sábado, 6 de julio de 2013

Lecturas

XIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -  CICLO C



Primeira Lectura     Is 66, 10-14c
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Velaí mandarei sobre ela, coma choiva, a paz
 
            Alegrádevos con Xerusalén,
exultade por ela, todos os que a amades.
            Reloucade con ela de xúbilo
os que por ela levastes loito.
Mamaredes ao seu peito
e fartarédesvos das súas consolacións;
zugaredes con delicia
a riqueza do seu seo.
            Porque así fala o Señor:
            «Farei correr ata ela a fartura coma un río,
coma un río desbordado a riqueza das nacións.
            Collerán no brazo os seus meniños,
e aloumiñaranos sobre os xeonllos.
Coma unha nai que consola o seu fillo,
así eu vos consolarei;
en Xerusalén seredes consolados!
            Vós verédelo, e alegrarase o voso corazón,
e os vosos ósos florecerán coma un campo.
            A man do Señor daráselles a coñecer aos seus servos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20
R/.  (1):  Aclama a Deus, terra enteira.

Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as túas obras!

Próstrase a terra toda diante túa
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos entre os homes.

El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.

Vinde os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.


Segunda Lectura     Gal 6, 14-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Levo no meu corpo os sinais de Xesús
 
            Irmáns:
            A min Deus me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz do noso Señor Xesucristo, na que o mundo está crucificado para min coma eu para o mundo.
            Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar: o que importa é a nova creación.
            A paz e mais a misericordia virán sobre todos os que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus.
            De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús.
            Irmáns, que a graza do noso señor Xesús Cristo acompañe ao voso espírito. Amén.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Col 3, 15a. 16a
Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns,
que a palabra de Cristo habite de abondo en vós.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 10, 1-12. 17-20 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Descansará nela a vosa paz

            Naquel tempo, designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a todas as vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles:
            A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
            Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
            Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ao seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus".
            Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda.
Pero sabede que xa chega o Reino de Deus. Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis levadío para Sodoma do que para aquela vila.
            Entón volveron os setenta e dous moi contentos dicindo:
            Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
            El replicou:
            Eu vía a Satán caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan: alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 5 de julio de 2013

Comentario

Coma un río a rebordar, di o profeta Isaías, fará Deus crecer a paz entre nós. Este desexo/intención que con palabras e imaxes plenamente humanas utiliza o profeta quere ser unha constante na nosa conciencia e no noso xeito de actuar para que non esquezamos que sen paz non é posible non só vivir e entendernos, senón recoñecer a dignidade e a presenza de Deus nos demais. A paz, inda que o teñamos escoitado moitas veces, non é só unha meta a acadar, senón que ela mesma é xa o camiño polo que temos que ir.Por iso Isaías insiste en que quen queira ter a Deus como referente na súa vida ten que ser persoa de paz. Non alguén que cala, evita o conflito ou soporta a inxustiza que outros botan sobre ela. Non, iso non é ser pacíficos, senón mexericas. E Deus non quere mexericas, senón persoas que sexan conscientes da súa dignidade e, desde ela, non transixan nunca diante dos que queren tripala, mangoneala ou usurpala no nome de non sei que autoridade ou lei. A paz non é algo heterónomo que nos vén de fóra; non, a paz é tarefa que nace desde nós e se vai desenvolvendo no día a día da nosa vida e das nosas relacións. De aí a importancia de non confundir a paz co quietismo que nada fai e todo o soporta. Ela é tarefa continua e meta a acadar. Sen estas dúas referencias, nunca poderemos responder á chamada que Deus nos fai de ser persoas de paz, que non resignadas.
É este esforzo continuo o que nos ten que levar a aclamar ao Señor, non como xuíz do noso sometemento e resignación, senón como aquel que está acompañando este camiño que percorremos, e que non sempre é doado, no que imos desenvolvendo actitudes e comportamentos de paz, pacíficos. Esas son tamén as marcas –pegadas– de Xesús das que fala Paulo na carta aos gálatas. E só se poden levar no corpo as pegadas de Xesús, se facemos da nosa vida a resposta, non exenta de riscos e dificultades, a poñer en práctica e en valor canto El nos foi legando co seu xeito de facer e dicir e que os seus seguidores da primeira hora recolleron e logo puxeron por escrito no que hoxe chamamos o Novo Testamento. Aí e desde aí, é como coñecemos que entende el, e que quere de nós, cando nos invita; mellor, nos urxe, a ser homes e mulleres de paz e testemuñas no medio do mundo no que estamos e vivimos. A paz non é entón unicamente a ausencia de guerra –hai situacións moi violentas nas que non soan nin bombas nin tiros– senón unha actitude, un xeito de comprender e realizar as cousas nas que nos vemos implicados cada día. Tampouco é calar, como diciamos antes, e aguantar no nome dun falso respecto a alguén superior e con poder, nin tampouco a fidelidade a unha promesa feita e que outros incumpriron. Non, a paz é unha tarefa sempre activa de facer que o esplendor que mostra o que cada un de nós sexamos imaxe e semellanza Del, agrome en cada momento e situación no que fagamos e na maneira de facelo. Nunca, nin no nome de Deus nin no nome de ningunha lei, poderá haber paz sen respecto das persoas!
Por iso insiste tanto Xesús, porque tal e como acabamos de escoitar no Evanxeo a tarefa é moita, e os xornaleiros poucos. Pero se os xornaleiros –nós- tomamos en serio a tarefa, si que poderemos facer moito traballo a través do que vaiamos espallando o recendo da paz que Deus en Xesús nos ofrece e urxe a desenvolver. Esta tarefa aprémanos, e non podemos deixala para outra hora. O seu envío é urxencia por estar presentes, como evanxelizadores, en todos e cada un dos recunchos nos que esteamos os seres humanos. Sen rexeitar ningún, e facéndoo sempre como resposta a este mandato/envío de Xesús. En tódolos ámbitos da vida humana temos que estar presentes os seguidores de Xesús, para que, co noso traballo a prol da paz e da xustiza, nos convertamos en sementadores e construtores do seu Reino. Desde o mundo da economía, a política, o sindicalismo,a cultura a ciencia...  Porque non ter estado, ou ter esquecido que debemos estar para sementar os valores do Evanxeo, foi o que nos trouxo esta crise que estamos a vivir. Crise que non é unicamente de cartos, senón moito máis fonda e grave: crise de humanidade, por ter esquecido que a persoa está por riba do material, do que dá rendemento e do que é útil. Esquecelo convértenos en simples medios para conseguir fins que poden dar prestixio, pero que se esquecen da dignidade, o respecto; nunha palabra, que se esquecen das persoas.
Remol

domingo, 30 de junio de 2013

LECTURAS

XIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

  
Primeira Lectura     1 Re 19, 16b. 19-21
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Ergueuse Eliseo e marchou seguindo a Elías

     Naqueles días, o Señor díxolle a Elías:
     Unxe por profeta, teu sucesor, a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah.
     Elías marchou de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que estaba labrando con doce xuntas de bois e levaba el mesmo a derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto. Eliseo deixou ao momento os bois e foi correndo atrás de Elías, e díxolle:
     Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo.
     El respondeulle:
     Vai, pero volve, pois xa ves o que fixen contigo.
     Cando estivo de volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de labrar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois ergueuse, marchou seguindo a Elías e quedou ao seu servizo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (cf. 5a): Ti es, Señor, a miña herdade.

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.

Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.



Segunda Lectura     Gal 5, 1. 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Fostes chamados á liberdade

                    Irmáns:
                    Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo. Estádeme, logo, ben firmes nel! Que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!
                    A vós chamáronvos á liberdade. Pero coidadiño con servir aos baixos instintos co gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor.
                    Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Pero, se vos adentades e devorades, levade tento de non acabardes uns cos outros.
                    Quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e que non satisfagades os degoros da concupiscencia.
                    Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito contra os baixos instintos: opóñense de tal xeito entre eles, que non facedes o que de verdade queredes. Mais, se vos guiades polo Espírito, daquela xa non estades baixo a Lei.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA 1 Sam 3, 9; Xn 6, 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Fala, Señor, que o teu servo escoita;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.


Evanxeo      Lc 9, 51-62
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Decidiu en firme ir a Xerusalén. Seguireite a onde vaias.
                    Naquel tempo, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
  Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.

Polo camiño, díxolle un:
  Seguireite, vaias onde vaias.
Respondeulle Xesús:
  As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
Díxolle a outro:
  Sígueme.
Pero el contestoulle:
  Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle:
  Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.
Outro díxolle tamén:
  Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
Contestoulle:
  - Quen despois de pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para ao Reino de Deus.


                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

sábado, 29 de junio de 2013

Comentario

Eliseo e máis Elías sabían que a presenza de Deus estaba con eles, por iso, a pesares das dificultades, as dúbidas e os temores que lles acaían, non renunciaban. Sabíanse acompañados, o que os motivaba para seguir poñendo paz, esperanza e xustiza, desde a súa palabra, na vida do pobo. Deus era a súa forza, o motivo para non deixarse ir; a enerxía que non lles permitía estar calados diante do que estaba a ocorrer. Tamén nós hoxe somos invitados a actuar coma Elías e mais Eliseo: sen medo, sen sentirmos vergoña, con ganas e ilusión, para que a tristura, o desencanto, a desesperanza e a sensación de fracaso non aniñen na nosa vida nin na dos que están ao noso lado. E iso todos somos conscientes de que non é nada doado, porque por moito que nos esforcemos, a presión, cando todo se derruba ou parece derrubarse, é moita e moi grande. A fe non nos chama, nestas situacións a resignarnos; tampouco nos dá un programa político ou económico; ela, por si mesma, non resolve problemas. Non é o seu cometido. Pero si podemos ir descubrindo desde a mensaxe na que asentamos a nosa fe a imaxe dun Deus que non se deixa ir, que non cae na resignación, que non xustifica a realidade como se non houbera nada máis que facer. A fe, logo, ofrécenos un Deus que coa súa presenza ao noso lado vainos dando azos para loitar, para non quedar calados, para movernos, para gritar e actuar contra todo canto queira converter á persoa nunha realidade invisible coa que podemos xogar e á que podemos utilizar segundo o interese dos poderosos. Este é o gran milagre de Deus: dános confianza e empúrranos a poñer en práctica todos os valores e actitudes que ao longo dos textos da súa palabra nos foi deixando. Iso podemos velo hoxe claramente nas actitudes tanto de Eliseo como de Elías: souberon escoitar a voz de Deus e puxéronse en camiño. Que tamén nós, entre o barullo deste mundo cheo de cousas tan efémeras, aprendamos a descubrir a voz permanente de Deus que nunca cansa e sempre acompaña...o que non quita que teñamos que ser nós os que tomemos as decisións e asumamos as consecuencias da nosa liberdade e das nosas limitacións.

 Unha liberdade desde a que Paulo lles fala a aquel grupo de cristiáns de Galacia. En Cristo fomos salvados, pero tamén nel tod@s nós fomos liberados de calquera escravitude. Xa nada é máis forte ca nós. Agora que, especialmente no ámbito do deporte, utilizamos expresión “podemos”, para poñer de manifesto que en nós, nas nosas mans, está a capacidade para conseguir logros e metas; tamén podemos aplicalo a calquera ámbito da nosa vida para manifestar que a liberación que desde Cristo se realizou en nós, convértenos sempre en capaces. Xa non é o destino o que marca o noso camiño, senón nós mesmos, coa capacidade que temos de tomar unha ou outra decisión, de orientar a vida cara a un horizonte ou outro. Isto que Paulo lle lembra aos Gálatas vale tamén para nós. Non podemos permitir que outros, os que máis poden, mandan ou saben, decidan por nós, reducíndonos a simples peóns que moven ao seu gusto. Un cristián non acepta este xeito de actuar, porque desde Cristo somos invitados a ser os protagonistas da nosa propia historia, sen deixar que ninguén a secuestre e acabe contándoa ou vivíndoa, por nós. E para unha persoa libre, o amor ten que ser o seu guieiro, como o foi para Xesús; o que significa que non é misión nin tarefa nosa comernos uns aos outros a dentadas, senón deixarnos guiar pola forza do Espírito que sempre nos chama a un vivir humano e humanizador, sen componendas que enganen e escravicen aos demais ou a nós mesmos.


De aí que, como decidiu Xesús, tamén nós temos que ir baixando das torres persoais que nos incomunican e nos fan crer mellores cos outros, para tamén poñernos en camiño e ir á Xerusalén; asumir a incomprensión, o desprezo ou o abandono, pero sen renunciar ao obxectivo que nos marca o ser seguidores de Xesús: camiñar construíndo e testemuñando o ben diante do mal. Seguilo non é doado. Supón non acomodarse, superar a preguiza, non deixarse levar dos apoios que poidamos ter. Seguir a Xesús ha facer que moitas veces nos sintamos esquecidos por aqueles amigos que se achegaban buscando e seguindo os seus intereses; pero estaremos cheos dos amigos que buscan e recoñecen a presenza e a dignidade de Deus nos irmáns. Por iso a fe non é unha emoción efémera, senón un compromiso esixente. Unha esixencia que moitas veces pode acabar deixándonos solos... inda que cheos da ledicia e da esperanza de quen sente consigo a Xesús ao facer as cousas ben.

Solemnidade de San Pedro e San Paulo

O día de hoxe é para nós sagrado, porque nel celebramos o martirio dos santos apóstolos Pedro e Pablo. Non nos referimos, certamente, a uns mártires descoñecidos. A toda a terra alcanza o seu pregón e ata os límites do orbe a súa linguaxe. Estes mártires, na súa predicación, daban testemuño do que viran e, cun desinterese absoluto, deron a coñecer a verdade ata morrer por ela.

San Pedro, o primeiro dos apóstolos, que amaba ardentemente a Cristo, e que chegou a oír del estas palabras: E eu dígoche que ti es Pedro. El dixera antes: Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo. E Cristo replicoulle: «E eu dígoche que ti es Pedro, e sobre esta pedra edificarei a miña Igrexa. Sobre esta pedra edificarei esta mesma fe que profesas. Sobre esta afirmación que ti fixeches: Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo, edificarei a miña Igrexa. Porque ti es Pedro.» «Pedro» é unha palabra que se deriva de «pedra», e non ao revés. «Pedro» vén de «pedra», do mesmo modo que «cristián» vén de «Cristo».
O Señor Xesús, antes da súa paixón, como sabedes, elixiu os seus discípulos, aos que deu o nome de apóstolos. Entre eles, Pedro foi o único que representou a totalidade da Igrexa case en todas as partes. Por iso, en canto que el só representaba na súa persoa á totalidade da Igrexa, puido escoitar estas palabras: Eu dareiche as chaves do reino dos ceos. Porque estas chaves as recibiu non un home único, senón a Igrexa única. De aí a excelencia da persoa de Pedro, en canto que el representaba a universalidade e a unidade da Igrexa, cando se lle dixo: Eu entrégote, tratándose de algo que foi entregado a todos. Pois, para que saibades que a Igrexa recibiu as chaves do reino dos ceos, escoitade o que o Señor di noutro lugar a todos os seus apóstolos: Recibide o Espírito Santo. E a continuación: Quedan perdoados os pecados aos que os perdoedes; quedan retidos aos que os reteñades.

Neste mesmo sentido, o Señor, despois da súa resurrección, encomendou tamén a Pedro as súas ovellas para que as apacentase. Non é que el fose o único dos discípulos que tivera o encargo de apacentar as ovellas do Señor; é que Cristo, polo feito de referirse a un só, quixo significar con iso a unidade da Igrexa; e, se se dirixe a Pedro con preferencia aos demais, é porque Pedro é o primeiro entre os apóstolos.

Non che entristezas, apóstolo; responde unha vez, responde dous, responde tres. Venza por tres veces a túa profesión de amor, xa que por tres veces o temor venceu a túa presunción. Tres veces ha de ser desatado o que por tres veces ligaras. Desata polo amor o que ligaras polo temor.

A pesar da súa debilidade, por primeira, por segunda e por terceira vez encomendou o Señor as súas ovellas a Pedro.


Nun só día celebramos o martirio dos dous apóstolos. É que ambos os dous eran en realidade unha soa cousa, aínda que fosen martirizados en días diversos. Primeiro foino Pedro, logo Pablo. Celebramos a festa do día de hoxe, sagrado para nós, polo sangue dos apóstolos. Procuremos imitar a súa fe, a súa vida, os seus traballos, os seus sufrimentos, o seu testemuño e a súa doutrina.

domingo, 23 de junio de 2013

Lecturas


Primeira Lectura      Zac 12, 10-11; 13, 1
LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS
Mirarán a quen crucificaron (Xn 19, 37)

            Así fala Señor:
            Estenderei sobre a casa de David e sobre os habitantes de Xerusalén un espírito de graza e de súplica: mirarán atentamente ao meu Poderoso, a quen traspasaron.
            Farán lamentación por el, coma a lamentación diante do único Deus, e chorarán amargamente por el, coma o amargarse por un primoxénito.
            No día aquel será grande a lamentación en Xerusalén coma a lamentación de Hadad-Rimón no val de Meguido.
            No día aquel haberá unha fonte de auga corrente para a casa de David e para os habitantes de Xerusalén, por mor do pecado e da inmundicia.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 62, 2abcd. 2e-4. 5-6. 8-9
R/.  (2b):  De ti ten sede a miña alma, Señor, meu Deus.

Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma,
por ti devece o meu corpo,
coma terra reseca, sedenta, sen auga.

Miro cara a ti no santuario,
para ver o teu poder e a túa gloria.
A túa misericordia é preciosa máis cá vida,
lóante os meus labios.

Toda a miña vida hei bendicirte
levantando no teu nome as miñas mans.
Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,
han loarte xubilosos os meus labios.

Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
A miña alma está unida a ti,
abrigoume a túa destra.


Segunda Lectura     Gal 3, 26-29
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Os que fostes bautizados, revestístesvos de Cristo

            Irmáns:
            Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, porque aos que vos bautizaron en Cristo, revestíronvos de Cristo.
            E acabouse todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, pois sodes coma un só en Cristo Xesús.
            Vós, pola vosa condición de cristiáns, sodes a “descendencia” de Abrahán, herdeiros conforme a promesa.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo    Lc 9, 18-24
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Ti es o Unxido de Deus. É necesario que o Fillo do Home padeza moito

            Unha vez que estaba Xesús en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles:
            Quen di a xente que son eu?
            Eles responderon:
            Uns, que Xoán
Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado.
            Insistiu:
            E vós quen dicides que son eu?
            Respondeu Simón Pedro:
            O Mesías de Deus.
            Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén. E engadiu:
             Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ao terceiro día resucite.
            Despois dirixiuse a todos:
-          Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

sábado, 15 de junio de 2013

Reflexión

Cando falamos de Deus, temos que ter sempre en conta dúas palabras que son as que mellor expresan e mostran o que queremos dicir: amor e perdón. Si, porque Deus é amor. Amor que acolle, acompaña, aloumiña, escoita, alenta e se preocupa... Nada que ver co concepto de amor ao que tantas veces nos referimos hoxe. Deus non se identifica coa paixón física, senón que o seu amor di referencia sempre a termar e preocuparse pola persoa. El é quen, desde e por amor, envía o seu Fillo para que a plenitude deste amor se converta en entrega xenerosa de coherencia e doazón. Por iso a cruz, para nós, cristiáns, e para os que sen selo queiran comprender o seu significado, non é un espectáculo de morte e fracaso, senón entrega e triunfo; é resurrección e mais vida. Desde estas claves é desde onde temos que entender que queremos dicir ao empregar a expresión “Deus é amor“.

Unha segunda palabra que nos axuda a entender e identificar a Deus como presenza na nosa vida é a de perdón. E cando dicimos perdón, buscamos expresar unha actitude de achegamento ao irmán, a capacidade e o esforzo de non deixar que a xenreira, o odio ou as ansias de vinganza aniñen no corazón. Como somos humanos, moitas veces nin o entendemos nin somos capaces de deixar atrás eses episodios, esas situacións nas que nos sentimos feridos polo que nos fixo alguén. Porén, Deus non actúa así. Porque é amor, o perdón é a actitude que pon de manifesto que, para El, o rancor non é camiño que renove e humanice á persoa, senón que o camiño pasa por dar novas oportu
nidades; El non mira nunca para o atrás da nosa vida, para o que xa pasou, senón que nos abre camiños de futuro e esperanza. Por iso a misericordia e o perdón se van abrindo paso sempre no actuar do seu Fillo.

 Unha misericordia e un perdón que hoxe se poñen de manifesto na acollida de Xesús a aquela muller pecadora, reparando non no seu pecado, senón na súa capacidade para cambiar e recuperar a súa dignidade. Así de simple, pero tamén así de complicado e difícil. Cantos de nós seriamos capaces de achegarnos aos marxinados, aos parias, aos máis miserentos das nosas parroquias, dos nosos barrios, das nosas vilas… sen medo ao que os demais poidan opinar? Cantas veces calamos por medo diante de verdadeiros escándalos para non sermos sinalados co dedo? Quen non tragou sapos e aguantou inxustizas por manter o cu no asento, o carguiño, o prestixio, o poder? E a cousa é infinitamente peor se, coma no caso que nos ocupa hoxe, hai unha muller polo medio. Cando aínda escoitamos dos nosos curas frases do tipo “agarrádevos ao altar, que o ambón xa o colleron elas”, cando co gallo dunha misa solemne se dá a consigna de que non lean elas, para que non haxa mulleres no presbiterio; cando determinadas teimas do tipo “non é bo que as mulleres falen cos curas, diáconos, bispos ou seminaristas, non vaia ser que perdan a vocación”, cando a tantas persoas valiosísimas se lles nega o acceso a postos de responsabilidade na Igrexa polo simple feito de ter nado mulleres, cando á voz delas lle esiximos un “plus” para ser escoitada, cando falar de mulleres e falar de pecado son termos sinónimos... e que algo, realmente escandaloso e enfermizo, está a pasar dentro da nosa Igrexa.


Que a misericordia de Deus aniñe en nós cada día para poder ir tecendo, alí onde esteamos, cobertores de solidariedade, amor e misericordia que poñan sempre de manifesto que somos dignos seguidores do Mestre; quen non condenaba, senón que perdoaba e acollía... tamén ás mulleres, porque non facía distincións.

Lecturas



                                     XI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


  
Primeira Lectura     2 Sam 12, 7-10. 13
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL
Deus non tivo en conta o teu pecado: non morrerás

            Naqueles días, Natán díxolle a David:
            "Ti es ese home.
            E isto di o Señor, Deus de Israel:
            Eu unxinte por rei de Israel
e libreite das mans de Saúl.
            Entregueiche a casa do teu señor
e puxen as súas mulleres nos teus brazos.
            Fíxente dono de Israel e de Xudá
e, por se fose pouco,
deiche aínda outras cousas.
            Por que, logo, desprezar a palabra do Señor,
facendo o que el reproba?
            Mataches coa espada a Urías, o hitita,
para casares coa súa muller.
            Matáchelo coa espada dos amonitas.
Agora a espada non se afastará da túa casa.
            Visto que ti me desprezaches,
tomando para ti a muller de Urías, o hitita.
            David díxolle a Natán:
            "Pequei contra o Señor!"
            E Natán díxolle:
            "O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 31, 1-2. 5. 7. 11
R/. (cf. 5c): Perdoa, Señor, a culpa do meu pecado.

Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,
a quen lle foi enterrado o seu pecado.
Ditoso aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o delito,
o que non leva fraude no seu espírito.

Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
Dixen: "Vou confesar a miña culpa ao Señor",
e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.

Ti es o meu amparo: gárdasme dos perigos
e cínguesme co gozo do rescate.

Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.



Segunda Lectura     Gal 2, 16.19-21
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Vivo, xa non eu; vive en min Cristo
 
            Irmáns:
            Como sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo, chegámonos tamén nós a crer en Cristo Xesús, para sermos xustificados pola fe en Cristo e non polas obras da Lei, porque polas obras da Lei non se vai xustificar ninguén.
            Porque precisamente pola Lei morrín á Lei, a fin de vivir para Deus. Fiquei crucificado con Cristo e vivo: mais xa non vivo eu; é Cristo quen vive dentro de min.
            E aínda que agora vivo unha vida mortal, vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min.
            Eu non boto a perder a graza de Deus. Pero, iso si, se a xustificación nos viñese da Lei, Cristo tería morto para nada.

                                 Palabra do Señor                            R/. Grazas a Deus


ALELUIA     1 Xn 4, 10b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus amounos e mandou o seu Fillo
para que expiase os nosos pecados.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 7, 36 -- 8, 3 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Perdoáronselle moitos pecados porque amou moito
 
            Naquel tempo, un fariseo convidou a comer a Xesús; e Xesús entrou na casa del e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.
            Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo p
ara si:
            Se este fose un profeta coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
            Xesús tomou a palabra e díxolle:
            Simón, teño algo que che dicir.
            El contestou:
            Pois dío, Mestre.
            Un prestamista tiña dous debedores; un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles aos dous. Ora, quen deles o amará máis?
            Respondeulle Simón:
            Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.
            El contestou:
            Ben dito.
            E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
            Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
            E díxolle a ela:
            Os teus pecados están perdoados.
            Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:
            Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
            Pero el díxolle á muller:
             Salvoute a túa fe, vai en paz.
            Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Madalena, curada de sete demos, Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

domingo, 9 de junio de 2013

Comentario

Nunha sociedade lastrada polo materialismo que todo o anega, resulta difícil entender e interiorizar a linguaxe da fe. Nenos, mozos e maiores, coidando que xa o saben todo, ao falar do relixioso adoptan unha actitude de desprezo, cando non de superioridade. Non vende, non está de moda, non dá beneficios, non produce ganancias, non... Estamos tan convencidos de que isto ten que ser así, que non contemplamos xa outras perspectivas, visións e formas de darlle sentido á nosa existencia. Consecuencia: cando se veñen abaixo as agarradoiras do materialismo, é dicir, a utilidade, o pragmatismo, a rendibilidade ou o éxito, non queda máis que o baleiro, e como consecuencia a nada, o nihilismo máis absoluto, o que nos trae actitudes como o derrotismo e a desesperanza, un deixarse ir ata que todo acabe, porque non hai nada máis. Este xeito de pensar e vivir invadiu tamén a moitos dos cristiáns. Algúns, como nada podía xa alentalos e o seu vivir a fe era puro ritualismo sociolóxico, optaron polo abandono silencioso da Igrexa, pola chamada apostasía silenciosa, sen facer moito barullo e sen chamar a atención…simplemente fóronse. Outros, inda que non se foron, móvense nunha fe pura e simplemente de costumes: o enterro, a festa, a Franqueira... pero sen nada que os motive e os achegue a unha experiencia persoal de Deus que se identifica coa persoa de Xesús. Poderiamos preguntarnos, os que seguimos vindo ás celebracións, os que seguimos pensando que Deus, o Deus de Xesús, sigue ocupando un lugar amplo na nosa vida, que parte de culpa temos por non ter sido capaces de ser testemuñas, de transmitir a alegría de crer, o gozo dunha palabra que nos pide comprometernos en cambiar o mundo, por facer dos corazóns, non estatuas de pedra, senón latexo quente que se aleda e se une ás causas nas que a defensa das persoas, e dentro destas as máis pobres e excluídas, son o motor, o obxectivo e a razón de ser do actuar de cada día. Como fixo e nos ten invitado a facer Xesús.
O seu érguete é un érguete dirixido a cada un de nós para que non caiamos nesta desidia que non só produce baleiro, senón que nos vai quitando horizontes, perspectivas e esperanzas. Outro mundo será posible, se posible é tamén o cambio na nosa actitude, no noso xeito de vivir, na nosa maneira de acoller, coñecer e movernos desde o seguimento da súa persoa. Non cremos en algo abstracto e difuso, senón nunha persoa: Xesús de Nazaré, Fillo de Deus e home que deu un profundo e agarimoso testemuño de amor; e que no final da súa estadía entre nós díxolle a aqueles que o seguían: non quededes mirando para o ceo. Ide e anunciade.
 Dínolo a nós tamén: a min, a vós; aos que hoxe estamos aquí, tamén a cantos a través de nós recibirán esta mensaxe. Poñámonos a andar, rompamos co baleiro, deixemos atrás a nostalxia doutros tempos. A fe non é vivir do pasado, senón actuar, aquí e agora, cos métodos, maneiras e modos de hoxe. Ergámonos e vaiamos, deixemos de mirar para outro lado!

LECTURAS

DOMINGO X  DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     1 Re 17, 17-24
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Velaí que o teu fillo vive

            Naqueles días, adoeceu o fillo da muller, dona da casa. A doenza foi tan grave, que o neno deixou de alentar. A muller díxolle a Elías:
             "Que temos que ver un con outro, home de Deus? Viñeches á miña casa para lembrarme os meus pecados e para matarme o fillo?"
            Respondeulle Elías:
            "Dáme aquí o teu fillo".
            E coa mesma, colleullo do colo, su­biuno ao cuarto onde el durmía e deitouno na cama. E rezoulle ao Señor, dicindo:
             "Señor, meu Deus, tamén vas visitar coa desgraza a esta viúva coa que vivo, facen­do que morra seu fillo?"
            Logo tendeuse riba do neno por tres veces, chamando ao Señor:
             "Señor, meu Deus, fai que o alento de vida deste neno entre nel outra vez".
            O Señor escoitou a oración de Elías, e o neno comezou a alentar e reviviu. Elías colleu o neno, baixouno do seu cuarto e deullo á nai, dicindo:
            "Aí tes o teu fillo vi­vo".
            A muller díxolle a Elías:
            "Agora acabo de ver que ti es un home de Deus, e que a palabra do Señor está de verdade na túa boca".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e13b
R/.  (2a):  Eu lóote, Señor, porque me libraches.

Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
Sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.

Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.



Segunda Lectura     Gal 1, 11-19
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Reveloume o seu Fillo, para que volo predicase aos xentís

            Fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu prediquei non é cousa de homes, xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo.
            Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en perseguir a Igrexa de Deus; e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, como fanático seguidor das tradicións dos meus devanceiros.
            Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza, lle prougo revelarme o seu Fillo, para que o predicase aos non xudeus, eu de contadiño, sen lle pedir consellos á carne nin ao sangue, sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que me precederan como apóstolos , retireime a Arabia, e volvín de novo a Damasco.
            De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días. E non vin a ningún outro apóstolo, fóra de Santiago, o parente do Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

ALELUIA     Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 7, 11-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Rapaz, falo contigo: érguete!

            Naquel tempo, Xesús foi a unha vila chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila. ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
            Non chores.
            E achegándose, tocou os que o levaban pararon , e el mandou:
o cadaleito
            Rapaz, falo contigo: érguete!
            O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai. Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo:
            Un gran profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
            E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.



                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 31 de mayo de 2013

LECTURAS

SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO  -  CICLO C
  
Primeira Lectura     Xén 14, 18-20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Ofreceu pan e viño
 
     Naqueles días, Melquisédec, rei de Salem, presentou pan e viño, pois era sacerdote do Deus Altísimo, e bendiciu a Abrán con estas palabras:
     Bendito sexa Abrán polo Deus Altísimo, que fixo ceo e terra. Bendito sexa o Deus Altísimo, que puxo os teus inimigos na túa man.
     Abrán deulle a Melquisédec o décimo de todo.


                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

  
SALMO RESPONSORIAL     Sal 109, 1. 2. 3. 4
 R/.  (4bc):  Ti es sacerdote para sempre conforme ao rito de Melquisédec.

Palabra do Señor ao meu Señor:
Senta á miña dereita,
mentres poño os teus inimigos
por estrado dos teus pés.

O Señor estenderá desde Sión
o cetro do poder:
domina nos teus inimigos.

Ti es príncipe desde o día do teu nacemento,
tes aura sagrada desde o seo;
xereite coma orballo antes da aurora.

O Señor xurouno, e non se arrepinte:
Ti es sacerdote para sempre
conforme ao rito de Melquisédec.



Segunda Lectura     1 Cor 11, 23-26
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Cantas veces comedes e bebedes, anunciades a morte do Señor
 
            Irmáns:
            Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo:
            "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo:
            "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña".
            Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes desta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus




SECUENCIA,  AD LIBITUM
Lauda, Sion, Salvatorem
ou, máis breve:  Ecce panis

  
Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.

Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.

A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.

Ós doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.

Ampla e sonora cantiga:
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.

Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.

Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.

O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.


Cristo mándanos facer
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.

Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.

Dogma para o pobo cristián:
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.

A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.

Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.

Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.

Quen o come, toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.

Come un e comen mil,
tanto este coma aquil,
e non se dá consumido.

Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen:
lance de vida ou de morte.

Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.

Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.

Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.


Ou, máis breve:  Ecce panis


O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.






ALELUIA     Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que descendín do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá eternamente.
Aleluia.




Evanxeo    
Lc 9, 11b-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Comeron e saciáronse todos

            Naquel tempo, faláballe Xesús á xente do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:
            Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.
            Pero el replicoulles:
            Dádelles vós de comer.
            Eles contestaron:
            Pero se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.
            Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles aos seus discípulos:
            Colocádeos en grupos de cincuenta.
            Dixéronllelo, e sentaron todos. El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.


 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo