sábado, 15 de febrero de 2014

Lecturas

VI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO A


Primeira Lectura     Sir 15, 16-21
LECTURA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
A ninguén mandou actuar inicuamente
 
            Se ti queres, podes gardar o precepto,
facer a súa vontade é sinal de intelixencia.
Puxo diante de ti o lume e mais a auga:
bota a man ao que prefiras.
            Diante de cada home están a vida e a morte:
o que arele: iso daráselle;
pois grande é a Sabedoría do Señor,
El é potente e egrexio e todo o dexerga.
            Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas
e El penetra as accións de cadaquén.
            Non lle mandou ao home que pecase
nin deu pé aos homes falsos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 118, 1-2. 4-5. 17- 18. 33-34
R/.  (1b):  Ditosos os que proceden conforme á lei do Señor.

Ditosos os de conduta impecable,
os que proceden conforme á lei do Señor.
Ditosos os que observan os seus mandatos
e o procuran de todo corazón.

Ti deches os teus preceptos,
para que se cumpran con esmero.
Que o meu proceder sexa firme
en gardar os teus decretos.

Faille ben ao teu servo, para que viva
e garde a túa palabra.
Ábreme os ollos para que vexa
as marabillas da túa lei.

Amósame, Señor, o camiño dos teu preceptos,
e seguireino ata a fin.
Dáme entendemento para observar a túa lei,
e gardareina de todo corazón.


Segunda Lectura   1 Cor 2, 6-10
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Deus tiña predestinada unha sabedoría antes dos séculos para a nosa gloria
 
            Irmáns:
            O que predicamos entre os cultivados é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo.
            Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria.
            Ningún dos xefes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria. Pero como está escrito:
            O que o ollo non viu,
o que o oído non sentiu,
e o que non pasou pola mente do home:
iso preparou Deus para os que o aman.
            E a nós revelóunolo Deus polo Espírito; pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra
porque revelaches os misterios do Reino aos humildes.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 5, 17-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Tal se lle dixo aos antigos; pero eu vos digo
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento.
            Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra.
            E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer aos outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e así o ensine, será declarado grande no Reino dos Ceos.
            Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
            Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo perante o tribunal. Pero eu vos digo: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal; quen o alcume será reo perante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
            Se ao presentares a túa ofrenda no altar, alí te acordas de que teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve para presentar a túa ofrenda.
            Ponte de acordo canto antes co teu preiteante, mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
            Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio.  Pois eu vos digo: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
            Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
            Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu vos digo: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
            Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor.
            Pero eu vos digo: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo.
            Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

* A liberdade, sendo tarefa e don para todos nós, é o elemento fundamental que nos define como persoas. Se non somos libres quedamos reducidos a simples cousas, podendo facer con nós o que lle pete a quen ten poder ou autoridade. Pero como as persoas somos libres, a tentación de dominar e someter aos demais ata convertelos en escravos ao noso servizo afástanos destes comportamentos. Porén, as persoas, e fundamentalmente os cristiáns, temos como esixencia loitar contra calquera intento, noso ou doutros, de mandar e someter aos demais a todo canto nós queiramos. O escravismo físico, tristemente, durou demasiados séculos; pero o escravismos moral segue na mente e no actuar de moitas persoas que se cren no dereito de impoñer os seus criterios sen respectar nin ás outras persoas nin o que esas outras persoas pensan ou cren. E a isto non escapa ninguén dos estamentos que conforman a nosa sociedade: políticos, económicos, culturais, empresariais… e mesmo os relixiosos. Hai persoas que parece que non se senten tales se non son capaces de reducir á nada a aqueles que “consideran inferiores”. Dicimos consideran, porque realmente non o son: Deus, en quen cremos e confiamos para ir facendo do mundo casa e fogar común de acollida, créanos libres e con capacidade de desenvolver ideas, proxectos, ilusións ou esperanzas, e esa capacidade non pode ser nin secuestrada nin sometida polo poder de ninguén. De aí o importante que é sempre actuar en conciencia, segundo as propias conviccións, sen deixarse manipular nin mangonear por ninguén. É verdade que isto non é sempre doado, que moitas veces supón enfrontarse ao poder. Pero non é menos verdade que canto poidamos e consigamos facer para salvagardar a nosa dignidade, creada libre, redundará en beneficio da nosa propia vida e da dos que veñen tras de nós. Como senón foi avanzando a sociedade ao longo destes anos? O esforzo -mesmo pagado coa súa propia vida-, de tantas persoas que non deixaron que lles secuestrasen a súa liberdade, foi abrindo camiño para as xeracións que viñamos detrás. Pois a esa mesma tarefa e esforzo estamos hoxe chamados nós. A lectura do libro do Eclesiástico non fai máis que lembrarnos algo que tiña que estar gravado a ferro, como sinal imborrable, nas nosas vidas, no noso corazón e no noso pensamento: somos libres, e ninguén, por moito que se esforce, e aínda que aparente ou externamente o pareza, interiormente ninguén nos poderá negar nin quitar a liberdade. O “se queres” ao que nos chama indícanos que a capacidade de elixir, escoller e optar está en nós, e non podemos nin delegala nin vendela a quen mellor pague ou máis ofreza, como tantas veces se ten feito no nome de beneficios ou prebendas. Claro que para poder facer esa elección necesitamos tempo de reflexión e elenco de valores desde os que ir crecendo, educándonos e formándonos. Da nada, nada ben; polo que a educación é o único camiño a través do que imos crecendo, aprendendo e descubrindo que nin todo é igual nin todo vale. Hai situacións, comportamentos e decisións que, por moi rendibles que nos poidan parecer, non son máis que un xeito de secuestrar a nosa liberdade e de incapacitarnos para poder actuar desde ela.

* E a prestarlle atención a este xeito de írmonos facendo, é ao que nos chama tamén Paulo na carta que lles escribe aos corintios. A sabedoría de Deus, que é sabedoría de fraternidade, diálogo, encontro, escoita … misericordia, é a que mellor nos axuda a entender que esa liberdade que posuímos é liberdade para construír o ben común, a solidariedade, participación, paz, igualdade... e sempre desde o amor. Un amor que todo o abrangue e no que estamos invitados a camiñar. Pero atención, cando falamos do amor de Deus, non estamos a referirnos a ese sentimento que paraliza a razón e moitas veces non deixa que actuemos con criterio e capacidade de discernimento; non, o amor ao que nos chama sempre e nos invita desde o noso día a día Deus, é o amor que posibilita recoñecer ao que temos ó noso carón como irmán, a quen está lonxe como igual, e a cantos formamos parte do que chamamos mundo como colaboradores do seu plan; un plan que non xustifica nin a degradación nin a inxustiza. Ser persoas libres esíxenos poñelo de manifesto en cada momento cos nosos comportamentos e coas nosas accións; sendo este unha esixencia, un principio irrenunciable para quen se quere chamar cristián, e polo tanto, testemuña de Xesús a través do seu actuar.
* Non son logo de estrañar as antíteses -contraposicións- que nos presenta Xesús no evanxeo de hoxe. Fronte ao tantas veces repetido “díxosevos”; é dicir: este é así, aquel deste outro xeito; isto fíxose sempre, aquilo non se pode cambiar; isto hai que dicilo
deste xeito, aquilo supón isto outro… Xesús rompe con costumes e normas para volver recalcar que só se somos capaces de mostrarnos e de actuar con liberdade entenderemos a súa mensaxe e descubriremos o que significa levar aos noso beizos a palabra, hoxe tan depreciada, irmán. Fronte a esta visión estática e rutineira das cousas, proponnos El o, “pero eu dígovos”, o que nos chama a ser creativos, dialogantes, misericordiosos, dinámicos, esperanzados e sempre dispostos a ver a realidade desde as moitas caras que a conforman, e non soamente a que nós pensamos que é única. Na pluralidade á que nos chama Xesús constrúese a liberdade de cantos formamos parte deste mundo.... que moitas veces non nos gusta, pero que entre todos temos que ir sacando adiante e mellorando.

sábado, 8 de febrero de 2014

Lecturas

DOMINGO V DO TEMPO ORDINARIO - CICLO  A 


Primeira Lectura    Is 58, 7-10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
A túa luz irromperá coma a mañá
 
            Isto di o Señor:
            Reparte o teu pan co famento
e acolle na túa casa os pobres sen pobo.
            Cando vexas o espido, vísteo
e non te escondas da túa propia carne.
            Entón resplandecerá a túa luz coma a alba
e a carne nova da túa ferida brotará logo.
            Si, a túa xustiza camiñará diante de ti
e a gloria do Señor pechará a marcha.
            Entón clamarás ao Señor e responderache,
pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".
            Se apartas do medio de ti o xugo,
o sinalar co dedo e a palabra mala,
se lle quitas ao famento a gana que ti sentes,
e fartas a gorxa aflixida,
entón a túa luz brillará na escuridade
e a túa tebra será coma o mediodía.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL           Sal 111, 4-5. 6-7. 8a e 9
R/.  (4a):  O xusto brilla na tebra coma unha luz.
Ou:  Aleluia.

Brilla na tebra coma luz para os homes rectos,
o que é misericordioso, compasivo e xusto.
Venturoso aquel que se apiada e presta,
e goberna os seus bens con xustiza;

O home xusto endexamais abalará,
gardarase memoria del para sempre.
Non terá medo de malas noticias,
ten firme o corazón e confía no Señor.

O seu corazón está seguro e nada teme.
Repartiu con xenerosidade entre os pobres:
a súa xustiza permanece para sempre,
erguerá con honor a súa fronte.


Segunda Lectura     1 Cor 2, 1-5
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Anuncieivos o misterio de Cristo crucificado
  
            Irmáns:
            En canto a min, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus.
            Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado. E eu presenteime diante vosa con sensación de impotencia e tremendo de medo; e a miña palabra e mais a miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Xn 8, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue terá a luz da vida.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 5, 13-16
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vós sodes a luz do mundo
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

            Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte.
            Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa.

            Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

A fraternidade universal ábrenos na celebración a erguer os ollos e mirar ao noso redor moito máis alá do que alcance a vista. A vida que entre todos imos construíndo non se esgota no eido das nosas casas nin nas lindes das nosas parroquias. No mundo convivimos moitas persoas, e non todas temos as mesmas posibilidades, polo que é necesario superar a tentación de pensar de que o círculo temos que pechalo ao noso redor, sen preocuparnos dos que quedan fóra del. De aí que agradezamos que. de vez en cando, xornadas coma de hoxe, abaneen a nosa conciencia e nos fagan caer na conta de que, sendo todos iguais, non todos temos nin as mesmas oportunidades nin as mesmas capacidades, o que fai que nos necesitemos uns aos outros. E como ninguén é imprescindible, sempre podemos achegar cara ao común, para que todos saiamos gañando. Só recoñecendo –tomando en serio– a afirmación, tantas veces repetida por Xesús e proclamada nas nosas celebracións, de que somos irmáns, seremos capaces de ir desenvolvendo ese proxecto común que nos achega uns aos outros e evita que nos creamos mellores e salvadores dos demais.
  
E ao falar de fraternidade estamos xa tomando partido claro por un xeito de entender a vida e de facer as cousas. Non podemos dicir que somos irmáns se o que buscamos é aproveitarnos dos máis débiles, practicar a lei do funil cos que menos teñen e saben ou humillar aos que non tiveron posibilidade ou capacidade de crecer e desenvolverse como a tivemos nós. A mellora das condicións de vida, non ha ser só para nós, senón que estamos obrigados a reclamala e esixila tamén para os demais, principalmente para aqueles que non tiveron oportunidades para que a súa vida puidese ser vivida de maneira digna. Isto supón a posta en práctica, sen buscar réditos, de condicións económicas e políticas que teñan á persoa como centro, sen caer na tentación de convertela en medio para outros intereses puramente egoístas. En Xesús os cristiáns atopamos sempre un berro que nos chama a non calar nin a deixar que os poderosos, os que oprimen, deciden e impoñen, sexan os que triúnfen e esmaguen os pequenos. Temos que aprender a nadar contracorrente e non calar diante deste tipo de comportamentos. Como di o papa Francisco, a antropoloxía da indiferenza, na que pouco a  pouco nos deixamos ir, é o gran pecado do que non só temos que arrepentírmonos, senón ao que tamén temos que facerlle fronte desde a antropoloxía de fraternidade solidaria. O “cada vez que lle fagades isto a un dos máis pequenos” que nos di Xesús,ten hoxe unha real e fonda concreción na invitación a abrir ben os ollos e a non deixarnos enganar pola liorta que provocan os que non lles importan as persoas, senón o seu propio interese.

No mundo globalizado, e no que hai tanta especulación e engano, os cristiáns estamos chamados a ser:
   - Voz que clama e busca o ben común
   - Palabra que defende e non cala ante a manipulación
   - Cabeza que é capaz de pensar e non deixarse engaiolar pola superficialidade do efémero, que se presenta en papel moi bonito por fóra e que non contén nada –pensamento líquido– dentro.
   - Mans que non dubidan en lavar feridas e curar dores que, indo máis alá do físico, deixan “tocados” a tantos dos nosos irmáns.


Que esta xornada na que se nos invita a non ter medo de mirarnos aos ollos uns aos outros, esperte en nós o compromiso de non esquecer nunca aos que xa non contan para os que mandan e impoñen.

Do Oficio de Lectura de hoxe

De la Constitución pastoral Gaudium et spes, sobre la Iglesia en el mundo actual, del Concilio Vaticano segundo (Núms. 35-36)

LA ACTIVIDAD HUMANA

La actividad humana, así como procede del hombre, así también se ordena al hombre, pues éste, con su actuación, no sólo transforma las cosas y la sociedad, sino que también se perfecciona a sí mismo. Aprende mucho, cultiva sus facultades, se supera y se trasciende.

Un desarrollo de este género, bien entendido, es de más alto valor que las riquezas exteriores que puedan recogerse. Más vale el hombre por lo que es que por lo que tiene.

De igual manera, todo lo que el hombre hace para conseguir una mayor justicia, una más extensa fraternidad, un orden más humano en sus relaciones sociales vale más que el progreso técnico. Porque éste puede ciertamente suministrar, como si dijéramos, el material para la promoción humana, pero no es capaz de hacer por sí solo que esa promoción se convierta en realidad.

De ahí que la norma de la actividad humana es la siguiente: que, según el designio y la voluntad divina, responda al auténtico bien del género humano y constituya para el hombre, individual y socialmente considerado, un enriquecimiento y realización de su entera vocación.

Sin embargo, muchos de nuestros contemporáneos parecen temer que una más estrecha vinculación entre la actividad humana y la religión sea un obstáculo a la autonomía del hombre, de las sociedades o de la ciencia. Si por autonomía de lo terreno entendemos que las cosas y las sociedades tienen sus propias leyes y su propio valor, y que el hombre debe irlas conociendo, empleando y sistematizando paulatinamente, es absolutamente legítima esta exigencia de autonomía, que no sólo reclaman los hombres de nuestro tiempo, sino que responde además a la voluntad del Creador. Pues, por el hecho mismo de la creación, todas las cosas están dotadas de una propia consistencia, verdad y bondad, de propias leyes y orden, que el hombre está obligado a respetar, reconociendo el método propio de cada una de las ciencias o artes.

Por esto hay que lamentar ciertas actitudes que a veces se han manifestado entre los mismos cristianos, por no haber entendido suficientemente la legítima autonomía de la ciencia, actitudes que, por las contiendas y controversias que de ellas surgían, indujeron a muchos a pensar que existía una oposición entre la fe y la ciencia.


Pero si la expresión "autonomía de las cosas temporales" se entiende en el sentido de que la realidad creada no depende de Dios y de que el hombre puede disponer de todo sin referirlo al Creador, todo aquel que admita la existencia de Dios se dará cuenta de cuán equivocado sea este modo de pensar. La creatura, en efecto, no tiene razón de ser sin su Creador.

sábado, 1 de febrero de 2014

A PRESENTACIÓN DE XESÚS NO TEMPLO

O relato deste fermoso feito podémolo ler en San Lucas, Capítulo 2, vs. 22-39.
A Lei de Moisés mandaba que aos 40 días de nacido un neno fose presentado no templo. Hoxe dous de febreiro cúmprense os 40 días, contando dende o 25 de decembro, data na que celebramos o nacemento de Xesús.

Os católicos tivemos o fermoso costume de levar os nenos ao templo para presentalos ante O Noso Señor e a Santa Virxe. Esta é un costume que ten as súas raíces na Santa Biblia. Cando facemos a presentación dos nosos nenos no templo, estamos a recordar o que Xosé e María fixeron co Neno Xesús.
A Lei de Moisés mandaba que o fillo maior de cada fogar, ou sexa o primoxénito, lle pertencía Ao noso Señor e que había que rescatalo pagando por el unha esmola no templo. Isto fixérono María e Xosé.

Por mandato do Libro Sagrado, ao presentar un neno no templo había que levar un cordeiro e unha pomba e ofrecelos en sacrificio ao Señor (o cordeiro e a pomba son dous animaliños inofensivos e inocentes e o seu sangue ofrecíase polos pecados dos que si somos ofensivos e non somos inocentes. Xesús non necesitaba ofrecer este sacrificio, pero quixo que se ofrecese porque El viña a obedecer humildemente ás Santas Leis do Señor e a ser semellante en todo a nós, menos no pecado).

A Lei dicía que se os papás eran moi pobres podían substituír o cordeiro por uns flocos de millo. María e Xosé, que eran moi pobres, ofreceron dous flocos de millo en sacrificio o día da Presentación do Neno Xesús.

Na porta do templo estaba un sacerdote, o cal recibía os pais e o neno e facía a oración de presentación do pequeno infante ao Señor.

Naquel momento fixo a súa aparición un personaxe moi especial. O seu nome era Simeón. Era un home inspirado no Espírito Santo. É interesante constatar que en tres liñas, San Lucas nomea tres veces ao Espírito Santo ao falar de Simeón. Nótase que o Divino Espírito guiaba este home de Deus.
O Espírito Santo prometera a Simeón que non se morrería sen ver o Salvador do mundo, e agora ao chegar esta parella de novos esposos co seu filliño ao templo, o Espírito Santo fíxolle saber ao profeta que aquel pequeno neno era o Salvador e Redentor.

Simeón emocionado pediu á Sma. Virxe que o deixase tomar por uns momentos ao Neno Xesús nos seus brazos e levantándoo cara ao ceo proclamou en voz alta dúas noticias: unha boa e outra triste.

A noticia boa foi a seguinte: que este Neno será iluminador de todas as nacións e que moitos se irán en favor del, como nunha batalla os soldados fieis en favor da súa bandeira. E isto cumpriuse moi ben. Xesús foi o iluminador de todas as nacións do mundo. Unha soa frase de Xesús trae máis sabedoría que todas as ensino dos filósofos. Un só ensino de Xesús axuda máis para ser santo que todos os consellos dos psicólogos.
A noticia triste foi: que moitos rexeitarán a Xesús (como nunha batalla os inimigos atacan a bandeira do adversario) e que por causa de Xesús a Virxe Santísima tería que sufrir de tal xeito coma se unha espada afiada lle atravesase o corazón. Xa pronto comezarán eses sufrimentos coa fuxida a Exipto. Despois virá o sufrimento da perda do neno aos 12 anos, e máis tarde no Calvario a Virxe padecerá o atroz martirio de ver morrer o seu fillo, asasinado ante os seus propios ollos, sen poder axudalo nin lograr calmar as súas crueis dores.

E Xesús chegou a ser como unha bandeira nunha batalla: os amigos aclámano berrando "hosanna", e os inimigos atácano dicindo "crucificao. E así foi e será en todos os séculos. E cada vez que pecamos tratámolo a El coma se fosemos os seus inimigos, pero cada vez que nos esforzamos por portarnos ben e cumprir os seus mandatos, nos comportamos como bos amigos seus.

Despois deste interesante feito da Presentación de Xesús no templo, a Virxe María meditaba e pensaba seriamente en todo isto que escoitara.


Ogallá tamén nós pensemos, meditemos e saquemos leccións destes feitos tan importantes.

Lecturas

IV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO A
  
Primeira Lectura     Sof 2, 3; 3, 12-13
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA SOFONÍAS
Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde

            Buscade o Señor todos os pobres do país, que cumpristes os seus decretos; buscade a xustiza, buscade a humildade.
            Quizais poidades escondervos no día da ira do Señor.
Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde,
e no Nome do Señor terá o seu refuxio o resto de Israel.
            Non farán maldades nin dirán mentiras;
non se atopará na súa boca lingua mentireira.
Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (Mt 5, 3): Ditosos os pobres no espírito, porque deles é o Reino dos Ceos.
Ou:  Aleluia.

O Señor failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     1 Cor 1, 26-31
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Deus elixiu os febles do mundo

            Irmáns:
            Reparade en quen sodes os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza.
            Ó contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poderoso; o plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o que é; de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus.
            Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus. E así, como está escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Mt 5, 12a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alegrádevos e reloucade,
porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Aleluia.



Evanxeo     Mt 5, 1-12a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ditosos os que teñen espírito de pobres
 
            Naquel tempo, Xesús, ao ver a multitude, subiu ao monte, sen­touse e achegáronselle os seus discípulos; e el, tomando a pala­bra, ensinábaos dicíndolles:
            Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
            Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
            Ditosos os sufridos,
porque eles herdarán a terra.
            Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
            Ditosos os misericordiosos,
porque eles serán tratados con misericordia.
            Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
            Ditosos os que traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
            Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
            Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Invítanos hoxe o Señor a que saiamos buscalo. Onde, poderemos preguntarnos cun toque de inxenuidade?. Unha pregunta da que xa sabemos a resposta, porque El ténnola dado moitas veces ao longo das páxinas da Palabra: nos pobres, si, naqueles aos que ninguén presta atención nin fai caso. Pobres non só de cartos, que neste momento tamén, pero principalmente nos pobres que se senten baleiros interiormente, nos pobres que son incapaces de facer autocrítica sobre a súa vida, nos pobres que só teñen cartos e aos que lle segue a faltar todo; nos pobres que logo de ter dado moito amor ao longo da súa vida, descóbrense agora na máis absoluta das soidades; nos pobres que téndoo todo, non foron capaces de ter o máis importante: sentirse amados e ser capaces de amar. Son moitos os pobres e as pobrezas coas que hoxe nos imos atopando cada día. Nós temos que esforzarnos, e ás veces si que é difícil!, por atopar neles ao Señor. El non se esconde. Nós, moitas veces si.
Paulo dinos que como Deus se quere mostrar, faino de xeito que, se lle poñemos un pouco de atención, o poidamos descubrir nos máis débiles. Aqueles aos que nunca se lles escoita, aos que non se lles presta atención, aos que non se lles entregan premios nin se lles ofrece recoñecemento social, nos que non teñen títulos e non pasaron por universidade algunha, a non ser a da vida, e na que foron aprendendo que o que fai a unha persoa ditosa só é, logo de moito sintetizar e de buscar o esencial, amar e ser amado. É dicir, aqueles que teñen o corazón grande. Non é fácil porque a corrente puxa por nós moitas veces en dirección contraria, pero este ha ser o noso reto, nel temos que poñer todo o noso esforzo, para que aquela auga que nos botaron na cabeza o día do noso bautismo –incorporación/purificación– vaia polo regueiro adecuado ata a desembocadura no mar que, para nós, é Xesús de Nazaret, Aquel que non cansou de dicir: ditosos os:
Pobres
Que choran
Sufridos
Famentos e sedentos de xustiza
Misericordiosos
De corazón limpo
Traballan pola paz
Perseguidos por causa da xustiza…

Porque deles é o Reino dos ceos .Un Reino que comezou xa, do que nós somos continuadores e animadores, e que rematará cando academos a felicidade plena ao seu lado.

sábado, 25 de enero de 2014

LECTURAS

III DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO A

Primeira Lectura      Is 8, 23b - 9, 3
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O pobo viu unha gran luz na Galilea dos xentís
 
            Así como nun primeiro momento o Señor humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí,
así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.
            O pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
            Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ao repartiren o botín.
            Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
- o bastón de quen o oprime : rompíchelos coma o día de Madián.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 26, 1 . 4. 13-14
R/.  (1a):  O Señor é a miña luz e salvación.

O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei de temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?

Unha cousa lle pido ao Señor,
unha soa eu procuro:
habitar na casa do Señor
todos os días da miña vida,
para gozar da dozura do Señor,
e contemplar o seu templo.

Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.


Segunda Lectura     1 Cor 1, 10-13. 17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós
 
            Irmáns:
            Polo nome do noso Señor Xesús Cristo rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ao contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
            Porque, irmáns, cheguei a saber polos de Cloe que hai discordias entre vós. Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo".
            Pero é que Cristo está dividido? É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
            A min non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 4, 12-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Veuse a Cafarnaúm para que se cumprise o que dixera Isaías

            Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras
de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
            Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
camiño do mar na outra ribeira do Xordán.
Galilea dos pagáns.
O pobo que xacía na escuridade
viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte
brillou unha alborada.
             E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
            Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
            Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Ga­lilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e seu irmán Andrés, que estaban largando a rede no mar, pois eran pescadores. Díxolles:
            Vinde comigo e fareivos pescadores de homes.
            Eles deixaron de contado as redes, e seguírono.
            Máis adiante, atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arran­xando as súas redes, e tamén os chamou.
            Eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguíro­no.
            Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Reflexión

VIMOS UNHA GRAN LUZ: Nos tempos que corren, son moitas as persoas que teñen unha actitude negativa e desconfiada diante do futuro e da humanidade. Cansos de que a economía non vaia arriba, cansos de que a Igrexa non acabe de ser esa voz profética que acolle e dea resposta a tantos retos que hoxe nos formula a sociedade, canso s, moitas veces de traballar, de vivir, de loitar. Se cadra teriámonos que preguntar en quen puxemos a confianza?, quen nos valía para seguir adiante? Era tanto o que tiñamos que deixar atrás para que seguir o camiño que nos marcou Xesús? Para que ser austeros se o tiñamos todo?, para que vivir a pobreza se iso non ía connosco?, para que colaborar cos demais se o que vale é o "sálvese quen poida"? Diante deste panorama, o final víase vir. Fallou a base, fallaron as persoas e todos entramos nun túnel negro e sen luz que é o noso futuro. Pero hoxe esta celebración quere poñer luz, alegría e liberación. Como Isaías, tamén nós podemos dicir que o xugo do opresor, o materialismo, está quebrado e a vara do oportunismo, do desbarate e do egoísmo, tamén rachou. Temos un novo horizonte por diante, unha nova xeira de colaboración, unha nova luz alumeou e segue chamándonos ao final deste túnel. Unha luz que vén de nacer hai uns días e que é alegría para todos nós.

E POR ISO SOMOS PESCADORES DE HOMES: Só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos "pescadores de homes", en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número. Sen embargo, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser vieiros contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido.

NA UNIDADE, QUE NON É UNIFORMIDADE: Nesta semana tamén pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas
comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades .... e de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que camiñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, todos queremos ser "líderes da manada", sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominados, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.
Remol

lunes, 20 de enero de 2014

Carta Pastoral

Octavario de oración pola unidade dos cristiáns
Enero 2014
¿É que Cristo está dividido? (1Cor 1, 1-17)

Queridos diocesanos:
A Igrexa chámanos a intensificar a nosa oración pola unión de todos os cristiáns, recordándonos que o verdadeiro ecumenismo, ademais do diálogo teolóxico, afecta á vida espiritual e ao testemuño común. O texto bíblico elixido para esta Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns sinala que Cristo é o fundamento da unidade da Igrexa e nos pide desterrar canto signifique división e recuperar a harmonía pensando e sentindo o mesmo (1Cor 1,10-b). O amor por Cristo que ha de unirnos, hase de expresar nunha colaboración e serv
izo concreto, impulsando as relacións das nosas comunidades cristiás. A unidade dos cristiáns aprémanos e é inherente á credibilidade da Boa Nova que proclamamos: “A caridade de Deus cara a nós manifestouse en que o Fillo Unixénito de Deus foi enviado ao mundo polo Pai, para que, feito home, rexenerase a todo o xénero humano coa redención e o reducise á unidade" (UR,2).
Paulo na primeira carta aos corintios failles unha dura crítica pola forma en que distorsionaron o evanxeo cristián, rompendo a unidade da comunidade. Non podemos invocar o nome de Cristo para levantar muros a noso arredor, porque o seu nome crea comuñón e unidade, non divisións: “É que Cristo está dividido?”. Enraizados en Cristo, estamos chamados a dar grazas polos dons de Deus que outros fóra do noso grupo achegan á misión común da Igrexa: os dons dos demais achégannos na fe e na misión, e condúcennos cara a esa unidade pola que rezou Cristo, con respecto cara a unha auténtica diversidade de adoración e de vida. “Son tantas e tan valiosas as cousas que nos unen! E se realmente cremos na libre e xenerosa acción do Espírito, cantas cousas podemos aprender uns doutros! Non se trata só de recibir información sobre os demais para coñecelos mellor, senón de recoller o que o Espírito sementou neles como un don tamén para nós" (FRANCISCO, Evangelii Gaudium, 246).
Os elementos centrais do discipulado cristián son o bautismo e a cruz cristiá. Temos de preguntarnos se transmitimos con fidelidade a boa noticia de Cristo ou se levamos división mesmo no seu nome, baleirando a cruz do seu poder. As divisións e a desunión, non só entre as igrexas senón tamén nas nosas comunidades cristiás, distorsionan a proclamación do evanxeo e a súa credibilidade. A fe e o bautismo únennos a Cristo e fannos partícipes do don da unidade que Deus Un e Trino comunicou á súa Igrexa e que Xesús suplicou ao Pai para todos os crentes.
Temos de acoller o don da unidade na construción e vivencia da comuñón eclesial. O ecumenismo constitúe unha dimensión existencial, un estilo de vida cristiá cuxo referente inmediato e último é a vida de Xesús e a súa Mensaxe. Crecer en comuñón con Deus en Cristo, ser fieis á propia identidade eclesial e á verdade, buscar a plenitude da unidade visible da súa Igrexa por medio da oración e o diálogo fraterno é o noso compromiso. “Ás veces xorden tensións e conflitos que feren a unidade da Igrexa, pero somos nós que as provocamos. Por iso hai que fomentar sempre a comuñón en todos os ámbitos da vida para crecer na unidade que Deus nos dá, e tamén para favorecer o camiño ecuménico. E, como esta unidade non é froito de acordos humanos, senón obra do verdadeiro artífice, o Espírito Santo, habemos de pedila con perseveranza na oración” (FRANCISCO, Catequese do 25 de setembro de 2013).
Cando se iniciou o movemento ecuménico, o seu obxectivo declarado era derrubar a “medianeira divisoria” (Ef 2,14) e conducir as igrexas cara á unidade visible. Non obstante, non faltan tensións nesta inquietude na que as controversias das cuestións éticas, políticas e sociais con frecuencia encontran eco. Evidentemente o ecumenismo non pode diluír as ensinanzas doutrinais e morais, como tampouco pode conducir a un proselitismo e sincretismo. Debe seguir ofrecendo un espazo para que as igrexas afronten un diálogo sincero e consigan unha maior coherencia na preocupación de vivir a comuñón entre elas, sen ignorar as súas diferenzas. “A credibilidade do anuncio cristián sería moito maior se os cristiáns superasen as súas divisións e a Igrexa realizase «a plenitude de catolicidade que lle é propia, naqueles fillos que, incorporados a ela certamente polo Bautismo, están, non obstante, separados da súa plena comuñón». Temos que recordar sempre que somos peregrinos, e peregrinamos xuntos. Para iso hai que confiar o corazón ao compañeiro de camiño sen receos, sen desconfianzas, e mirar ante todo o que buscamos: a paz no rostro do único Deus” (Ibid., 244).
Aínda nos queda por facer moito camiño para chegar á meta. No espírito de conversión descubriremos que para Deus nada hai imposible en noso peregrinar ecuménico, superando as fatigas que nos poidan estar a paralizar e agradecendo a Deus o noso Pai que nos enviara ao seu Fillo para a nosa salvación. Cristo Jesús reconciliounos con Deus por medio da cruz. Todos os cristiáns, unidos nun só Espírito, habemos de sentirnos familia de Deus, que peregrina cara á cidadanía dos santos. Esta fraternidade vivida na Igrexa debe ser signo para toda a humanidade, na que xa ninguén é estranxeiro nin forasteiro senón concidadán do novo pobo de Deus (cf. Ef 2, 14-22).
Saúdavos con afecto e bendice no Señor,
+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela

sábado, 18 de enero de 2014

Lecturas

II DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO A


Primeira Lectura      Is 49, 3. 5-6
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Fareite luz dos pobos, para que se dea a miña salvación

            Díxome o Señor: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
"Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza".
            Pois agora fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser o seu servo, para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El :
"é moi fácil para ti ser o meu servo,
restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e serás a miña salvación ata o confín da terra".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL        Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
R/. (8a e 9a): Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.

Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.
Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.

Sacrificios e ofrendas non os queres,
pero formáchesme uns oídos.
Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;
entón eu digo: "Aquí veño".

No texto do libro está escrito de min
que debo facer a túa vontade.
Meu Deus, iso é o que eu quero,
e o teu mandato está no meu corazón.

Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,
non pechei os meus labios: ben o sabes, Señor.


Segunda Lectura    1 Cor 1, 1-3
LECTURA DO COMEZO DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
A graza e a paz para vós de parte de Deus Pai e do Señor Xesús

            Paulo, chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, e mais o irmán Sóstenes: á Igrexa de Deus que está en Corinto, aos santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos, cos que en calquera lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso, desexámosvos graza e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Xn 1, 14a. 12a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós;
a cantos o recibiron deulles o poder de seren fillos de Deus.
Aleluia.


Evanxeo Xn 1, 29-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo!

            Naquel tempo, vendo Xoán a Xesús, que viña cara a el, dixo:
            Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
            Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para que se amosara a Israel. E Xoán seguiu testemuñando:

            Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo".
            E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Reflexión

Os cristiáns temos como tarefa fundamental na nosa vida testemuñar o que cremos. Na primeira lectura de hoxe, do profeta Isaías, ponse nos beizos de Deus a afirmación de que a través da acción e da palabra do profeta, chegaralle aos demais a sona de Deus; é dicir, inda que nunha linguaxe moi humana, se nos está dicindo que o testemuño é o barómetro fundamental que serve para que os cristiáns vaiamos manifestando a coherencia e a fondura das nosas propias conviccións. Saber responder a este reto que se nos formula non é doado, pero aí está tamén o esforzo que cada un de nós vai poñendo para que, facendo aquilo que Deus nos propón como camiño de crecemento e madurez, vaiamos dando razón leda da importancia e sentido que El ten na nosa vida. Sacar o mellor de nós para que sexa luz para os outros; propoñer camiños que unan e acheguen ás persoas, fronte a tentación de dividirnos e someternos ao poder e á forza dos poderosos, convértese, desde esta palabra proclamada, en tarefa constante á que non debemos renunciar. Nela está a nosa propia felicidade! Por iso esperamos no Señor, por iso poñemos os cinco sentidos en descubrir a súa voz e a súa presenza nos irmáns que nos necesitan ou aos que puideramos necesitar. Unha presenza que nos leva a dicirlle: "aquí estou Señor, para facer a túa vontade".
O saúdo da primeira carta de Paulo aos corintios é o saúdo que nós utilizamos ao comezar cada unha das nosas celebracións. É un saúdo que nos sitúa no que debe ser unha celebración comunitaria: un momento e unha expresión de paz, unidos a cantos comparten con nós ese mesmo desexo e están implicados na mesma tarefa. Deus elíxenos, nós respondemos. Nesta resposta non imos solos, senón que facemos presentes, na oración e no actuar, a cantos están ao noso redor. Isto pídenos actitudes de achegamento e preocupación -non afastamento nin baleiro-, de quen están necesitados e senten como as beiras da sociedade pasan a ser o seu lugar habitual onde vivir.

Non podemos ser indiferentes ou volver a cabeza como se o que non nos gusta non existira e puideramos prescindir del. Entendemos logo a razón pola que o ser santos é un camiño polo que debemos andar os seguidores de Xesús. A santidade é facer da vida sentido e experiencia de amor, descubrindo a Deus no cotián e sinxelo da vida. Pero non ha ser esta unha santidade de calendario ou de peañas, senón a santidade gozosa que se vai vivindo, comprendendo e realizando desde o que non chama a atención, non é aparentemente importante nin tampouco dá tribunas públicas ou beneficios económicos; senón a santidade de quen descubre que falar de Deus e telo como luz e guía, non é máis que facer o esforzo por recoñecelo no partir o pan solidario convertido en tempo, palabra, acompañamento, dispoñibilidade ou voz de quen se ve só ou esquecido.

A presenza do Espírito é a que ha espertar en nós descubrir que falar de Deus e de Xesús non é algo teórico e reducido ao ámbito dos templos. A Deus descóbrese e de Deus fálase desde o que nos pasa cada día, e cos que nos atopamos en cada momento. El non está nin nas nubes nin nos templos, senón na vida, nos seus claroscuros, que van facendo que ilusións, esperanzas, tamén tristuras, vaian conformando o que somos e o que traballamos por ser. Non son os ritos, senón a experiencia vital que cada un pode aportar, o que nos converte en testemuñas de quen pasou facendo o ben, e nos invitou a seguir o seu camiño.

sábado, 11 de enero de 2014

Lecturas

O BAUTISMO DO SEÑOR

  
Primeira Lectura   Is 42, 1-4. 6-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo
 
            Isto di o Señor:
            Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;
velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
            Teño posto sobre el o meu espírito:
ditaralles sentencia xusta ás nacións.
            Non berrará,
non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
            Canivela fendida non a romperá,
e torcida esmorecente non a apagará.
            Con fidelidade proclamará a xustiza,
non desfalecerá nin crebará
ata establecer na terra a xustiza,
e a súa lei, que esperan as nacións.
            Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,
e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere aos presos,
da prisión aos que viven na escuridade.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.

Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,
tributádelle ao Señor gloria do seu nome,
adorade o Señor no seu atrio sagrado.

A voz do Señor sobre as augas,
o Señor sobre as augas copiosas.
A voz do Señor é poderosa,
a voz do Señor é maxestosa.

O Deus glorioso fai tronar.
No seu santuario todo di: Gloria!
O Señor sentou sobre as augas,
o Señor senta como rei eterno.


Segunda Lectura     Feit 10, 34-38
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Unxiuno Deus co Espírito Santo

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
            Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
            El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.
            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os  que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Cf. Mc 9, 6
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:
Este é o meu Fillo predilecto; escoitádeo.
Aleluia.

 
Evanxeo
CICLO A:     Mt 3, 13-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Bautizado Xesús, viu o Espírito de Deus que descendía sobre del

            Naquel tempo veu Xesús desde Galilea ao Xordán para que Xoán o bautizase. Xoán trataba de impedilo dicindo:
            Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?  
            Xesús respondeulle:

            Deixa agora, pois convén que cumpramos a vontade de Deus.
            Xoán accedeu.
            Axiña que foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar coma unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:
            Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.


                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

            A auga do bautismo introdúcenos nunha nova xeira: a xeira do amor, a xustiza e a paz. A xeira do Reino. Un Reino que se converte en tarefa e compromiso, e que é froito da decisión que un día tomaron por nós, e que logo persoalmente ternos reafirmado, e desde onde somos invitados; mellor, urxidos, a poñer corazón e mans para que poida irse facendo. Por iso, tamén coma co Señor ternos que dicir: "chameite con xustiza para que abras os ollos aos cegos, saques da prisión aos cativos e do cárcere aos que viven nas tebras".
            Porque o bautismo nos abre a unha nova xeira, ninguén debe quedar á marxe. Todos estamos chamados a responder desde o novo horizonte que Xesús sementou, e de cuxa semente nós ternos que ir dando froitos: "sen facer distincións". Fronte da tentación de distinguir, separar, apartar, facer a uns máis e a outros menos ... El viu trae-la paz, a facer o ben, a curar aos oprimidos. Neste mundo no que os ricos son cada vez máis ricos, e os pobres cada vez máis empobrecidos, non nos queda máis remedio que deixar a un lado as escusas e pomos a traballar. Porque inda que a cousas empezou en Galilea, agora continúa, está a continuar aquí.
             E a auga, non só símbolo, senón tamén forza e purificación, ten que ser para nós o medio polo que limpemos corazóns, reguemos esperanzas e ilusións, alentemos camiños de entendemento e xustiza, facendo que agromen, desde a forza do Espírito, utopías que nos vaian pondo no camiño da verdadeira liberación. Non permitindo que ninguén se autoproclame liberador de canto significa e supón cambiar o Evanxeo pola burocracia. Onde está a imaxe de achegamento, encontro, entendemento ... da que hoxe se chama a Igrexa de Xesús? Cales son as pontes de diálogo cos que pensan distinto? De que xeito imos abrindo mans para que outros poidan collelas? Porque a auga é máis que un rito, decidámonos dunha vez a dar pasos cara adiante!

            Xesús non quedou con Xoán, traía un novo estilo. Xoán gritaba, Xesús calaba; Xoán esixía conversión, Xesús pedía e ofrecía; Xoán aseguraba que o Mesías ía chegar, Xesús insinuaba: o Mesías chegou e vén coa paz. Xesús personalizou todo o que predicou. El será o camiño, a verdade e a vida. Que oportunidade ternos todos de facer vida os compromisos do noso bautismo, un compromiso como o de Xesús. A que esperamos?