia
e que empape noso camiñar.
Queremos ser sementes de cambio e Reino;
e necesitamos ser fecundados pola túa Palabra.
Axúdanos Señor!
Marcelo A. Murúa
Lecturas
DOMINGO XXII DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B
PRIMEIRA LECTURA Dt 4, 1-2. 6-8
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Non engadades nada á palabra que vos falo... cumpride os
mandamentos do Señor
Faloulle Moisés ó pobo dicindo:
E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos
ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o
Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega. Non engadades nada ás palabras dos
mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do
Señor, o voso Deus, que eu vos impoño.
Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa
pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ó escoitaren todos estes
mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, pois,
¿que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso
Deus, sempre que o invocamos? E ¿que gran nación ten mandamentos e preceptos
tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño?
SALMO RESPONSORIAL
Sal 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5
R/ (1a): ¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?
Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:
o que non lle fai mal ó veciño
e non difama ó seu próximo;
o que estima desprezable ó malvado
e apreza ós que temen ó Señor;
o que non presta con usura o seu diñeiro
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporte,
endexamais non perecerá.
SEGUNDA LECTURA Sant 1, 17-18. 21b-22. 27
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Cumpride a palabra
Benqueridos irmáns e irmás:
Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai
dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade
tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das
súas criaturas.
Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode
salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con
escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é
esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da
contaminación deste mundo.
ALELUIA Sant 1, 18:
Libremente enxendrounos o Pai por medio da palabra da
verdade
para sermos primicias da súa creación
EVANXEO Mc 7, 1-8. 14-15. 21-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións
dos homes.
Reuníronse con Xesús
un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron ós
discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É
sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans,
seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se
bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar
vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e mailos escribas
preguntáronlle:

sábado, 25 de agosto de 2012
Comentario
O sentido de pobo está sempre marcado polo esforzo de
camiñar xuntos, de unir, de prantexar tarefas e propostas en común. Por iso
Xosué reúne ás tribos para compartir co pobo canto lles pasaba, afastando a
tentación do individualismo, de ir cada un ao seu, do tan habitual entre nós:
sálvese quen poida. Reunidos, comparte co pobo a súa inquedanza, á vez que fai
unha sentida confesión de fe: “eu e a miña familia serviremos ao Señor”.
Terémolo nós así de claro como Xosué?. Ou tamén somos dos que nos gusta nadar
entre dúas ou máis augas, e buscamos xustificacións porque estamos cómodos
adecuando a vivencia da fe á nosa comenencia, rebaixándoa das súas esixencias e
caendo na mediocridade que non fai máis que producir baleiro en nós e
conformidade para non achegarse aos que non ven en nós testemuño algún, senón
beatería ritualista puramente externa e sen fondura algunha?. É Deus para nós
todo, ou é que temos outros deuses que nos enchen o tempo, pero que
dificilmente poden dar sentido á nosa vida?. Somos o suficientemente humildes
como para descubrir a súa presenza no día a día da nosa vida?. Temos feito
algunha vez o exercicio -tan reparador!- de pensar que tería sido a nosa vida
sen a presenza de Deus?. Ou a planicie na que habitualmente vivimos fainos tan
preguiceiros que mesmo nos impide preguntarnos sobre os porques e para que da
nosa vida?. Verdadeiramente, Deus é o noso Deus?.
Como o pobo de Israel, tamén nos hoxe somos invitados a
preguntarnos se é a Deus a quen loamos, na humildade e na ledicia; se é o que
descubrimos cando traballamos e nos comportamos con xustiza, con capacidade de
escoita, con sensibilidade e cercanía aos problemas e dificultades que as
persoas máis achegadas están a sufrir. Reunirnos os domingos, dedicar este
tempo a compartir e celebrar a fe non é unha cousas máis que facemos ao longo
da semana, senón o momento privilexiado no que nos atopamos xuntos os que
sabemos que Deus non só é importante na nosa vida, senón o cimento desde do que
imos desenvolvendo todas e cada unha das nosas opcións e das decisións que
debemos tomar, persoal ou comunitariamente, sobre aquelas cuestións nas que
está en xogo o ser un non ser felices. E iso non o poderiamos facer, se como
nos di Paulo, non somos ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo.
De aí que as súas palabras, cando son acollidas con
sinceridade, sen dobreces, sen buscar o que nos convén -que non se identifica
moitas das veces nin co xusto nin co mellor-, non poden ser outra cousas mais
ca espírito e vida. É dicir, alento, estímulo, forza, esperanza, sentido,
guieiro... camiño de salvación e realización persoal. Claro que nos custa, dado
o ritmo de vida que levamos e a pouca atención que prestamos á reflexión á hora
de tomar decisións importantes na nosa vida. Porque, acostumamos a axudarnos da
oración, da reflexión e meditación da palabra de Deus cando temos que tomar
decisións que poden marcar presente e futuro?. Deixamos que esa Palabra vaia
enchoupándonos para que sexa medio desde o que poder analizar, sen presas e con
sinceridade, a vida e as diferentes vertentes que nela nos van aparecendo?. Ou
mais ben somos dos que dicimos crer en Deus porque poñemos velas, pedimos
misas, facemos promesas... pero nunca facéndonos as preguntas desde o corazón
da Palabra de Deus; Palabra sempre viva e actual e que non pasa de moda. Tamén
podemos actuar, como lle ocorría as veces aos discípulos, porque non lles
conviña, xustificándonos e dicindo que como a aplicación desa Palabra á nosa
vida é moi dura e difícil, buscamos vivir ao “meu xeito” no “cumpro e no
minto”, é dicir: falar unha cousas e facer outra totalmente contraria,
producindo unha bipolaridade coa que pretendemos enganarnos a nós mesmos e aos
demais, pero dificilmente conseguiremos facelo con Deus. Si de verdade sabemos
que as súas palabras son espírito e vida, comecemos, desde xa, a poñelas en
práctica. Non esperemos máis.
Remol.
LECTURAS
DOMINGO XXI DO TEMPO ORDINARIO
PRIMEIRA LECTURA Xos
24, 1-2a. 15-17. 18b
LECTURA DO LIBRO DE XOSUÉ
Serviremos ó Señor, porque El é o noso Deus
Xuntou Xosué a tódalas tribos de Israel en Xequem, e chamou
ós anciáns de Israel, ós xefes, ós xuíces e mais ós oficiais, e presentounos
diante de Deus. E Xosué falou a todo o pobo deste xeito:
Se vos anoxa servir ó Señor, escollede hoxe a quen ides
servir: se ós deuses que serviron vosos pais na outra banda do río, ou ós
deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e maila miña familia
serviremos ó Señor".
E respondeu o pobo:
-"Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a
outros deuses, pois o Señor, o noso Deus, fíxonos subir a nós e a nosos
devanceiros da terra de Exipto, da casa do asoballamento, e fixo diante de nós
aqueles grandes prodixios e protexeunos ó longo de todo o camiño que
percorremos, e mais por tódolos poboados por onde pasamos. Así que tamén nós
serviremos ó Señor, pois El é o noso Deus".
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor
Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.
Os ollos do Señor están cara ós xustos,
os seus oídos cara ó seu clamor;
mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de tódalas angustias.
O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.
Moitos son os males dos xustos,
pero de todos os libra o Señor.
El coida dos seus ósos,
nin un só romperán.
A maldade mata ó impío;
quen aborrece os xustos será castigado.
O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.
SEGUNDA LECTURA Ef 5, 21-32
LECTURA DA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Este é un sacramento grande, falo de Cristo e da Igrexa
Irmáns e irmás:
Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: as
mulleres sométanse ós propios maridos, coma se fose o Señor, pois o marido é
cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo. E,
coma a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en
todo.
Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a
Igrexa e se entregou por ela para santificala, purificándoa co baño de auga na
palabra, e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin
enruga nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada. Así deben tamén os
maridos ama-las súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa
muller, ámase a si mesmo, porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne
senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa, porque somos membros
do seu corpo.
Por iso deixará o home a seu pai e maila súa nai e unirase
á súa muller e serán os dous un único ser. Grande misterio é este e eu
refíroo a Cristo e á Igrexa.
ALELUIA Cf Xn 6, 63c. 68c:
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
tes palabras de vida eterna.
EVANXEO Xn 6, 60-69
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
E ¿onda quén imos ir? Ti tes palabras de vida eterna
Moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
-¡Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?
Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto,
díxolles:
-¿Escandalízavos iso? ¿E logo se viséde-lo Fillo do Home
subindo a onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para
nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. E, aínda así, hai
algúns de vós que non cren.
Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non
crían e mais quen o había de entregar. E proseguiu:
-Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo
concede o Pai.
Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para
atrás, e xa non andaban con el.
Preguntoulles entón Xesús ós Doce:
-¿Vós tamén vos queredes ir?
Respondeulle Simón Pedro:
-Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida
eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti e-lo Santo de Deus.
sábado, 18 de agosto de 2012
Comentario
* A vida de
cada un de nós vaise desenvolvendo non de calquera xeito, senón desde unhas
referencias, referencias ás que chamamos valores, exemplos, principios... e que
pouco a pouco van facéndonos, modulándonos para que o noso xeito de actuar,
pensar e vivir se adecúen a elas. Por iso son tan importantes e nos marcan.
Dicimos moitas veces que esta ou aquela persoa, este xeito de actuar ou esta
actitude fixéronnos pensar e decidiron o camiño que tomamos nun determinado momento
e que nos influíu para toda a vida. Tendo isto en conta, podemos fixarnos,
logo, no que nos di a primeira lectura que escoitamos hoxe: Sabedoría construíu
a súa casa, tallou as súas sete columnas. Cando a Biblia nos fala dos sabios
quere referirse á experiencia que un/a vai acumulando a medida que a súa vida
madura e se desenvolve. Unha experiencia que nos axuda a non repetir erros, a
aprender do que outros fixeron, ben ou mal, xa sexa para facer o mesmo ou para
rexeitar ese modo de actuar. E así, pouco a pouco, un vai, como nos di o libro
dos Proverbios, construíndo a súa casa; non sobre area, senón sobre as columnas
de canto axuda a que nos sintamos a gusto co que facemos e co xeito de actuar e
facer as cousas. Só desde un actuar maduro, responsable e reflexivo, podemos
entender que necesitamos de coherencia no actuar; unha coherencia que nos
afasta da improvisación e nos remite á necesidade de ir clarificando a nosa
escala de valores, para que desde ela poidan ir aparecendo as actitudes que nos
fan sentir a gusto co que somos e facemos, sen falsas culpabilizacións e
insatisfaccións permanentes por querer ser coma todos, esquecendo que cada un
de nós somos únicos e irrepetibles.
* Porque non
somos feitos en serie nin temos que comportarnos de maneira uniforme en ningún
sitio, e moito menos á hora de decidir sobre a nosa vida, podemos entender ben
as palabras da carta de Paulo aos efesios. Mellor, non só entendelas, senón
subscribilas, inda que teñan pasado dous mil anos desde que foron escritas. Si,
porque ter tino, ser sensatos, aproveitar o tempo, non ser irreflexivos... son
expresións que temos escoitado e utilizado nós mesmos moitas veces, e que poñen
de manifesto o importante que é non actuar, inda que nos custe, de xeito
arroutado, pois ademais de non levar a nada, acaba facéndonos sentir mal, con
sensación de ternos equivocado. Nestes momentos nos que algúns se esforzan, e
moito, en facernos crer que as cousas teñen que ser así e non poden ser de
outro xeito, non quedándonos outra máis que a resignación, canto lle di Paulo a
aqueles cristiáns de Éfeso ten para nós forza suficiente como para superar a
tentación de deixarnos ir ou de escoitar os cantos de serea desesperanzados que
día a día nos van chegando, para conseguir transformalos en actitudes
activadoras de constancia e esforzo que nos leven a encarar o momento presente,
-difícil e duro, para que negalo!-, non desde o pesimismo de que non hai outra,
senón poñéndolle tino ao que escoitamos, sensatez ao que facemos e reflexión á
complexa realidade na que vivimos inmersos. Se dicimos que a fe hai que rezala
en comunidade e celebrala dentro dos templos; tamén dicimos que é necesario
vivila no medio do mundo, no día a día cheo de contrastes e situacións ás que é
necesario poñerlle os rostros de tantas persoas para as que estes momentos
están a resultar difíciles e lles van provocando a exclusión e o esquecemento,
como se foran simples números en estatísticas, esquecendo que son persoas, coma
nós, ás que non podemos nin esquecer nin virarlle as costas. O seguimento de
Xesús, as convicións de fe, maniféstanse desde o íntimo que un cre, pero
móstranse no actuar con verdade e sinceridade á hora de vivir. É aí onde
verdadeiramente mostramos a vontade de Deus.
* O discurso do
Pan de vida que desde hai varias semanas vimos lendo nas celebracións do
domingo, volve incidir na forza -simbólica e real-, do pan na vida dos seres
humanos. Pan que nos remite aos irmáns; pan que fai presente a Deus para levalo
con nós e ser empuxe e alento diante da dureza da situación actual; pan
solidario que se concreta en non torcer a cara diante do que está pasar, senón,
no pouco e no moito, en abrir a man e ofrecer tempo, medios, ideas, propostas e
dispoñibilidade a quen as necesite; pan de verdade nun momento no que o engano,
a mentira, a manipulación ou o aproveitamento dos máis débiles nos fai perder a
confianza nos demais e nos volve escépticos e desconfiados. Nunha palabra, pan
que alimente as nosas vidas deixándonos a forza para loitar por elas desde a
unión construída na busca contra o fatalismo, superando a tentación
individualista do sálvese o que poida. O Pan da Eucaristía, Cristo, volve
ofrecérsenos non como rito, senón como presenza viva en nós para que non
renunciemos a anuncialo alí onde esteamos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)










