miércoles, 11 de diciembre de 2013

NOVO BISPO AUXILIAR DE SANTIAGO

A Nunciatura Apostólica en España comunicou á Conferencia Episcopal Española (CEE) ás 12 horas do martes, día 10 de decembro, a Santa Se fixo público que o Papa Francisco nomeou Bispo Auxiliar da Archiodecese de Santiago de Compostela o sacerdote Jesús Fernández González, asinandolle a sede titular de Rotdon.
Jesús Fernández González naceu en Selga de Ordás (León) o 15 de setembro de 1955. Cursou estudos no Seminario menor e maior de León. Foi ordenado sacerdote o 29 de xuño de 1980.  Posteriormente obtivo a Licenciatura en Filosofía pola Universidade Pontificia de Salamanca (1990-1992). Entre os anos 2000 e 2001 realizou os cursos de Doutorado en Filosofía.
Dedicacións pastorais e académicas na diocese de León. Foi párroco de Senra de Omaña (1980-1982); formador e profesor no Seminario Menor San Isidoro (1982-1987); reitor deste Seminario (1987-1990); de novo formador, profesor e director espiritual do Seminario Menor (1992-1997); profesor do Centro Superior de Estudos Teolóxicos (1992- ) profesor do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (2001-2013); párroco de Cuadros e Valsemana (1997-2003); formador no Seminario Maior San Froilán (1997-2003); Vicario episcopal de Pastoral e do Clero (2003-2010). Dende o 1 de setembro de 2010 é o Vicario Xeral da Diocese de León e está encargado tamén da atención ao clero.
Tarefas extradiocesanas. Pertence ao Equipo de Asesores de Vicarios Xerais e de Pastoral da Comisión Episcopal de Pastoral. Tamén imparte Retiros, Exercicios espirituais e Charlas na Formación permanente do Clero de distintas dioceses españolas.
Publicacións. É autor do libro "Vivir da eucaristía: As Celebracións Dominicais en ausencia de Presbítero" (PPC, Madrid 2012). Tamén escribiu e publicado artigos relacionados coa filosofía, a pastoral e a espiritualidade sacerdotal.
Dedicacións pastorais especiais. Foi director do xornal diocesano Igrexa en León. Acompañou espiritualmente Pascuas xuvenís e campamentos. Dende hai unha quincena de anos é capelán do equipo de fútbol Cultural e Deportiva Leonesa S.A.D. onde tamén xogou na súa idade nova.
Carta de Jesús Fernández al arzobispo de Santiago
Muy estimado en el Señor:
Hecha pública mi designación como Obispo Auxiliar de esa querida Archidiócesis de Santiago de Compostela por su santidad el Papa Francisco, quiero hacer llegar a Vd. y, a través suyo, a toda la Comunidad diocesana, un saludo lleno de afecto fraterno. Al mismo tiempo, pongo mi persona a su entera disposición para la edificación de la Iglesia y el servicio del Pueblo de Dios.
Conocedor de mis limitaciones y de la grandeza de la tarea a la que soy llamado, desde el momento en que conocí por boca del Sr. Nuncio de Su Santidad en España la elección, no he podido reprimir los sentimientos de sorpresa e inquietud. Por supuesto, tampoco han faltado a la cita las dudas. Pero el que se fió de mí (cfr. 1 Tim 1,12), no dejará de sostenerme y la oración y el apoyo suyo y del resto de los hermanos, de acompañarme.
Quiero manifestar mi cercanía fraterna especialmente a su persona, a los sacerdotes, a los religiosos y religiosas, a los seminaristas, a los miembros de los movimientos y asociaciones, y a todos los fieles laicos en general. Me siento también muy cerca de todos aquellos que están sufriendo el paro, la soledad, la marginación, la pobreza, la violencia, la enfermedad, el eclipse de Dios.
Termina una etapa importante de mi vida. Ahora, sin haberlo soñado ni pretendido por mi parte, el Señor y su Iglesia me piden que inicie una nueva. Leonés, amante de mi tierra, de su cultura y de sus gentes, si me lo permiten, aprenderé a su lado a vivir como un gallego adoptivo. Será un honor. Teniendo ante mí la figura de Cristo que, despojándose de sí mismo, tomó la condición de esclavo (cfr. Flp 2,7), y el icono de S. Pablo que se hizo todo con todos por servir (cfr. 1 Cor 9,22-23), también yo, miembro de una Iglesia sin fronteras, quiero hacerme uno más para anunciar en ese rincón de Galicia la Buena Noticia del Evangelio.

Pongo mi futuro ministerio en las manos de María y del Apóstol Santiago. Al mismo tiempo, me encomiendo a sus oraciones y a las de todos los diocesanos para poder ser un pastor fiel según el corazón y los deseos de Dios.

lunes, 9 de diciembre de 2013

LECTURAS

INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA
Solemnidade  -  Día 8 de decembro



Primeira Lectura  Xén 3, 9-15. 20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller
 
     Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:
     Onde estás?
     El respondeulle:
     Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.
     Preguntoulle o Señor Deus:
     Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?
     Respondeulle Adán:
     A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.
     O Señor díxolle á muller:
     Que é o que fixeches?
     E a muller respondeu:
     A serpe enganoume, e comín.
     Entón o Señor Deus díxolle á serpe:
     Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.
     O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4
R/.  (1a):  Cantádelle ao Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.



Segunda Lectura  Ef 1, 3-6. 11-12
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,
que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo,
para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,
por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,
para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,
por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   cf Lc 1, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alégrate, María, chea de graza, o Señor está
contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.
Aleluia.



Evanxeo   Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo
 

            Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
            O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
             Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
            Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
            Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
            Díxolle María ao anxo:
            Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
            O anxo respondeulle:
            O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
            Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
            Entón María dixo:
            Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
            E o anxo marchou de onda ela.



                        Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo

CON MARÍA


Con María, bendicímoste e loámoste, Pai,
porque nela fixécheste:
Boa Nova para todos,
luz da alba que abre camiños ao Sol,
estrela da mañá que anuncia o Día,
libro aberto que acolle e aluma a Palabra,
muller e nai da Vida.

Con María, Pai de todos:
alegrámonos da túa presenza entre nós,
compartimos o gozo de sentirnos nas túas mans,
anunciamos a túa fidelidade
e proclamamos a túa misericordia.

Con María, Pai bo:
anúnciasnos o teu proxecto de xustiza e salvación,
encamiñas os nosos pasos polas pegadas de Xesús,
reúnesnos na fermosa casa do teu Reino,
iluminas a esperanza e anticipas o futuro.

Con María, Deus e Pai:
recoñecémoste pequeno nos sinxelos,
sabemos que es misteriosamente débil;
sentimos a túa tenrura e proximidade,
humanamente non te vemos,
comprendemos un pouco o teu Misterio
e abóndanos saber
que nos levas na palma das túas mans

Con María, noso Pai, dicímosche:
Estamos aquí; glorificámoste, loámoste
e dámosche grazas desde o máis íntimo de nós;
actúa en nós segundo a túa Palabra,
Que queres que fagamos?
Ti es o Deus que nos salva;
Como será todo isto?
Somos os teus fillos e desde sempre

convivirnos como irmáns na túa única casa.

domingo, 1 de diciembre de 2013

LECTURAS

DOMINGO I DE ADVENTO - CICLO  A

Primeira Lectura         Is 2, 1-5
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O Señor congrega a todas as nacións na paz eterna do seu Reino

Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén:
Ao final dos tempos o monte da casa do Señor estará firme, asentado no cume dos montes, ergueito sobre as montañas.
Acudirán alí todas as nacións, poñeranse en camiño pobos numerosos.
Dirán:"Vinde, subamos ao monte do Señor, á casa do Deus de Xacob.
El hanos aprender os seus camiños, e marcharemos polos seus vieiros;
porque a lei ha saír de Sión, de Xerusalén, a palabra del Señor".
Será o árbitro das nacións, o xuíz de pobos numerosos.
Das espadas forxarán arados, e das lanzas, podadeiras.
Non erguerá a espada nación contra nación,
non se adestrarán para a guerra.
Casa de Xacob, ven; vaiamos
e camiñemos á luz do Señor!
                                                                                                                                           
 Palabra do Señor                                        R/ Grazas a Deus          


SALMO RESPONSORIAL           Sal 121, 1-2. 4-5. 6-7. 8-9
 R/.  (cf. 1):  Imos alegres para a casa do Señor

Moito me alegrei cando me dixeron:
"imos ir á casa do Señor".
Xa están os nosos pés
ás túas portas, Xerusalén.

Alá soben as tribos, as tribos do Señor,
conforme o costume de Israel,


a festexar o nome do Señor.
Alí están os tribunais de xustiza,
os tribunais da casa de David.

Desexádelle paz a Xerusalén:
Vivan seguros os que te aman.
Haxa paz dentro dos teus muros,
seguranza dentro dos teus pazos.

Por mor de meus irmáns e compañeiros,
direi: "A paz contigo".
Por mor da casa do Señor, o noso Deus,
desexo para ti todo ben.



Segunda Lectura        Rom 13, 11-14a
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS  ROMANOS
A nosa salvación está xa máis cerca
 
Irmáns:
Sabedores do tempo de salvación no que estamos,  xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está máis cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitémos obras das tebras e vistámos armas da luz.
Como en pleno día, camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas.
En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso aos  baixos apetitos.
                                                                                                                                           
Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus

 
ALELUIA    Sal 84, 8
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Amósanos, Señor, a túa misericordia,
e dáno túa salvación.
Aleluia.


Evanxeo          Mt 24, 37-44
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vixiade para estardes preparados
 
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
- Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán o outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán a unha e deixarán á outra.
Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.
                                                                                                                                            

Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo

sábado, 30 de noviembre de 2013

Lectio


 Hoxe, primeiro domingo de Advento, empezamos un novo ano cristián. Somos convidados a celebrar o Advento, o Nadal e a Epifanía. Desde hoxe (1/2 decembro) até o final do tempo de Nadal coa festa do Bautismo do Señor (13 de xaneiro), van ser cinco semanas en que celebramos a mesma boa noticia:
a vinda do Señor. O tres palabras. Advento, Nadal e Epifanía, ou sexa, vinda, nacemento e manifestación, apuntan ao mesmo: que Cristo Xesús faise presente na nosa historia para darnos a súa salvación.

Mateo -que vai ser o evanxelista dos domingos deste novo ano litúrxico- tróuxonos as palabras de Xesús, coas que convida a todos a estar espertos e atentos, preparados en todo momento, porque a súa vinda sucede no momento máis inesperado: "estade en vela, que non sabedes que día virá o voso Señor".

A palabra de Deus dinos "estade preparados". Si debemos estar preparados á vinda continua do Señor. A historia que vivimos é a ocasión de encontro con ese Salvador que se nos achega, que vén a nós: Cristo Xesús, o Enviado de Deus. El trae a salvación, a Boa Noticia, a paz, a verdade. Por iso é hora de espabilarse porque cando menos pénselo "virá o Fillo do Home".

A nosa primeira actitude, por tanto, é a atención, a vixilancia, a espera activa. Os cristiáns centramos a nosa esperanza nunha Persoa viva, presente xa, que se chama Cristo Xesús. Cristo é a resposta de Deus aos desexos e as preguntas da humanidade. Non nos vai a salvar a política, ou a economía, ou os adiantos da ciencia e da técnica: é Cristo Xesús o que dá sentido á nosa vida, e ábrea a todos os seus verdadeiros valores, non só os deste mundo.


Crer é esperar. A vida non é un círculo pechado no que non é posible a esperanza. Talvez hoxe poderiamos medir a autenticidade da nosa fe tomándolle o pulso á nosa esperanza. Coa man no corazón, podemos dicir que temos fe se miramos sempre a vida e o mundo cunha mestura de fatalismo e desesperación? A falta de esperanza non é cristiá. Pero non calquera esperanza é a esperanza cristiá. Non é -por exemplo- un pasivo cruzarse de brazos, véndoas vir. Máis ben falábasenos de que hai que espabilarse, manterse en actitude de vixilancia, estar a punto... Vixiar: non é estar á expectativa e preguntarse que vai pasar ou botar as cartas da sorte. Vixiar é preparar a casa e os camiños para o home novo. É descubrir a tarefa a realizar. É recoñecer ao Señor que vén ou que é o que impide a súa chegada. É buscar onde o Señor está a nacer. É camiñar cara a Belén, onde unha familia busca pousada, onde un emigrante pide traballo, onde un mozo afánase por realizarse, onde un esquecido necesita presenza, onde un pobre quere comer, onde todos os homes urxen amor. Vixiar é escoitar a palabra, ler en profundidade os acontecementos, penetrar no misterio da persoa e da historia, captar a noción do Espírito. Vixiar é crer, é comprometerse, é, sobre todo e sempre, esperar.

http://www.salesianos.edu/sites/default/files/LectioDivina_071202.pdf

sábado, 23 de noviembre de 2013

Lecturas

XXXIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO
FESTA DE CRISTO REI

  
Primeira Lectura     2 Sam 5, 1-3
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL
Unxiron a David como rei para Israel
 
            Naqueles días, todas as tribos de Israel foron a Hebrón, xunto de David, para dicirlle:
            "Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue. Xa de antes, cando Saúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastarás o meu pobo Israel, ti serás o seu xefe".
            Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 121, 1-2. 4-5
R/. (cf. 1): Imos alegres para a casa do Señor.

Moito me alegrei cando me dixeron:
"imos ir á casa do Señor".
Xa están os nosos pés
ás túas portas, Xerusalén.

Alá soben as tribos, as tribos do Señor,
conforme o costume de Israel,
a festexar o nome do Señor.
Alí están os tribunais de xustiza,
os tribunais da casa de David.



Segunda Lectura    Col 1, 12-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Pasounos ao reino de seu Fillo benquerido

            Irmáns:
            Deámoslle grazas a Deus Pai que vos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.
            El librounos do dominio das tebras para nos pasar ao Reino de seu Fillo benquerido, en quen  alcanzamos a redención polo seu sangue, o perdón dos pecados.
            El é a imaxe do Deus invisible, o primoxénito de toda criatura, pois nel foron creadas todas as cousas, as do ceo e tamén as da terra, as visibles e as que non se ven: maxestades, señoríos, principados e potestades.
            Todo foi creado por el e para el, el é anterior a todo e todo ten nel o alicerce.
            El é tamén a cabeza do corpo: a da Igrexa. El é o principio, o primoxénito de entre os mortos, por ser el en todo o primeiro.
            Porque nel quixo Deus que habitase a total plenitude, e por el quixo reconciliar o universo consigo, o que hai na terra e o que hai no ceo, poñéndoos en paz, polo sangue da súa cruz.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.


Evanxeo     Lc 23, 35-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Señor, lémbrate de min cando esteas no teu reino
 
            Naquel tempo, os xefes moqueábanse de Xesús, dicindo:
            A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
            Tamén os soldados se burlaban del,
e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
            Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
            E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".
            Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
            Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
            Pero contestoulle o outro, reprendéndolle:
            Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
            E dicíalle:
            Xesús, lémbrate de min cando volvas como rei.
            Xesús respondeulle:
            Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.


      Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo      

Reflexión

            A unción é un sinal que pon de manifesto que a persoa que a recibe é única, distinta, especial. Un elixido. O día do noso bautismo, todos nós fomos unxidos, a través das mans do sacerdote, por Cristo. Este sinal, aparentemente tan insignificante, encerra toda a forza de que se é escollido para unha gran misión. Unha misión que ha desenvolver como resposta á chamada recibida. Isto mesmo foi o que nós recibimos cando nos bautizaron: unha misión. E coma toda misión, temos que ir respondendo a ela, desenvolvéndoa en cada unha das cousas que fagamos. No noso ir facendo, actuando, comprometéndonos… traballando, estamos respondendo á misión recibida no bautismo e facéndonos construtores do reinado de Deus. Por iso a celebración de hoxe ten tanto significado para nós os bautizados, pois é un momento para revisar e preguntarnos como imos respondendo a este envío recibido o día do noso bautismo, e alimentado logo ao longo dos anos na Eucaristía, a Confirmación, a catequese ou a formación. Na resposta que deamos, estará a nosa coherencia ou incoherencia como construtores do reinado de Deus e testemuñas da súa mensaxe. A unción ponnos nun camiño que teremos que ir percorrendo, tendendo a man e expresando que Deus non é unha idea, senón un compromiso, unha esixencia, unha resposta diante das moitas maneiras de vivir e de estar no mundo. Por iso vimos ledos á casa do Señor.
             Paulo, que tivera un experiencia fonda e forte de encontro coa mensaxe e o proxecto de Xesús -o seu cambio radical de vida foi tan manifesto que pasou de perseguidor dos cristiáns a perseguido por ser cristián–, quere transmitirlles aos colosenses que atoparse con Cristo non é un acto social nin unha moda que pasa co tempo, senón un esforzarse continuamente por camiñar no amor. E non se pode camiñar no amor se o que facemos desde o día a día das nosas vidas é todo o contrario: calamos diante de comportamentos corruptos, xustificamos a violencia e aos violentos, somos inxustos á hora de relacionarnos e tratar cos demais, permitimos e transiximos palabras e actuacións que feren ás persoas, especialmente aos máis débiles e esquecidos ... se estes son comportamentos e maneiras de facer as cousas pola nosa parte, dificilmente poderemos dicir que queremos ser e vivir no reinado de Deus. Se o amor, a xustiza e mais a paz non van marcando a nosa vida ,o percorrido de cada día non só non podemos dicir que somos construtores do reinado de Deus, senón que tampouco podemos chamarnos nin mostrar a dignidade que nos dá ser seguidores de Xesús. Ser cristiáns non é un nome que nos puxeron cando eramos pequenos, senón un xeito de vivir, traballar e facer do mundo a casa de todos. E iso só podemos facelo se de verdade temos entendido o que significa a palabra amor.
             Camiñar deste xeito é o que fará posible que o Señor se lembre de quen somos e do que fixemos na tardiña baixa das nosas vidas. Como cantamos moitas veces: se lle demos comida ao famento, se ao sedento demos de beber … se nos máis pequenos e pobres fomos capaces de atopar o Señor Xesús. Esta é a nosa tarefa, a tarefa de todos. Se o facemos así, non é que o Señor se lembre de nós cando cheguemos ao seu reino, senón que nos teremos convertido en construtores do seu Reino no aquí e agora da vida de cada un de nós. El non vai esperar ao final, senón que camiña ao noso lado desde o primeiro momento...o que pasa é que moitas veces, ao andar tan atarefados, non temos sido capaces de recoñecelo.
Remol

sábado, 16 de noviembre de 2013

Lecturas

XXXIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C



Primeira Lectura     Mal 3, 19-20a
LECTURA DO LIBRO DE MALAQUÍAS
Amence para vós o sol de xustiza
 
            Velaí chega o día: abrasará coma un forno,
e os soberbios e todos os que cometen a maldade serán palla.
            Si, o día que chega será a vosa queima
fala o Señor dos Exércitos :
non vos deixará raíz nin póla.
            Brillará para vós, os que respectades o meu Nome,
un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 97, 5-6. 7-8. 9a. 9bc
 R/. (cf. 9): O Señor vén xulgar os pobos con rectitude.

Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e tamén o salterio;
con claríns e co son das trompetas
aclamade o Señor, noso rei.

Resoe o mar e canto o enche,
o mundo e cantos o habitan;
aplaudan os ríos,
alédense os montes.

Diante do Señor,
que vén para rexer a terra.

El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.



Segunda Lectura     2 Tes 3, 7-12
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
O que non queira traballar, que tampouco coma


            Irmáns:
            Ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós.
            Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar, e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco coma.
            Porque chegou aos nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais.
            A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo para comeren o seu propio pan.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Lc 21, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Mirade e erguede as vosas cabezas,
porque está cerca a vosa redención.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 21, 5-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas
 
            Naquel tempo, comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
            Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.

            Eles preguntáronlle:
            Mestre, dinos, cando van pasar estas cousas? Cal será o signo de que van suceder?
            El empezoulles a dicir:
            Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son eu" e "está a chegar o momento", pero non os sigades. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
            Entón díxolles:
            Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño.
            Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios.
            Entregaranvos vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, e todos vos aborrecerán por causa miña, e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.


     Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

Comentario

          Case a piques de rematar o ano litúrxico, a celebración deste domingo pon diante de nós o complexo mundo laboral, lembrándonos que para toda persoa, pero fundamentalmente para aos cristiáns, o traballo é o mellor camiño de crecemento e realización persoal. Paulo tíñao vivido e experimentado, por iso lle escribe aos Tesalonicenses para recordárllelo e transmitirlles que o seguimento de Xesús pasa por ocuparnos e preocuparnos polo que ocorre no noso mundo. Como máis tarde dirá o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que non preocupe aos cristiáns”. E esa ten que ser a nosa implicación cada día, polo que non podemos converter a fe nun trankimazín que nos apampe, que nos impida comprometernos e implicarnos cos problemas e tamén cos retos que hai no mundo. E isto que Paulo lles dicía, pois había algúns daqueles cristiáns que, se desentendían das súas tarefas, tamén nolo lembra hoxe a nós. Si, porque hoxe a Palabra volve lembrarnos que fe e vida son dúas caras dunha mesma moeda, que somos cristiáns a tempo completo, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Non podemos ser carga para ninguén, ao contrario, como crentes estamos, se cabe, moito máis urxidos a liderar proxectos e accións que busquen canto fai que o ser humano, en calquera parte do mundo, pero comezando polos que temos á porta da casa, viva dignamente e se lle respecte e recoñezan os seus dereitos, o que supón traballar pola igualdade a xustiza e a liberdade. E isto non pode ser unha moda dunha igrexa que como se vai quedando sen xente se apunta ao que se leva. Non, isto é unha esixencia da fe recibida no bautismo e que nos alenta a estar no mundo con actitude de unión, solidariedade e esforzo, sabendo que iso foi o que fixeron moitos crentes ao longo dos séculos, e cuxo testemuño debe servirnos a nós para non recuar.
  
            Pero teñamos en conta que o traballo, o compromiso a prol de todos por construír o Reino é laborioso, e mesmo algunhas veces ingrato. Ingrato porque nos leva a sermos incomprendidos polos nosos veciños, que poden ver intereses particulares ou protagonismo; incomprendidos pola sociedade, que nos ve trasnoitados e pouco valorados moitas veces polo mal facer doutros cristiáns; incomprendidos por algúns sectores da Igrexa, nostálxicos dos tempos pasados. Xa o escoitamos no evanxeo. Non nos perseguen nin discriminan, pero si pasamos dificultades e incomprensións. E como di Xesús, só se somos perseverantes poderemos levar a cabo este compromiso, e entender, sen demagoxia de ningún tipo e non deixándonos utilizar nin manipular, o que supón, esixe e implica a salvación. Que a celebración de hoxe nos dea azos e ilusión para traballar por todas as persoas desde o compromiso por facer presente entre nós o amor de Deus.


            Vivir, actuar, comportarse deixándose acompañar por Xesús, vai facendo que a nosa vida vaia descubrindo a esperanza, a forza da fe, a radicalidade do amor vivido en entrega cara os que menos teñen e máis o necesitan. O deixarse acompañar por El, confórmanos como homes e mulleres que teñen descuberto no día a día da súa vida, da súa oración, das relacións cos demais, que a nosa fe susténtase nun Deus de vida e non de morte. Un Deus no que atopamos a forza para asumir retos e afrontar desafíos cada día e en cada momento da Historia. Un Deus que non mira ao pasado, senón que se deixa seducir por nós para acompañarnos nas decisións, acertadas ou equivocadas, que imos tomando na vida. Nunha palabra, un Deus de vivos, de esperanza, de tenrura, de ledicia, de dinamismo e servizo, de solidariedade e loita polo ben común. Un Deus que mira ao futuro, a vida, e deixa  atrás o pasado e o ritualismo, a morte. Que o descubramos e nos poñamos con prontitude na disposición de seguilo.

lunes, 11 de noviembre de 2013

A FAMILIA, MOTOR DA FE E DO MUNDO

Desde o inicio do seu ministerio, o Papa Francisco sinalou á pastoral familiar como un dos máis urxentes retos da Igrexa actual. Nesta liña, o pasado 8 de outubro, a Santa Se comunicou que a próxima Asemblea do Sínodo  dos Bispos levará por tema: “Os desafíos pastorais da familia no contexto da evanxelización” e terá lugar no Vaticano do 5 o 19 do outono do vindeiro ano. Días despois, o cardeal Peter Erdö, primado de Hungría e presidente do Consello de Conferencias Episcopais Europeas,  e o destacado teólogo  e arcebispo italiano Bruno Forte foron nomeados, respectivamente, relator xeral e secretario especial da devandita asemblea sinodal, ademais do nomeamento previo dun novo secretario xeral do Sínodo dos Bispos, na persoa do prelado e diplomático italiano Lorenzo Baldisseri.
A Familia e o matrimonio –células básicas da humanidade e primeiras, fundamentais e insustituibles fontes da transmisión da fe- piden toda a atención e potenciación posibles de parte da Igrexa e da Sociedade. E esta última ademais, ten que recuperar “a conciencia –fala Francisco- do carácter sagrado e inviolable da familia, ben inestimable e insubstituíble”.
Por elo, a celebración do Ano da Fe para as Familias, os días 26 e 27 do outono, coa participación do Santo Pai era un acontecemento que espertaba un interese engadido.. E a ocasión, non defraudou as expectativas. E o Papa Francisco, que sintonizou esplendidamente con esta porción tan significativa e relevante do pobo santo de Deus, nas súas intervencións, sinxelas, fermosas e repletas de “olfacto” pastoral, marcaron algunhas liñas, abriu pistas e camiños para fortalecer a identidade e a misión das familias cristiáns e da pastoral familiar.
¿Cales son estas pistas sinaladas, os acento subliñados polo Papa? Ímonos referir, telegraficamente, a cinco aspectos. O primeiro é o afondamento, o redescubrimento da identidade da familia. A familia fundada no matrimonio, é unha comunidade de vida e de amor, é o lugar onde se aprende a amar, é o centro natural da vida humana, é o motor do mundo e da historia, é o espazo onde a persoa toma conciencia da súa propia dignidade e, “especialmente se se educa na fe cristiá”, é tamén o espazo en que se recoñece así mesmo a dignidade das outras persoas, en particular, das enfermas, débiles e marxinadas. Todo iso significa que a familia é suxeito de dereitos, que deben tutelarse e promoverse, como reclama, por exemplo, o documento do Papa Xoan Paulo II "Carta dos Dereitos das Familias", que acaba de cumprir 30 anos.
En segundo lugar, a familia crece e nútrese do cultivo de valores capitais como o amor, a fidelidade, a opción de por vida, a capacidade de dar e de recibir, a paciencia, a perseveranza, o exercicio do perdón e a reconciliación, a sinceridade, o diálogo, a lealdade, a comunicación... O cultivo destes valores leva consigo así mesmo outra dobre esixencia. Dun lado, é o coidado e a atención cara aos máis débiles da propia comunidade familiar como son os nenos e os anciáns, "toda unha aposta de civilización". E doutro lado a proximidade e a solidariedade das familias cristiás cara ás familias que viven en calquera situación de dificultade, como, por exemplo, as separacións conxugais.
En terceiro lugar, a familia cristiá ha de intensificar no seu propio seo a dimensión relixiosa e singularmente orante. Hase de rezar en familia. A familia ha de seguir sendo a primeira escola de oración e cenáculo vivo de pregaria. "Rezar en familiar fortalece a familia", con sinxeleza, con cotianeidade, con asiduidade.
En cuarto lugar, a familia segue estando chamada a custodiar á fe como un dos seus máis preciosos, prezados e precisos haberes e patrimonios. A familia será custodia da fe sen "embalsamar" o seu contido e a súa forza transformadora, "indo ás periferias e sen atrincheirarse en actitudes defensivas".
Por último, a familia transmitirá a fe vivíndoa con alegría, sen medos, sen disimulos, con coherencia. Porque "a familia que vive a alegría da fe a comunica espontaneamente, é sal da terra e luz do mundo, é fermento para toda a sociedade.

sábado, 9 de noviembre de 2013

LECTURAS

XXXII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C



Primeira Lectura     2 Mac 7, 1-2. 9-14
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS MACABEOS
O rei do mundo hanos resucitar para unha vida eterna

            Naqueles días, aconteceu que meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou que os azoutasen con trallas e vergas para facer que, en contra do que era lexítimo, comesen carne de porco.
            Un deles, o primeiro, falou no nome de todos, e dixo:
            Que máis vas preguntar? Que outra cousa queres saber de nós? Estamos dispostos a morrer antes que quebrantar as leis dos nosos maiores.
            O segundo, cando xa estaba nas últimas, dixo:
            Ti, criminal, quítasnos a vida presente, pero o rei do universo hanos resucitar para unha vida eterna a cantos morremos pola súa Lei.
            Despois deron en meterse co terceiro. Mandáronlle botar fóra a lingua e fíxoo de contado; estendeu as mans todo decidido e dixo con valentía:
            De Deus recibín estes membros, e pola súa Lei os entrego; espero recibilos del novamente.
            O rei e os que estaban xunto del quedaron abraiados polo valor do rapaz, que non tiña medo aos tormentos.
            Cando este morreu, torturaron o cuarto de xeito semellante; e cando estaba xa para morrer, dixo:
            Paga a pena que os homes maten a un, cando se espera que Deus nos vai resucitar. Pero ti non has resucitar para a vida.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 16, 1. 5-6. 8b e 15
R/.  (15b):  Ao espertar, saciareime da túa presenza, Señor.

Entende, Señor, a causa xusta,
atende ao meu clamor;
escoita a miña pregaria
de labios sen engano.

Guía polas túas pisadas os meus pasos,
para que non tremelen os meus pés.
Eu chamo por ti, meu Deus, respóndeme;
inclínate cara a min, escoita a miña voz.

Escóndeme á sombra das túas ás.
Mais eu, pola miña inocencia,
contemplarei o teu rostro;
ó espertar, saciareime da túa presenza.


Segunda Lectura     2 Tes 2, 16 -- 3, 5
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S. PAULO AOS TESALONICENSES
Deus vos confirme en toda palabra e obra boa


            Irmáns:
            O mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, vos conforte e vos afinque en toda obra e palabra boa.
            Polo demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se acolla con honor como pasou entre vós, e deste xeito nos vexamos libres da xente descamiñada e perversa: pois a fe non a teñen todos. Pero o Señor é fiel e afincaravos e protexeravos do Ruín.
            Tocante a vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer canto vos temos mandado.
            Que o Señor encamiñe os vosos corazóns ao amor de Deus e á paciente espera do Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Ap 1, 5a. 6b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo é primoxénito dos mortos;
a El a gloria e o poder por sempre eternamente.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 20, 27-38 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deus non é Deus de mortos, senón de vivos

            Naquel tempo, chegaron algúns saduceos eses que negan que haxa resurrección e preguntáronlle a Xesús:          
            Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia".  Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo; e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos. Ao cabo, morreu
tamén a muller. Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
            Xesús contestoulles:
             Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.
            E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob.  E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.


                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo   

viernes, 8 de noviembre de 2013

LECTIO

Podemos dicir que a pasaxe que se nos propón para a nosa reflexión constitúe unha parte central do texto de Lucas 20,20-22,4 e cuxo argumento son as discusións cos xefes do pobo. Xa no comezo do capítulo 20, Lucas preséntanos algúns conflitos xurdidos entre Xesús, os sacerdotes e os escribas (v. 1-19). Aquí Xesús está en conflito coa escola filosófica dos Saduceos, que toman o seu nome de Zadok, o sacerdote de David (2 Sam 8:17). Os Saduceos aceptaban como revelación só os escritos de Moisés (v. 28) negando así o desenvolvemento gradual da revelación bíblica. Neste sentido enténdese máis a frase "Moisés deixounos escrito" pronunciado polos Saduceos neste malicioso debate, pensado como unha trampa para asechar a Xesús e "sorprendelo (v.: 20: 2; 20: 20). Esta escola filosófica desaparece coa destrución do templo.
A lei do levirato
Os Saduceos negan, pois, a resurrección dos mortos, porque segundo eles, este obxecto de fe non formaba parte da revelación que Moisés se lles dera. O mesmo se diga de cara a fe na existencia dos anxos. En Israel, a fe na resurrección dos mortos aparece no libro de Daniel escrito no 605-530 a.c. (Dan 12: 2-3). Encontrámola así mesmo en 2Mac 7: 9, 11, 14, 23. Para ridiculizar a fe na resurrección dos mortos, os Saduceos citan a prescrición legal de Moisés sobre o levirato (Dt 25, 5), é dicir o antigo uso dos pobos semíticos (hebreos inclusive), segundo o cal o irmán ou un parente próximo dun home casado, falecido sen fillos, ten que casarse coa viúva, para asegurar (a) ao defunto unha descendencia (os fillos ían considerarse legalmente como fillo do defunto), e (b) un marido para a muller, xa que as mulleres dependían do marido para o seu sustentamiento. Casos como os arriba citados se citan tamén no Antigo Testamento, no libro do Génesis e no libro de Rut.
No libro do Génesis (38:6-26) dísenos que "tomou Xudá, para Er, o seu primoxénito unha muller chamada Tamar. Er, primoxénito de Xudá, foi malo aos ollos de Yahvé, e Yahvé matouno. Entón dixo Judá a Onán: Entra á muller do teu irmán e tómaa, como cuñado que es, para suscitar prole ao teu irmán. " (Gén 38: 6-8). Pero Onán tamén é castigado por Deus coa morte (Gén 38: 10) porque sabendo Onán "que a prole non sería súa, cando entraba á muller do seu irmán, derramábase en terra por non dar prole ao seu irmán" (Gén 38: 9). Vendo isto, Xudá envía Tamar á casa do pai, para non o dar como marido Sela, o seu terceiro fillo (Gén 38: 10-11). Tamar entón, vestíndose de prostituta, uniuse con Xudá mesmo, e concibiu dous xemelgos. Descuberta a verdade, Xudá deu razón a Tamar e recoñeceu que "mellor ca min é ela" (Gén 38: 26).
No libro de Rut cóntase a historia da mesma muller, Rut a moabita, quen quedou viúva tras casar cun dos fillos de Elimèlech. Xunto coa sogra Noemí, se viu obrigada a pedir esmola para sobrevivir, e a recoller nos campos as espigas desbotadas polos espigadores, ata o momento en que casa con Boaz, parente do seu defunto marido.
O caso proposto a Xesús polos Saduceos recórdanos a historia de Tobías, fillo de Tobit, que se casa con Sara, filla de Ragüel, viúva de sete maridos, matados todos por Asmodeo, o demo da luxuria, no momento en que se unían a ela. Tobías ten dereito a casar con ela porque era da súa tribo (Tob 7-9).
Xesús fai notar aos Saduceos que o matrimonio prové á procreación e por conseguinte é necesario para o futuro da especie humana, xa que ningún dos "fillos deste mundo" (v. 34) é eterno Pero "os que alcancen a ser dignos de ter parte naquel mundo" (v. 35) non toman nin marido, nin muller xa que "nin poden "xa" morrer " (v.35-36), viven en Deus: "porque son como os anxos e son fillos de Deus, por ser fillos da resurrección" (v. 36). Xa no Antigo como no Novo Testamento, os anxos son chamados fillos de Deus (véxase por exemplo Xene 6: 2; Sal 29, 1; Lc 10, 6; 16, 8). Esta frase de Xesús recórdanos a carta de Paulo aos Romanos, onde está escrito que Xesús é o Fillo de Deus pola súa resurrección, el, o primoxénito de entre os mortos, é por excelencia o fillo da resurrección (Rom 1, 4). Podemos citar aquí tamén os textos de san Paulo sobre a resurrección dos mortos como evento de salvación cuxa natureza é espiritual (1 Cor 15:35-50).

Eu son: O Deus dos vivos Xesús confirma a realidade da resurrección citando outra pasaxe do Éxodo, esta vez da pasaxe da revelación de Deus a Moisés na silveira ardendo. Os Saduceos fan fincapé no seu punto de vista, citando a Moisés. E do mesmo modo Xesús rexeita o seu argumento citando el tamén a Moisés: "E que os mortos resucitan indicouno tamén Moisés no da silveira, cando chama ao Señor o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob" (v. 37). No Éxodo, vemos que o Señor se revela a Moisés con estas palabras: "Eu son o Deus do teu pai, o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob" (Ex 3: 6). O Señor logo segue revelando a Moisés o seu nome divino: " Eu-son" (Ex 3: 14). A palabra hebraica ehjeh, cuxa raíz é Hei-Yod-Hei, usada para indicar o nome divino en Ex 3: 14, significa Eu son aquel que é; Eu son aquel que existe. A raíz pode significar asimismo vida, existencia. Por iso, Xesús pode concluír: "Non" é "un Deus de mortos, senón de vivos" (v. 38). Neste mesmo verso Xesús especifica que para el todos viven. Ao reflexionar sobre a morte de Xesús, na carta aos Romanos, Pablo escribe: "Porque morrendo, morreu ao pecado unha vez para sempre: pero vivindo, vive para Deus. Así, pois, facede conta de que estades mortos ao pecado, pero vivos para Deus en Cristo Jesús" (Rom 6:10). Podemos dicir que Xesús, unha vez máis, fai ver aos Saduceos que a fidelidade de Deu para o seu pobo, para a persoa individual, non se basea na existencia ou non dun reino político (en o caso da fidelidade de Deus ao pobo), e tampouco no ter ou non prosperidade e descendencia nesta vida. A esperanza do verdadeiro crente non estriba nas cousas deste mundo, senón no Deus vivo. Por iso, os discípulos de Xesús están chamados a vivir como os fillos da resurrección, é dicir como os fillos da vida en Deus, como o Mestre e Señor, "como os que foron xerados non de semente corruptible, senón incorruptible, pola palabra viva e permanente de Deus" (1 Pe 1: 23).

sábado, 2 de noviembre de 2013

Lecturas

XXXI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


Primeira Lectura     Sab 11, 22 - 12, 2
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Tes misericordia de todos, porque amas todo canto existe
 
            Señor, o universo todo, de fronte túa, é coma un lixo na balanza
e coma pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra.
            E nembargante, compadecícheste de todo, pois todo o podes
e pasas por alto os pecados dos homes para que se convertan,
pois amas a todos os seres
e non rexeitas nada do que fixeches:
se algo che dese noxo, xa non o crearías.
            Como podería algo subsistir se ti non o queres
ou conservarse o que ti non chamas?
            Mais ti todo o perdoas porque todo é teu,
Señor, amigo da vida.
            Pois o teu sopro incorruptible mora en todas as cousas.
            Por iso corrixes pouco a pouco a aqueles que tropezan
e amoéstalos lembrándolles os seus erros
para que, deixando a maldade, crean en ti, Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/. (cf. 1): Meu Deus e rei, hei bendicir o teu nome por sempre.

Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir o teu nome por sempre.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.

O Señor é fiel en todas as súas palabras,
e santo en todas as súas obras.
O Señor sostén os que están para caer
e endereita os que se dobran.


Segunda Lectura     2 Tes 1, 11 - 2, 2
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
Sexa glorificado en vós o nome de Cristo, e vós nel


            Irmáns:
            Rogamos decote por vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que co seu poder faga realidade todo propósito de facer o ben e toda empresa de fe.
            Dese xeito vós daredes gloria ao noso Señor Xesús Cristo e el a vós, conforme a graza do noso Deus e do Señor Xesús Cristo.
            Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e do noso encontro con el, rogámosvos, irmáns, que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 3, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 19, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Veu o Fillo do home buscar e salvar o que estaba perdido

            Naquel tempo, chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha fig
ueira para velo, porque ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
            Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
            El, baixando de contado, acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
            Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
            Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor:
            Señor, darei a metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
            Entón Xesús dixo:
            Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abrahán. Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.


                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

Reflexión

  • PORQUE O SEÑOR NON ABORRECE NADA DO QUE FIXO: A primeira lectura que vimos de proclamar, tomada do Libro da Sabedoría, supón un sopro de aire fresco neste clima moitas veces cargado de negatividade e pesimismo da nosa Igrexa. Si, porque nos invita a ver o mundo con ollos de esperanza, con ollos positivos, con ollos de bondade. Neste mundo, que Deus crea e nós recreamos, non hai nada aborrecible. Unha vez máis: que lonxe está a Palabra das palabras de moitos dentro da nosa Igrexa que, hoxe como nunca, teiman na xerarquización, na obediencia cega sen cuestionar nada e na uniformidade que acaba converténdose en rutina. Si, cando a intransixencia e o fanatismo fan que se cuestione con lupa mesmo o que fai e di o Papa Francisco (feito inaudito dentro da Igrexa o de cuestionar ou matizar a todo un Papa), a Palabra, incansable, quere facernos caer na conta que Deus non é verdugo nin xuíz sanguinario, senón que segue a ser Pai-Nai que acubilla, acolle e perdoa. Por que entón a nós se nos enche a boca falando dun castigo de Deus, dun Deus que leva conta dos nosos erros e a quen lle temos que facer constantemente actos de desagravio?. Non será que nos predicamos a nós mesmos, mesquiños e ruíns, e proxectamos esa mesma imaxe de Deus por ser a que nos proporciona maiores dividendos e seguridades?. Ata cando, Señor, seguiremos vivindo amedrentando e humillando aos irmáns?.


  • SEXAMOS DIGNOS DA NOSA VOCACIÓN: Porque Deus nos quere, porque para El somos importantes, porque se ocupa e preocupa por nós, non podemos nin debemos fallarlle: El chámanos á felicidade, a realizarnos como persoas a través da nosa vocación cristiá no medio do mundo. E temos que facelo sen desesperar, cos pés pisando forte, sen caer na tentación de fuxir, de pechar os ollos ao que pasa, de querer desentenderse dos problemas e retos. Porque aí está o noso compromiso de fe. Que as dificultades non nos leven a caer na tentación de refuxiarnos nos “cuarteis de inverno” á calor dunha fe cómoda, cultual e amoldada aos nosos propios intereses.




  • E SEXAMOS PERSOAS ABERTAS, QUE DAN OPORTUNIDADES: E neste estar no mundo, non somos quen de ser xuíces dos demais. No marco dunha sociedade teocátrica coma a de Israel, invadida por unha nación estranxeira e obrigada a pagar pesadísimos impostos, a figura do “recadador” é o símbolo do renegado e mercenario ao servizo de Roma. Zaqueo era baixo de estatura, un ladrón, un proscrito. Con todo, quería ver quen era Xesús e El... reparou naquela persoa. Soubo ir máis alá dunha mirada superficial, soubo mirar cara dentro, soubo descubrir que aquel home berraba en silencio que lle desen unha nova oportunidade, soubo ler no seu corazón que aquela persoa quería e podía cambiar e entrar na dinámica do Reino. Porén, nós seguimos empeñados en que as persoas non poden cambiar, seguimos negándolle a oportunidade do cambio a quen nos fixo dano, seguimos sen saber descubrir que o Señor pasa cada día e que hai moitos irmáns que, subidos na figueira da dor, da incomprensión, da soidade, da marxinación, da pobreza... esperan o seu paso para aterrar e comezar unha nova vida. Seremos nós tan curtos de sentimentos, que non de estatura, como para negárllela?.