A dimensión celebrativa da fe mostra o importante que é expresala de xeito
sinxelo, cunha linguaxe comprensible e cercana á vida. A interioridade das
conviccións precisa ser expresada e manifestada externamente. A liturxia serve
de canle para darlle visibilidade. Asemade, a celebración non debera nunca
realizarse en abstracto, senón desde a cotidianeidade do que a persoa sente e
vive.
Para que isto poida ser así precísase da lingua como
elemento a través do cal vehicular a fondura do ser crente, expresar
comunitariamente e dirixirse a Deus. Mais a lingua non pode ser algo estraño a
esta cotidianeidade. Ao contrario, rezar, expresar a dimensión comunicativa
cara a Deus, debe realizarse na lingua coa que a persoa comunica, se relaciona,
expresa o que sente, vive, comparte ou pensa. No noso caso esa lingua é o
galego. Con ela imos facendo posible a nosa sociabilidade, o noso ser coa xente.
Con ela tamén expresamos a nosa relación con Deus.
Que isto sexa o habitual non quere dicir que sempre sexa
así. Isto é o que lle ocorre ao galego coa liturxia católica. Falamos en
galego, sentimos e comunicámonos en galego, pero non rezamos mesa mesma lingua.
Algo non cadra nesta relación. Preguntémonos entón o porqué.
Unha das respostas á pregunta podería ser o feito de que o
galego sempre foi a lingua dos pobres, da xente do campo, de quen se dicía que
non tiñan cultura. Era a lingua usada polos paletos e rudos. Estaba mal visto,
moi mal visto, utilizalo nos ámbitos de poder e nos considerados socialmente
importantes. E a Igrexa, alomenos antes, érao. Como se ía falar galego; e máis
aínda, como a relación con Deus ía ser expresada en galego! Detrás deste rexeitamento
atópase, en non poucas ocasións, o autodesprezo de clase, a baixa estima da
lingua, e a aspiración a ser e falar como os que teñen poder e representan ás
clases dirixentes. Non é logo de estrañar, segundo un estudo recente sobre o
uso da lingua galega na liturxia, que inda que un 63% da poboación afirma que o
galego debe ser o idioma maioritario nas liturxias celebradas en Galicia, sexan
só o 7% as Eucaristías en lingua galega.
Canto vimos contando non se refire a un pasado que nos queda
lonxe; ao contrario, son datos que reflicten a situación actual do uso do
galego na liturxia. E isto malia que o Concilio Vaticano II tentou devolverlle
ás linguas vernáculas –vulgares– o lugar que a centralización tridentina
e o medo a novos galicanismos lles suprimiran. Para que este esforzo de
participación e comprensión da liturxia fose posible, o Concilio urxe a tomar
en serio o proceso de inculturar a fe; de xeito que a evanxelización, en todos
os seus aspectos e dimensións, se realizase tendo en conta a lingua e a cultura
vehiculares en cada unha das Igrexas particulares, para que así que a acollida
e a interiorización da fe non resultasen nin alleas nin estrañas.
A explicar como foi todo este proceso logo do remate do
Concilio, dedicaremos a segunda parte da nosa reflexión. Achegarémonos ás
constitucións conciliares buscando descubrir o que e o como se ha entender a
necesidade de inculturar[1] a fe como pedagoxía evanxelizadora. Aí atoparemos,
aplicado á nosa realidade galega, que o uso da lingua debe ser un puntal no que
ir desenvolvendo este proceso de evanxelización, pois sen unha comprensión das
categorías de fe na lingua propia dificilmente se pode falar de
interiorización, maduración e crecemento adulto na vivencia da fe.
Ademais desta primeira achega aos textos do concilio que nos
falan da inculturación da fe e, dentro desta, da utilización da lingua propia,
avanzaremos por outros dous momentos eclesiais relevantes, a nivel galego e a
nivel diocesano, nos que se abordou tamén o tema da utilización da lingua
galega na liturxia: o Concilio Pastoral Galego[2]e o Sínodo Diocesano de Tui–Vigo[3]. Unha vez exposto como foi este proceso a prol da
dignificación do uso da lingua na liturxia, deixamos ao criterio das persoas
lectoras o xuízo que lles merece a incapacidade de acompasar a normativa
existente co seu desenvolvemento na praxe litúrxico pastoral.
a.- O Concilio Vaticano II
O Concilio
Vaticano II, na constitución Gaudium et spes sobre o diálogo
da Igrexa co mundo, urxe a inculturar a fe, é dicir, a expresala e vivila desde
as categorías (o sentir da xente) da cultura na que se vive e desde as que se
concretan as grandes experiencias, persoais e comunitarias, da vida das
persoas. Isto non responde a unha moda ou a un intento de apuntarse ao carro do
utilitarismo sociolóxico ou ao irenismo arribista, senón que responde a un
xeito de proceder para “adaptar o Evanxeo a nivel do saber popular… porque
así en tódolos pobos faise posible expresar a mensaxe cristiá de modo apropiado
a cada un deles e ao mesmo tempo foméntase un vivo intercambio entre a Igrexa e
as diversas culturas” (GS 44). Deste xeito evítase caer no
colonialismo teolóxico pastoral pola imposición dun mesmo, único e exclusivo
rito “euroromano” a todas as comunidades eclesiais; a todas as Igrexas
particulares.
Este
pórtico desde o que se expresa a constitución sobre o diálogo da Igrexa no
mundo responde á necesidade de facer a liturxia máis participativa e
comprensible, como expresara a constitución Sacrosanctum concilium sobre
a liturxia, no número trinta. Ao que engade, no número trinta e seis, parágrafo
segundo, o seguinte: “como o uso da lingua vulgar é moi útil para o pobo en
non poucas ocasións, tanto na Misa como na administración dos Sacramentos e
noutras partes da Liturxia, se lle poderá dar maior cabida” (SC 36).
A decisión dos Pais Conciliares abriu un camiño de maior
participación, comprensión e interiorización da fe por medio da liturxia,
dándolle a volta a centos de anos dunha praxe que acentuaba a dimensión
mistérica afastada da vida e presentando unha imaxe da Deus, a modo de emperador
romano, que se limitaba a ver, controlar e xulgar, nunhas celebracións cheas de
pompa e barroquismo; pero estériles para poder chegar ao sentir do corazón das
persoas que nelas estaban. O principio fundamental era seguir a rúbrica.
A gran intuición de Xoán XXIII, concretada na celebración
deste Concilio ecuménico, abre paso a un cambio revolucionario tanto ao interno
como ao externo da mesma Igrexa. Sendo e sabéndose Pobo de Deus, e participando
do sacerdocio común por mor do bautismo recibido e compartido; o aggiornamento ao
que sempre apelaba o papa e a entrada de aire fresco polas ventás abertas da
Igrexa parecía non ía ter xa marcha atrás.
b.- O Concilio Pastoral de Galicia
Buscando adaptar toda a riqueza do Concilio Vaticano II á
realidade pastoral galega, os bispos das dioceses galegas convocan en 1968 un
Concilio Pastoral. Diversas vicisitudes levaron a que se fose retrasando o seu
comezo ata o 29-30 de xuño 1974, no que se inaugura e celebra a primeira
sesión. Na terceira sesión será cando se aborde o tema que nos ocupa: a
utilización (uso) da lingua galega na liturxia. Corría o ano 1976. Nun
relatorio que levaba por título: “A liturxia renovada na pastoral da
Igrexa”, propúñase para discusión por parte da asemblea e aprobación
nas conclusións, a importancia do uso do galego na praxe pastoral da Igrexa en
Galicia.
Nesta terceira sesión ten unha aprobación maioritaria a
conclusión 11.1, na que se di: “oCPG pídelles a tódolos cristiáns, Bispos,
Curas e Leigos, cada quen segundo a súa específica misión, que participen na
promoción da Lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa
liberación do home galego e, por tanto, coa evanxelización….que participen na promoción
da lingua galega…” (11.1).
Ante esta petición a toda a comunidade cristiá de Galicia,
no mesmo número once paragrafo cinco, chama a normalizar o uso do galego nas
celebracións litúrxicas: “É vontade do CPG que esta sesión sexa
o principio dunha etapa nova para a Liturxia en galego, polo recoñecemento
conciliar de toda a Xerarquía da Rexión; pola xeneralización dela como cousa
ordinaria; é mais, sobre todo, polo compromiso dos responsables para levala a
cabo“ (11.5).
Finalmente, neste mesmo número once, no parágrafo nove,
clarifica que o uso da lingua non ha conformarse cun traducir textos do latín
ao galego, porque: “a liturxia en galego non remata con
verte-las fórmulas latinas na nosa lingua, é todo un universo cultural alleo o
que compre verter no noso; e para iso é imprescindible a colaboración dos
estudosos das ciencias sobre do pobo” (11.9). A
utilización dunha lingua na celebración litúrxica ha expresar o sentir, o
vivir, as ledicias e as mágoas, de quen nela participa. Non é un simple
traducir letras, palabras ou frases á literalidade dunha nova lingua. Resoa
neste parágrafo a constitución sobre o diálogo da Igrexa co mundo, no seu
número corenta e catro, ao que xa fixemos referencia, e no que definía e
insistía na importancia e necesidade da inculturación como metodoloxía do
traballo pastoral.
E non vaiamos pensar que era unha cuestión de mero trámite
que evitase un posicionamento desconsiderado coas persoas que vivían no mundo
rural. A conclusión remarca a importancia do uso da lingua en toda Galicia,
rural e urbana, tal e como se di na conclusión aprobada: “que nas igrexas da
cidade se chegue a celebrar polo menos unha misa en galego nos días festivos” (11.7). Conclusión
e chamamento que foi quedando no limbo dos xustos.
As decisións do Concilio Pastoral supuxeron que se fixese o
esforzo por preparar materiais en galego, coa conseguinte aprobación de Roma,
para a súa utilización: Misal, leccionarios, algúns rituais, libro da oración
da comunidade e a liturxia das horas. E inda que o ritmo foi lento, a día de
hoxe o proceso non está rematado. Tampouco a demanda foi tan maioritaria como
para esgotar os exemplares.
c.-
O Sínodo Diocesano de Tui – Vigo
Un terceiro evento eclesial, este xa no ámbito concreto
dunha das dioceses galegas, a Diocese de Tui-Vigo[4], leva a que fixemos a nosa atención no Sínodo diocesano
celebrado na primeira década deste século, concretamente entre 2002 e 2006. Un
Sínodo cunha alta participación das persoas segrares da Diocese, e no cal, como
non, unha das conclusións que supuxo moito diálogo e non pouca discusión, foi a
da utilización da lingua galega de xeito habitual, e sen ningún tipo de identificacións
con outras cuestións que nada tiñan que ver co uso da lingua, na liturxia.
No segundo documento, “A Igrexa celebra a súa fe”,
apróbase unha constitución na que se di de xeito expreso: “Considerar o
galego e o castelán como idiomas en pé de igualdade para unha verdadeira
inculturación da fe, e polo tanto dar a coñecer a normativa diocesana que
promove o uso do idioma galego nas celebracións; e urxir o seu cumprimento”.(Constitución
sinodal número 39).
Tentando utilizar as palabras xustas, buscando que ninguén
se sentise agraviado polo que a constitución recollía e desexando que as
palabras alí expresadas pasasen dos bos desexos á praxe pastoral, recoñécese a
igualdade, e polo tanto a importancia, do galego (o castelán sempre tivo o seu
recoñecemento e valoración) como medio de inculturar a fe; e da necesidade de
promovelo para que sexa unha lingua habitual na súa utilización nas
celebracións. Mais non queda aí a constitución aprobada maioritariamente, senón
que se urxe a que se cumpra.
Como ocorreu co Concilio Vaticano II e co Concilio Pastoral
de Galicia, tamén o votado, aprobado e decidido polos representantes do Pobo de
Deus que camiña na Diocese de Tui-Vigo, quedou nunha fermosa mañá de aplausos e
parabéns, que non foron quen de plasmarse na praxe habitual da vida pastoral
diocesana.[5]
Desde o noso compromiso por ser unha Igrexa chamada a estar
nas periferias, e disposta a primeirear e a periferear,
sabendo mirar cara ás beiras, e con sensibilidade aos problemas e dificultades
das persoas, neste primeireo a sensibilidade ante a lingua ha manifestarse nas
celebracións e na maneira de celebrar; pero unido a isto é fundamental tamén a
presenza nas periferias das nosas parroquias rurais. Periferias que nos chegan
en forma de persoas maiores soas e precisadas de ser escoitadas e acompañadas.
Nun mundo rural no que a xente marcha, o primeireo eclesial está na presenza
activa, sinxela, xenerosa e cercana. Só estando e falando a mesma lingua, é
como a Igrexa se converte na alma do pobo.
A non identificación durante séculos foi creando unha fenda
entre curas e fregueses; unha separación que mostraba non só o non
entendemento, senón tamén a fenda entre un xeito de vivir e falar, e como
consecuencia de sentir, respecto aos segrares. E cando nos referimos á
utilización da lingua galega, quede claro, facémolo desde criterio de
pastoralidade e evanxelización, afastando calquera intento de politización ou
moda. Como en máis dunha ocasión se ten afirmado para desautorizar o esforzo de
rezar, sentir e expresar a fe na lingua utilizada maioritariamente polas
persoas que conforman as comunidades, non é a crispación, e si a sinodalidade
comunitaria o que acentuará a comuñón participativa nas nosas comunidades.
Malia aos atrancos neste xa longo camiño, no que, como nos
di a primeira carta de Pedro, estamos chamados e chamadas a dar razón da nosa
esperanza (1Pe 3,15); e parafraseando ao cantautor José Antonio Labordeta,
tamén nós seguimos a pensar que chegará un día en que todos, ao
ergue-la vista, veremos unha terra na que se viva e diga: o galego na
liturxia xa é e esta.
Fagamos o imposible, entón, para que comecen de vez as mil
primaveras máis para a lingua galega!
Clodomiro Ogando.
Instituto Teolóxico de Vigo.
[1] “Inculturación: Proceso mediante o cal a Igrexa
encarna o Evanxeo nas diversas culturas e, ao mesmo tempo, introduce aos pobos
coas súas culturas na súa mesma comunidade; transmite ás mesmas os seus propios
valores, asumindo o que hai de bo nelas e renovándoas desde dentro. Pola súa
banda, coa inculturación, a Igrexa faise signo máis comprensible do que é o
instrumento máis apto para a misión” (Xoán Paulo II, RM 52).
[2] O Concilio Pastoral de Galicia. Introducións,
textos, documentación, índices (1996) LUMIEIRA, A Coruña
[3] Diocese Tui-Vigo. XVI Sínodo Diocesano,
2002-2006. Vigo 2006
[4]Inda que nos centramos na Diocese de Tui -Vigo,
nalgunhas das outras dioceses de Galicia elaboráronse disposicións respecto ao
uso da lingua galega na liturxia. Disposicións que, na maioría das veces,
quedaron nunha cuestión puramente teórica, debido á pouca receptividade ao uso
da lingua na liturxia por parte dunha gran maioría dos curas.
Traemos dous exemplos ao respecto: 1.- Boletín
Oficial do Arcebispado de Santiago de Compostela, nº 3.617, de febreiro de
2007, no elenco de disposición para o ano 2007, ao referirse á utilización
do galego na liturxia, dise o seguinte: “É necesario que os sacerdotes
sexan sensibles de cara á progresiva incorporación da lingua galega na liturxia
e que non só acollan ben as peticións que poidan presentar os fieis, senón
que, adiantándose, sexan eles os que ofrezan a
posibilidade de te-las celebracións en lingua galega, realizando un serio
esforzo para que os fieis poidan coñece-las partes dialogadas e así participen
no culto cunha meirande incorporación na lingua que falan habitualmente. Para
xeral coñecemento, relaciónanse seguidamente o estado das edicións litúrxicas
en galego. Estado das edicións litúrxicas en galego. – Deica hoxe foron
publicados os seguintes libros litúrxicos e subsidios para a liturxia Misal
Romano (Edición en tamaño máis manual). Propio das dioceses de Galicia. Ritual do
Bautismo de nenos. Ritual da Confirmación. Ritual das Exequias. Cantoral para a
celebración das Exequias. Ritual para os ministerios do Lector e do Acólito.
Ritual do Matrimonio. Ritual das Ordenacións. Directorio e ritual para os
Ministros Extraordinarios da Eucaristía. 57 Cantoral Litúrxico Galego. Dez anos
de encontros de música relixiosa en Pontevedra. (Casettes, Partituras, Letras).
Leccionario I. Ciclo A. Leccionario I. Ciclo B. Leccionario I. Ciclo C.
Leccionario II (*). Feiras de Advento, Coresma e Pascua. Leccionario II.(**)
Feiras do tempo ordinario. Leccionario III. (*) Propio dos Santos. Leccionario
III (**) Misas rituais, votivas e por algunhas necesidades Diurnal. Oración dos
fieis. Oracional Galego A Santa Misa (tríptico para os fieis coas respostas da
Misa). – Están en proceso de preparación: Ritual da Unción e pastoral dos
enfermos. Ritual da Penitencia. Celebracións dominicais en ausencia de
presbítero. Bendicional.
2.- Asemade, na Diocese de Ourense con motivo do
Sínodo Diocesano, no caderno de traballo elaborado para os grupos sinodais,
afírmase: “A piedade popular é un medio singular de inculturación
da fe na forma de ser do noso pobo, unha de cuxas expresións máis
significativas é o uso da lingua galega. Nos últimos tempos constátase un
retroceso do seu uso nas celebracións litúrxicas e nas expresións da piedade
popular”. cfr. DOCUMENTO 3 “Unha Liturxia viva para unha
Igrexa gozosa”.
As demais Dioceses, segundo os informantes aos que se
lles preguntou ao respecto, manifestan que nas súas respectivas dioceses non
teñen a dia de hoxe, disposicións concretas, dependendo, xa que logo, o uso do
galego da sensibilidade ou non de cada comunidade/cura.
[5]Dito o cal, si debemos mencionar e valorar, o esforzo
actual que desde Vigairía de Pastoral, e coa axuda da Delegación de Medios, se
está a desenvolver para ir elaborando novos materiais litúrxicos en galego,
como poden ser as antífonas musicadas dos Salmos responsoriais ou a Liturxia
das horas. Materiais que podemos ver e consultar na páxina web oficial da
Diocese (www.diocesetuivigo.org),
feito que, atendendo ao manifestado no corpo do artigo, lévanos e pensar que
parece ir por un pouco por diante a páxina oficial da diocese respecto á gran
maioría dos pastores, xa no mundo rural xa no urbano, en canto ao uso e
utilización do galego na liturxia .