viernes, 20 de julio de 2012

Comentario


     Xesús vivíao todo desde a compaixón. Era o seu xeito de ser, a súa primeira reacción diante das persoas. Nunca lle estorbaba ninguén. Non sabía mirar con indiferenza, que é a peor das miradas. Non soportaba ver ás persoas sufrir, era algo superior ás súas forzas. Pero a Xesús non o conmoven só as persoas concretas que atopa no seu camiño (enfermos que o buscan, indesexables que se lle achegan, nenos a quen ninguén abraza...), senón que tamén sente compaixón pola multitude de xente que vive desorientada e non ten quen a guíe e alimente. Un día teremos que revisar diante del como miramos e tratamos a esa multitude de xente que marcha silenciosamente da igrexa; ás persoas sinxelas e boas que estamos decepcionando porque non atopan en nós a compaixón de Xesús; crentes que non saben a quen acudir nin que camiño seguir para atoparse cun Deus máis humano; cristiáns e cristiás que calan porque están convencidos de que a súa palabra non será tida en conta por ninguén “importante” na Igrexa.... Pero se nós nos empeñamos, un día o rostro desta Igrexa mudará: aprenderá a actuar con máis compaixón, esquecerase dos seus discursos e poñerase a escoitar o sufrimento da xente. Xesús ten forza para transformar os nosos corazóns e para renovar as nosas comunidades. Só fai falla que nolo creamos e volvamos a El.

LECTURAS



  DOMINGO XVI DO TEMPO ORDINARIO CICLO B



Primeira Lectura    Xer 23, 1-6
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Congregarei o resto do meu rabaño e suscitarei pastores para eles

            Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño
e que o espantan do meu pasteiro! é o Señor quen fala .
            Por isto, así lles fala o Señor, Deus de Israel,
ós pastores que apacentan o meu pobo:
            Vós espantades as miñas ovellas,
escorrentádelas e non coidades delas;
ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos
é o Señor quen fala .
            Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,
traéndoos de todos os países a onde as esparexín,
e fareinas volver aos seus pasteiros,
onde criarán e se multiplicarán.
            Para elas constituirei pastores que as apacenten,
de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,
nin se perda ningunha é o Señor quen fala .
            Ollade que chegan os días é o Señor quen fala
en que farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
será rei de verdade e comportarase con prudencia,
administrará o dereito e a xustiza no país.
            Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,
e Israel vivirá en paz.
            O título que se lle dará será este: "O Señor é a nosa xustiza".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/.  (1):  O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     Ef 2, 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
El é a nosa paz, quen dos dous fixo un

            Irmáns:
            Os que antes estabades lonxe, agora grazas a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira a inimizade , e abolindo na súa carne aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade.
            El veu e anunciou a paz: paz para vós os de lonxe , e paz para os que estaban cerca: porque por el temos uns e outros acceso ao Pai, nun mesmo Espírito.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 6, 30-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Eran coma ovellas sen pastor
 
            Naquel tempo, os apóstolos volveron reunirse con Xesús e contáronlle canto fixeran e ensinaran.
            El díxolles: "Vinde, vós sós, á parte, a un lugar arredado, e descansade un pouco"; porque eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo. Entón marcharon na barca, á parte, a un lugar arredado.
            Pero víronos marchar e déronse conta moitos, e desde todas as aldeas foron andando para alí, e chegaron primeiro ca eles.
            Cando desembarcou, Xesús atopouse cunha gran multitude e sentiu compaixón por eles, porque eran coma ovellas sen pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Oración á Virxe do Carme

sábado, 14 de julio de 2012

Lectio


Despois da chamada (no texto "institución") dos doce (Mc 3, 13-19) Xesús ensina e fai curacións, coma se lles estivese a dar clases. Agora chega a hora do seu primeiro exercicio público: deben facer unha primeira experiencia de anuncio. Van de dous en dous entre as xentes, cunha misión que, en Marcos aparece bastante reducida: un anuncio xenérico de conversión e varios tipos de prodixios contra o mal. Xesús non se deixa intimidar polo rexeitamento violento dos seus en Nazaret, narrado por Marcos a continuación: Mc 6,1-6. Non renuncia á súa misión, porque non son os nosos modos obtusos os que poden bloqueala.
Os outros dous Sinópticos (Mt 10, 1-42; Lc 9, 1-10) narran con maior precisión a misión e os desafíos que encontrarán. De todos os xeitos, é importante ver que a misión nace por un mandato de Xesús e despois de aprender de Él o modo como han de realizala e os temas. O número "doce" - tan citado en referencia á fundación da primeira comunidade e nos esplendores da Apocalipse - significa a continuidade, pero tamén a superación da economía salvífica precedente. O envío de "dous en dous", segundo a mentalidade xudaica, é porque esta soamente admite o testemuño dado por unha "comunidade" (polo menos mínima) e non dun só.

LECTURAS


XV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B

Primeira Lectura     Am 7, 12-15
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Vaite como profeta ao meu pobo

            Naquel tempo, díxolle Amasías (sacerdote de Bethel) a Amós:

            - "Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;
come alí o teu pan, fai alí de profeta,
mais en Betel non volvas profetizar
pois é santuario real, é templo nacional".

            Respondeu Amós e díxolle a Amasías:

            - "Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,
xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,
mais foi o Señor quen me colleu de trala grea
e foi o Señor quen me dixo:
vai profetizar ao meu pobo Israel.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/.  (8):  Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura      Ef 1, 3-14 (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Nel elixiunos antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel, no seu sangue, alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza, que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.
            Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.
            Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo
ilumine os ollos do noso corazón
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 6, 7-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Empezou a mandalos

            Naquel tempo, chamou Xesús os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.
            Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
            Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
            Marcharon, e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 6 de julio de 2012

ORACIÓN




Xesús, mestre bo, queremos seguir os teus pasos.
Dános o teu Espírito, para aprender a vivir coma discípulos.
Danos paciencia,
respecto polos tempos dos outros,
amor que saiba esperar e acompañar.
Ensínanos, Señor,
a poñernos no lugar do outro,
a ser tolerantes,
a vivir na apertura de corazón e de mentalidade.
Acende en nós a luz do entendemento,
acrecenta a nosa empatía polos demais,
ensínanos a camiñar xunto cos outros.
Danos o teu Espírito, Xesús,
para aprender a vivir na comprensión.
Axúdanos a ser simples, a pasar facendo o ben.
Queremos ser sinxelos, abertos, amables, dispostos.
Danos forzas para pensar nos demais,
para preocuparnos e ocuparnos dos outros.
Para pensar primeiro nos irmáns,
para ofrecer e dar con alegría e xenerosidade
Danos o teu Espírito, Xesús,
para aprender a vivir na bondade.

Lecturas

XIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B

Primeira Lectura     Ez 2, 2-5
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Son casa rebelde e han saber de certo que hai un profeta no medio deles.

            Naqueles días, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que estaba a falar.
            Díxome:
            Fillo de Adán, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se reviraron contra min eles e mailos seus pais , que pecaron contra min ata o mesmo día de hoxe.
            Estes fillos, que duros son de cara! Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor".
            Deste xeito, eles escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde han saber de certo que hai un profeta no medio deles.

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 122, 1-2a. 2bcd. 3-4
R/.  (2cd):  Os nosos ollos están postos no Señor ata que El se apiade de nós.

Cara a ti alzo os meus ollos,
cara a ti que moras no ceo.
Coma os ollos do servo
fitan as mans do seu señor.

Coma os ollos da serva
fitan as mans da súa señora,
así os nosos ollos están postos
no Señor noso Deus,
ata que El se apiade de nós.

Apiádate de nós, Señor, apiádate de nós,
pois estamos fartos de desprezo;
farta está a nosa alma
das burlas dos satisfeitos,
do desprezo dos poderosos.



Segunda Lectura     2 Cor 12, 7-10
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Gloriareime na miña febleza para que habite en min a forza de Cristo

            Irmáns:
            Debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne: un emisario de Satán, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo.
            Por tres veces pedinlle ao Señor que o arredase de min, pero respondeume: "Chégache coa miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza".
            Daquela presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo.
            E por iso gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume evanxelizar os pobres.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 6, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Non hai profeta máis desprezado que na súa terra

            Naquel tempo, saíndo Xesús de alí, foise para a súa vila acompañado polos seus discípulos.
            Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
             De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?
            Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:
            Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.
            E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo impoñendo as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade.
            E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 29 de junio de 2012

REFLEXIÓN


Non fixo Deus a morte nin se aleda co exterminio dos vivos: Aquí, nesta frase da primeira lectura está unha das afirmacións fundamentais da fe cristiá, e á que moi poucas veces lle prestamos a atención que require. Estamos moi habituados a reducir a fe a funerais, enterros, misas polos defuntos... todo o que di relación á morte. E poucas veces somos capaces de facer o esforzo por pararnos nos textos da Palabra de Deus e tentar de entendelos, buscar como os podemos poñer en relación co que facemos cada día, coa nosa maneira de facer e percibir as cousas. Así, temos esquecido que o Deus cristián é un Deus de vida e para os vivos; un Deus de esperanza, de solidariedade, de xustiza.... de igualdade. E estas non son afirmacións ao vento e baleiras de contido, senón fundamentos da fe que profesamos e queremos ou dicimos que queremos vivir cada día, persoal e comunitariamente. Diante da inxustiza, o empobrecemento, a exclusión, o desbarate, a manipulación e todos os contravalores e da debilidade de pensamento que ateiga neste momento a visión da sociedade e a vida de moitas persoas, a confesión de que cremos en Deus Pai supón tamén a confesión nun Deus que busca e alenta sempre a xustiza, o trato igualitario de uns para cos outros, a superación de calquera tipo de discriminación, imposición ou medo. Por iso dicimos que é un Deus de vivos e para a vida, un Deus que pon en nós a semente da graza para que non nos deixemos ir sen criterio, sen horizonte e sen principios á hora de tomar decisións sobre quen somos, que queremos e con quen estamos chamados a construír espazos de verdadeira, fraterna e solidaria humanidade. Cómo se vai aledar cando os que mandan impoñen os seus criterios aos máis pobres, aos indefensos, á vez que van deixando nas rúas vidas rotas e abocadas á máis absoluta desesperación?  Como non vai rebelarse contra comportamentos e actitudes de prepotencia, superioridade e humillación cara aos máis débiles? Como vai dar por bo o engano, ao abuso ou o aproveitamento da necesidade dos que están a pasar por verdadeiras situacións de explotación? A fe que nós cremos e rezamos non tería nin sentido nin valería para nada se non nos levase logo a aplicala na nosa vida, a canto facemos, ás decisións que tomamos, á maneira que temos de tratar uns cos outros. Por iso nin a morte pode ser a que peche todo o que somos e temos feito, nin a vida se ha identificar co que fan os que teñen poder, cartos ou capacidade de someter aos demais. Deus ábrenos un camiño, El mesmo se rebela contra a inxustiza e contra canto deu de costas ao seu proxecto para nós. Un proxecto no que caridade e xustiza van xuntas, non poden separarse. Unha sen a outra acabarían converténdose en puro paternalismo ou en violencia permanente duns, as vítimas, con outros, os verdugos, o que nos levaría á total destrución. Porque Deus non se aleda, tampouco busca o exterminio de ninguén, só camiñando xuntas a xustiza e o amor, respondemos á invitación de traballar pola dignidade humana.

*        Por iso Paulo nos lembra que sen igualdade non pode haber presenza de Deus. Pero a igualdade non é unha palabra, por moi ben que soe, senón unha actitude, un compromiso, unha tarefa na que imos traballando e esforzándonos día da día, na casa, no traballo, na parroquia... alí onde nos atopemos. Desde a perspectiva de fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificados co que Paulo lle di aos corintios: só se descubrimos a igualdade de todas as persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa, todos os bautizados temos que preocuparnos das persoas máis necesitadas, das de aquí e tamén das de máis lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer nos medios de comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe que nos invitou a vivir desde o testemuño. Se o noso dicir creo se reduce a palabras, sen ser capaces de acompañalo coa vida. Que fe podemos ter? A igualdade é unha actitude que debe ir sempre acompañada da solidariedade e do amor. Sen elas, todo se converte baleiro.

*        E esta igualdade da que a Palabra nos fala abrangue tódalas facetas nas que os seres humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero. Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento feminino” e reaccionan rapidamente contra calquera formulación que poida poñer en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres. Os seguidores de Xesús temos que concienciarnos de que isto non é algo natural, de que Xesús non o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición inxusta do poder machista. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico “saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.

LECTURAS



13º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B


Primeira Lectura     Sab 1, 13-15; 2, 23-24
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Por envexa do demo entrou a morte na terra

            Non fixo Deus a morte
nin se aleda co exterminio dos vivos;
creouno todo, de certo, para que subsista
e as criaturas do mundo son saudables;
non hai nelas veleno mortal
nin ten o Hades imperio sobre a terra,
porque a Xustiza é inmortal.
            Pois Deus creou o home para a incorrupción
e fíxoo imaxe do seu propio ser,
mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,
e os seus secuaces téñena de probar.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e 13b
R/.  (2a):  Eu lóote, Señor, porque me libraches.

Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan  ao sepulcro.

Cantádelle  ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.


Segunda Lectura     2 Cor 8, 7. 9. 13-15
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Que a vosa abundancia supla a indixencia dos irmáns pobres

            Irmáns:
            Xa que abundades en todo en fe, en palabras, en ciencia, en interese polas cousas e en amor a nós , abundade tamén nesta graza. Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para  vos enriquecer coa súa pobreza.
            Non se trata de que pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa equilibrio. Neste momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles, para que a abundancia deles poida vir en auxilio da vosa carencia.
            Así haberá igualdade, de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen recollía pouco, non lle faltaba.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte,
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 5, 21-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Nena, a ti che falo: érguete.

            Naquel tempo, pasando de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que,  ao velo, botouse aos seus pés suplicándolle:
            A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.
            E foise con el, seguido de moito xentío que o estrullaba.
            Había unha muller que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, dicindo para si:
            - "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa".
            E secándolle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.
            Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
            Quen me tocou na roupa?
            Os discípulos respondéronlle:
            Ti ben ves a xente preméndote; e aínda preguntas por quen te tocou?
            Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. Daquela, a muller, amedrentada e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. El díxolle:
            Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.
            Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
            A túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando  ao Mestre?
            Pero Xesús,  ao escoitar o que estaban a falar, díxolle  ao xefe da sinagoga:
            Non temas, abonda que teñas fe.
            E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
            Ó chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, entrou e díxolles:
            A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
            E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mailos seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
            Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").
            A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta.
            El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 22 de junio de 2012

REFLEXIÓN


Os textos que imos proclamar hoxe queren ser unha chamada a vivir en “santidade e en xustiza”. Si, porque vivir en santidade é vivir con toda a dignidade de persoa que ten como prototipo a Xesús, e vivir en xustiza implica que todo ser humano poida chegar a ser o que ten que ser, o que Deus quere que sexa. Xustiza é poder medrar física, intelectual, social, cultural e moralmente. Xustiza é ter unha vivenda e un medio digno de sustento. Xustiza é vivir con dignidade de fillo de Deus e intentar darlle esa dignidade a todas as persoas, sobre todo ás que máis o precisan.
Que a festa que hoxe celebramos, o nacemento de Xoán Bautista, o máis grande entre os profetas, nos axude a desenvolver esta tarefa profética á que todos nós estamos chamados.

LECTURAS




Día 24 de xuño: Nacemento de San Xoán Bautista. Solemnidade



Primeira Lectura  Is 49, 1-6
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Convértote en luz das nacións

            Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.
            O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.
            Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man, converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba, e díxome: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
            Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada, pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.
            Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza.
            "Pois agora -fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser o seu servo, para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El-, é moi fácil para ti ser o meu servo, restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel, pois convértote en luz das nacións, e serás a miña salvación ata o confín da terra".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus   

                      
SALMO RESPONSORIAL  138, 1-3. 13-14ab. 14c-15
R/.  (14a): Douche grazas, Señor, por me faceres coma un prodixio.

Señor, ti escudríñasme e coñécesme,
ti sabes cando sento e me levanto,
penetras nos meus pensamentos desde lonxe.
Escrútasme se camiño e se estou quedo,
as miñas sendas sonche todas familiares.

Ti formaches as miñas entrañas
tecíchesme no seo da miña nai.
Douche grazas por me faceres coma un prodixio;
as túas obras son marabillosas.

Ti coñecías xa o meu espírito,
e nada do meu ser che estaba oculto,
cando no segredo era formado,
tecido no fondo da terra.

Segunda Lectura  Feit 13, 22-26
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Predicaba Xoán antes da vinda do Señor

            Naqueles días, díxolles Paulo:
            O Señor deulles por rei a David, de quen testemuñou dicindo: "Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade".
            A súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús.
            Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: "non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés".
            Irmáns, descendentes de Abrahán e os que seguides o noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus   


ALELUIA  Cf Lc 1, 76
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
E ti, meu meniño, vas ser chamado profeta do Altísimo,     
porque irás por diante do Señor preparando os seus camiños.
Aleluia.

Evanxeo  Lc 1, 57-66. 80
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xoán é o seu nome

            Cando se lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus veciños e parentes con canta miseri­cordia o Señor a favorecera, e compartían a súa alegría.
            Ós oito días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu pai. Pero interveu a nai, dicindo:
            Non, chamarase Xoán!
            Eles replicáronlle:
            Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
            Entón, por sinais, preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu unha taboíña na que escribir, e puxo:
            "Xoán é o seu nome".
            Todos ficaron sorprendidos. E no intre, a el ceibáronselle os labios e a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea difundiuse a noticia destes feitos. E cantos oíron, gardábanos no corazón e dicían:
            Que virá a ser este neno?
            Porque a man de Deus estaba con el.
            O meniño medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo          

lunes, 18 de junio de 2012

UNHA SEMENTE QUE XERMOLA E MEDRA


A nosa maneira de falar é esta:
Se eu estivese alí... se fose eu ...
Ben lle cadrou de non bater comigo...
Grazas a min fíxose isto ou aquilo.
Sempre son eu o máis importante.

Este estilo non é o de Xesús.
Este estilo non fai medrar unha parroquia,
nin unha vila, nin un partido,
nin un sindicato, nin unha asociación.
nin unha comisión calquera,
nin a comunidade, nin a igrexa.

Se todo depende de min, soamente,
se todo depende de nosoutros, soamente,
a causa non terá bo remate.

O Reino de Deus
é un regalo que El nos fai.
É como unha semente que xermola e medra,
sen que ninguén se decate,
sen que ninguén saiba como,
pola forza que leva dentro,
por si mesma, faise herba,
faise espiga, gra abondosa na espiga,
froito maduro disposto para e seitura.

Máis aló do teu esforzo,
como un agasallo de Deus,
que recolle os teus traballos,
que os coroa e engrandece,
está o Reino de Deus.

Acéptao, cántao. Agradéceo.
Gózao con alegría.

Este é o estilo de Xesús
a quen ninguén pode acusar
de non traballar ata a morte
pola causa dos máis humildes e aflixidos.

LECTURAS

DOMINGO XI DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B


Primeira Lectura     Ez 17, 22-24
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Enxalzou a árbore humilde

            Así fala o meu Señor:
            Eu collerei das ramas do cedro a máis alta e fixareina;
dos gallos máis novos arrincarei un xermolo,
e plantareino nun monte alto e elevado,
no monte elevado de Israel plantareino;
botará gromos e dará froitos
e volverase un cedro magnífico;
aniñarán debaixo del todos os paxariños,
todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.
            Entón todas as árbores do monte
caerán na conta de que eu, o Señor,
derreo a árbore ergueita
e levanto a árbore derreada;
seco a árbore verde
e fago florecer a árbore seca.
            Eu, o Señor, díxeno e fareino.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 91, 2-3. 13-14. 15-16
R/. (cf. 2a): É bo honrar o teu nome, Señor.

É bo celebrar o Señor,
e cantar ao teu nome, oh Altísimo,
pregoar de mañá a túa misericordia,
e de noite a túa fidelidade.

Os xustos florecerán coma palmeiras,
ergueranse coma cedros do Líbano.
Plantados na casa do Señor,
florecerán nos adros do noso Deus.

Aínda na vellez seguirán dando froito,
estarán cheos de zume e de vigor,
para pregoaren que o Señor é recto,
a miña rocha, en quen non hai iniquidade.


Segunda Lectura     2 Cor 5, 6-10
LECTURA DA 2ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle ao Señor

            Irmáns:
            Temos sempre bo ánimo, sabedores de que, mentres residimos no corpo, camiñamos lonxe do Señor, guiados pola fe, non polo que se ve.
            E con este ánimo, preferimos liberarnos do corpo e habitar a carón do Señor. En todo caso, ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle.
            Porque todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A semente é a Palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 4, 26-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
A máis pequena das sementes faise o máis grande dos arbustos

            Naquel tempo, dicía Xesús á multitude:
            Así é o Reino de Deus, como un home que bota a semente na terra, e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma; primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. E cando o froito xa está en sazón, de seguida se lle mete o fouciño, por ser o tempo da seitura.
            E tamén dicía:
            Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas ponlas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.
            E así, con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

viernes, 8 de junio de 2012

ECCE PANIS



O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.

Lecturas


DOMINGO DO CORPO DE CRISTO  CICLO B


Primeira Lectura     Ex 24, 3-8
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco


     Naqueles días, Moisés veu e expúxolle ao pobo todas as pala­bras e os mandatos do Señor; e o pobo a unha respondeu:
     Faremos todo o que dixo o Señor.
     Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
     Ao día seguinte, Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ao Señor. Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade verteuna no altar. Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ao pobo. Este respondeu:
     Faremos todo o que dixo o Señor e obedeceremos.
     Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu o pobo con el, dicin­do:
     Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme ás palabras lidas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
R/.  (13):  Alzarei a copa da salvación, invocando o nome do Señor.
Ou:  Aleluia.

Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.

É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!

Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o nome do Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.


Segunda Lectura    Heb 9, 11-15
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O sangue de Cristo limpará a nosa conciencia

            Irmáns:
            Ó presentarse Cristo como Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda - santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva.
            Porque se o sangue de carneiros e de touros e a aspersión da cinsa dunha xovenca consagra os impuros, dándolles unha pureza corporal, moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, como vítima sen mancha) limpará a vosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo.
            Por iso é mediador dunha nova alianza, pois morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que descendín do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá eternamente.
Aleluia.


Evanxeo    Mc 14, 12-16. 22-26
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue

            No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
            Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?
            El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
            Ide á cidade, e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo, e onde entre, dicídelle ao dono da casa: "O Mestre di: Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?". El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.
            Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua.
            Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendi­ción, partiuno e déullelo, dicindo:
            Tomade, isto é o meu corpo.
            Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo, e todos beberon del. E díxolles:
            Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber do produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.
            Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo